Lembran que se pode pedir caza de control do xabarín durante a veda

Coincidindo coa sementeira do millo, Unións Agrarias subliña que se permiten accións con cans, esperas e incluso batidas en caso de danos graves. Advirte de incidentes rexistrados no uso de xaulas trampa

Lembran que se pode pedir caza de control do xabarín durante a veda

Danos do xabarín no millo. / Arquivo.

A campaña da sementeira do millo é un dos intres críticos para o agro no referente ós danos do xabarín. Unións Agrarias lembrou nos últimos días que é posible solicitar accións de caza do porco bravo para evitar danos, a pesar de ser un periodo de veda de caza. “Deste xeito, calquera afectado por danos ten dereito a solicitarlle ó Tecor da súa zona medidas extraordinarias para o control da especie, sexan accións con cans, esperas selectivas ou directamente batidas nos casos máis graves”, recorda a organización agraria.

Desde Unións sinalan que en varias comarcas de Galicia están detectando intentos por parte dos Tecores de desentenderse dos danos, alegando imposibilidade da caza ata a apertura da veda, a inicios de setembro. Unións asegura en nota de prensa que iso é “rotundamente falso” e sinala que a lexislación permítelle á Xunta autorizar medidas extraordinarias por danos en época de veda, sempre e cando haxa constancia de danos.

Por iso, Unións insiste na conveniencia de dar sempre parte das perdas a través do teléfono 112, de xeito que a Consellería de Medio Ambiente dispoña de información suficiente para autorizar accións de caza cando sexan precisas.

Problemas coas xaulas trampa
Unha das iniciativas posta en marcha este ano por Medio Ambiente para encarar o problema do xabarín, a cesión ós gandeiros de xaulas trampa para capturar porcos bravos, está comezando a dar problemas no agro, segundo detecta Unións Agrarias.

“Houbo un incidente grave ó quedar varías crías retidas dentro dunha xaula e a nai fóra. A sorte foi que o gandeiro achegouse á xaula no seu tractor e puido evitar o ataque do animal”, explican desde a organización agraria, que detectou tamén outra incidencia similar. “É un problema que xa avisaramos que se podía dar e do que a Administración ten que tomar nota, pois este sistema é perigoso”, advirten.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información