Malestar no agro pola Lei de Benestar dos Animais Domésticos

Unións Agrarias advirte de que a aprobación da normativa podería desencadear multas de ata 30.000 euros en casos de mastíns feridos por ataques de lobo. A organización pide cambios na lei, que se debate esta semana no Parlamento de Galicia

Malestar no agro pola Lei de Benestar dos Animais Domésticos

Can de caza.

Unións Agrarias estivo a manter estes días contactos cos distintos grupos políticos do Parlamento de Galicia para pedir cambios no anteproxecto da Lei de Benestar dos Animais Domésticos, que se debate esta martes na Cámara. A organización agraria advirte de que o texto orixinal da normativa está enfocado ás mascotas de ámbito urbán, pero non considera as características dos cans de traballo no agro nin dos cans de caza.

O problema radica no caso de lesións que sufran os animais no desenvolvemento das súas tarefas, por exemplo, nas feridas que poida sufrir un mastín ao defender un rabaño do lobo ou nos danos que sufra un can de caza nunha batida ao xabarín. “Esas lesións equipáranse directamente co maltrato animal e múltanse con sancións que van dos 5.000 aos 30.000 euros” – cuestiona Unións.- “É lóxico sancionar a quen maltrate a un can, pero hai que facer distinción entre un maltrato e outras situacións con posibles danos que non son maltrato”.

Desde a organización agraria lembran os danos que causa tódolos días o xabarín en Galicia, cun impacto serio en colleitas e sinistros de tráfico, polo que considera a actuación dos cans nas batidas de caza como necesaria, aínda cos riscos que leva consigo.

“A día de hoxe no rural, e sen terse aprobado esta Lei, hai xa denuncias e propostas de sancións a gandeiros por utilizar mastíns ceibos para gardar o gando, ou por pasear animais ceibos por fincas privadas non pechadas, mentres traballan co gando e aínda que non causaran ningún tipo de problemas a terceiros co seu comportamento. Esta nova Lei, de non enmendarse no Parlamento, abre aínda máis a porta a este tipo de sancións, e a presión sobre a actividade do rural”, critica o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo.

“Cómpre polo tanto a adaptación desta norma á realidade, pois facer impracticable á caza para poder xestionar a fauna salvaxe, ou a defensa de rabaños do lobo mediante o emprego de cans, en nada axuda á protección dos animais nin ao futuro do rural”. -conclúe Jacobo Feijoo-. “O Parlamento de Galicia debe de estar para desenvolver normas equilibradas que faciliten o desenvolvemento das actividades dos cidadáns, tamén no rural, sobrando normas disparatadas, lonxe da realidade que parece que buscan acosar aínda máis á xente do rural para que se aburra e tire a toalla. Estas iniciativas sobran na chamada lexislatura do rural”.

Actualización (7-VI-2017)
Medio Ambiente aclara que non se sancionarán sinistros que sufran cans pastores ou de caza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información