Lumes e parcelarias centran as queixas do agro no Valedor do Pobo

O organismo recibiu un total de 42 reclamacións no último ano relativas ó sector agrario e forestal. Advirte da necesidade de organizar a defensa dos núcleos rurais fronte ós incendios forestais

Lumes e parcelarias centran as queixas do agro no Valedor do Pobo

O Valedor fai un chamamento a respetar nas plantacións a normativa de prevención de lumes.

O apartado que adica cada ano ó sector agrario e forestal o informe do Valedor do Pobo é un termómetro revelador dalgunhas das preocupacións máis extendidas no rural. Dúas son as cuestións que máis se repiten nas queixas da cidadanía ante o Valedor: o incumprimento das normativas de prevención de incendios e as concentracións parcelarias. Ambos temas ocupan máis da metade das 42 queixas sobre o sector agrario e forestal presentadas no 2017, segundo se desprende do informe feito público polo Valedor esta primavera.

O organismo recolleu arredor dunha vintena de reclamacións polo incumprimento das distancias entre plantacións forestais e edificacións, así como polo abandono e falta de limpeza de parcelas forestais e fincas rústicas.

Na súa análise do problema, o Valedor lembra a vaga de lumes do pasado outono, que causou catro mortos, queimou 49.000 hectáreas e obrigou ó desaloxo de 2.400 persoas das súas vivendas. “A desorganización que existe no territorio obriga a ter que asumir no curto e no medio prazo unha estratexia de defensa do rural contra os incendios, que pasa pola defensa primordial das persoas e dos bens, xunto á defensa dos recursos forestais”, conclúe o Valedor, que fai un chamamento a cumprir as normativas de prevención existentes.

Concentracións parcelarias
Outro motivo habitual de reclamacións ante o Valedor son as concentracións parcelarias, que no último ano foron motivo de 8 queixas por cuestións diversas: lentitude, disconformidade coas parcelas de reemprazo, colocación inaxeitada dos marcos, falta de execución dunha vía, etc.

En anteriores informes, o organismo advertira da necesidade de axilizar as parcelarias en Galicia, que presentan unha duración media de 16 anos. A institución insiste no problema, con exemplos como a concentración de Santa María de Leira (Ordes), declarada de utilidade pública e de urxente execución no 1990 e coa acta final de reorganización da propiedade asinada no 2014.

O Valedor lembra o compromiso da Xunta de rematar 128 concentracións en marcha nos próximos tres anos e di esperar polo cumprimento de tales prazos.

Outras queixas recibidas pola institución refírense a cuestións como caza (3), danos do lobo sobre o gando (2), erros nas axudas da PAC ou defensa da calidade do leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información