Malestar entre os gandeiros polo atraso no cobro das axudas da PAC

A maior parte das sociedades e un número importante de gandeiros individuais aínda non cobraron a PAC do 2015. Caía dos prezos do leite fai máis necesarias aínda estas axudas, que supoñen unha media de 30.000 euros para unha explotación de 100 vacas

Malestar entre os gandeiros polo atraso no cobro das axudas da PAC

A conselleira do Medio Rural visitando unha SAT en Vilalba

Os ánimos no sector gandeiro galego están caldeados. Á difícil situación de prezos do leite uniuse o atraso no cobro das axudas da PAC ás sociedades, uns ingresos fundamentais para moitas explotacións que por segundo ano consecutivo van cobrar varios meses máis tarde do habitual, como moi tarde a mediados de abril se se cumpren as previsións da Consellería do Medio Rural.

Ata a PAC do 2014 as axudas cobrábanse nos últimos meses do ano, pero desde fai dous o seu cobro está a atrasarse ata os meses de marzo ou abril. Este atraso no pago complica en gran medida a situación económica das explotacións, ata o punto de que están a provocar nalgúns casos a suspensión de investimentos previstos. Mostra da súa importancia económica é que para unha explotación media de 100 vacas en muxido a contía rolda os 30.000 euros.

UUAA calcula que se debe aos gandeiros uns 60 millóns

Javier Iglesias, responsable de gandería de Unións Agrarias advirte de que o atraso no cobro da PAC “non só afecta a gran parte das sociedades (SC, SAT…) ás que se lles debe toda a axuda, senón que tamén a gandeiros individuais, que cobraron unha parte en decembro, ao redor do 65% do importe, e hai tamén un número moi importante que non percibiron nada”.

“Calculamos que a Consellería debe aos gandeiros uns 60 millóns de axudas da PAC”, asegura.

Iglesias recoñece que “hai un gran cabreo nos gandeiros” e atribúe este atraso “á xestión caótica destas axudas por parte da Xunta nos dous últimos anos”. Pon como exemplos que non se volcaron á aplicación da PAC datos dos expedientes así como datos actualizados do SIGPAC ou queden inspeccións aínda pendentes de realizar.

SAT Niveiro: “Estamos impacientes, porque estas axudas son as que fan respirar a moitas explotacións”

Ningunha das SAT consultadas por Campo Galego cobrou as axudas da PAC a día de hoxe. Desde SAT Niveiro, unha explotación de Val do Dubra (A Coruña) con 220 vacas en muxido recoñecen “preocupación” por non cobrar aínda a PAC. “Estas axudas son as máis importantes por que son as que fan respirar a moitas explotacións gandeiras”, resume Javier, un dos socios.

Desde outra SAT de Mazaricos (A Coruña) fixan nuns 60.000 euros a axuda que lles debe a Consellería do Medio Rural. “Antes pagábannos en decembro pero desde hai dous anos veñen atrasando o ingreso ata abril, e este atraso, nun momento de prezos do leite como este, pode ser decisivo”, explica un dos socios que prefire manter o anonimato.

No caso de SAT Dorna, situada no concello de Lugo, o atraso tamén está a provocar a anulación de investimentos previstos. “Tiñamos previsto comprar un carro mesturador para a explotación, pero por culpa deste atraso no ingreso da PAC tivemos que parar a compra”, explica Marcos, un dos socios.

“A única axuda que cobramos ata agora foi en decembro a axuda por vaca e a do céntimo por litro de leite, pero foron pouco máis de 3.000 euros”, resume Marcos.

Empezan a chegar aos gandeiros as cartas da PAC 2016

Con boa parte das sociedades aínda sen cobrar a PAC 2015 estes días están a chegarlles aos gandeiros as cartas da Consellería do Medio Rural coas claves PIN para poder consultar na Oficina Agraria Virtual os importes estimados de axudas da PAC para 2016.

As claves están a chegar a mediados de marzo, aínda que o prazo para a tramitación das axudas iniciouse xa o 1 de febreiro e finalizará o 30 de abril.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información