Máis de 70 artesáns e produtores locais daranse cita o día 28 en Triacastela

A novena edición da Feira de Artesanía e Produtos da Zona contará con obradoiros de cestería, tear, madeira, cantería e cristal. O pregoeiro será Jorge Mira e haberá Cantos de Taberna para completar a animación musical

Imaxe dunha edición anterior da Feira de Artesanía e Produtos da Zona de Triacastela

Imaxe dunha edición anterior da Feira de Artesanía e Produtos da Zona de Triacastela

Triacastela celebra o vindeiro 28 de setembro a novena edición da súa Feira de Artesanía e Produtos da Zona con máis de 70 postos confirmados. Como en todas as anteriores edicións, a cita está organizada polo Concello de Triacastela, a Asociación de Mulleres Rurais Tres Castros e a Asociación de Artesás do Tear Artelar e colaboran na organización tanto a Xunta de Galicia como a Deputación de Lugo.

Desde primeira hora da mañá as rúas desta localidade da montaña de Lugo revivirán a través da artesanía e os postos de alimentación o ambiente da animada feira de gando que noutro tempo se celebraba no concello. Ademais, durante todo o día, haberá obradoiros sobre cestería, tear, madeira, cantería e cristal. Nesta edición xa teñen reservado o seu lugar máis de 70 postos, entre artesáns e produtores locais chegados de toda a comarca, que porán á venda produtos de alimentación como queixos, embutidos, pan ou doces.

Triacastela ten no Camiño de Santiago outra das súas principais fontes de riqueza

Triacastela ten no Camiño de Santiago outra das súas principais fontes de riqueza

Este ano a feira contará con Jorge Mira como pregoeiro, que o ano pasado non puido asistir por motivos alleos á súa vontade e que se comprometeu coa organización a vir na seguinte edición. Este catedrático de Electrofísica é tamén moi coñecido pola súa participación activa en programas de divulgación científica, entre os que se atopa na actualidade “Coma un allo” da TVG.

Como novidade importante, terá lugar a primeira edición dos Cantos de Taberna, que comezarán ás sete da tarde polos distintos locais de hostalaría que hai na vila, que ten no Camiño de Santiago outra das súas importantes fontes de riqueza. Engádese así un elemento máis á variada animación musical e cultural da xornada, que contará tamén con pasarrúas, teatro e verbena.

Feira de ano

Lugares coma Biduedo manteñen aínda unha importante actividade gandeira

Lugares coma Biduedo manteñen aínda unha importante actividade gandeira

Esta novena edición da Feira de Artesanía e Produtos da Zona muda de data para o 28 de setembro. Este é o primeiro ano que se celebra en datas diferentes ás anteriores, cando se facía en Semana Santa, para facer
coincidir deste xeito a Feira coa tradicional feira de ano que se segue celebrando o 28 de setembro en Triacastela, onde tradicionalmente hai feira os días 28 de cada mes.

Coma en moitos outros concellos galegos, o gando foi pouco a pouco desaparecendo da feira, pero o municipio mantén aínda unha importante cabana gandeira, vinculada sobre todo ao vacún de carne, con numerosas explotacións aínda en activo. Algunhas delas están a apostar nos últimos anos polas razas autóctonas, como as cachenas que Jorge Anguez ten en San Breixo ou as vianesas de Gandería Gayo en Biduedo.

PROGRAMA IX FEIRA DE ARTESANÍA E PRODUTOS DA ZONA

10 h: Apertura da Feira
12-13 h: Pasarrúas a cargo da CHARANGA DE VILALBA
13 h: Pregón a cargo de JORGE MIRA e actuación do grupo PIORNOS DO ORIBIO
14-15 h: Sesión vermut a cargo do dúo DOLCEVITAMUSICAL
16-18 h: Pasarrúas a cargo da CHARANGA DE VILALBA
19 h: Representación teatral de LILA TEATRO coa obra “RARA AVIS” no local social Fonte do Lunar
19-22 h: CANTOS DE TABERNA nos locais de hostelería da vila de Triacastela
20 h: Peche da Feira
22-1 h: Verbena a cargo do dúo DOLCEVITAMUSICAL
– Haberá pulpeiras.
– Obradoiros de artesanía sobre: cestería, tear, madeira, cantería e cristal.

cartel programa Triacastela 2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información