“A integración das cooperativas agrarias é imparable e imos cara a unha gran cooperativa na Península Ibérica”

Entrevista a Carlos Castro, director xeral de Delagro, a maior cooperativa agrogandeira de Galicia e da Cornixa Cantábrica. Prevé pechar o 2018 cun incremento de facturación do 17% até alcanzar os 193 millóns de euros

“A integración das cooperativas agrarias é imparable e imos cara a unha gran cooperativa na Península Ibérica”

Carlos Castro, director xeral de Delagro

A cooperativa de segundo grao Delagro é un caso de éxito de integración e competitividade no mundo cooperativo. Constituída formalmente no ano 2005, agrupa na actualidade a 23 cooperativas socias de Galicia, Asturias e Cantabria e a máis de 26.000 socios e socias. Xestiona as compras de fertilizantes, cereais para a fabricación de pensos e plásticos e dunha ampla gama de produtos para profesionais (desde zoo e fitosanitarios a pensos para mascotas) para miles de explotacións socias de vacún, que suman máis de 300.000 animais, así como outros moitos clientes que non son socios. Un volume enorme de compra que lles permite ser competitivos no mercado.

“Delagro é neste momento un referente de eficiencia e de colaboración para o sector. Tamén en competitividade en canto aos produtos e servizos que ofrecemos, e unha mostra diso é que a nosa competencia espera a que nós poñamos os prezos dos abonos ou dos plásticos para gandaría porque somos o referente”, destaca Carlos Castro, director xeral desta cooperativa nos últimos anos.

Cales son as grandes cifras de Delagro a día de hoxe?
A nivel social e produto das fusións que se desenvolveron contamos con 23 socios que representan a 46 cooperativas e temos ao redor de 90 puntos de venda, dos que unhas 70 son tendas agrarias.

As nosas cooperativas socias contan con máis de 1.100 empregos directos e unha cifra de negocio de algo máis de 556 millóns de euros. Delagro emprega de forma directa a 54 persoas, ás que habería que sumar outras 10 ou 15 persoas eventuais por necesidades de campaña. En total, preto de 27.000 familias son socias das cooperativas de base de Delagro, das que teñen algún tipo de actividade agraria ao redor de 16.800 persoas.

O vacún de leite e de carne centra a actividade principal de Delagro e agrupamos a preto de 300.000 cabezas de gando. Isto tradúcese en máis de 3.740.000 toneladas de leite e preto de 700.000 toneladas de pensos que se elaboran en 17 fábricas dos nosos socios.

Delagro tamén está presente nos sectores do viño e da produción hortícola, sobre todo en Galicia.

“Delagro prevé pechar o ano cun incremento do 17% na facturación”

O pasado ano Delagro incrementou un 7,25% a súa facturación até os 165 millóns de euros. ¿Pecharase o 2018 tamén con incrementos de facturación e de beneficios?
Ao peche do mes pasado estamos a medrar en máis de 23 millóns de euros de facturación con respecto a todo o ano pasado, o que supón preto dun 20% máis. E esperamos terminar o ano por riba do que orzaramos, ao redor de 193 millóns de euros de facturación, o que suporía 28 millóns de euros máis que en 2017 e un incremento do 17%. Marcarámonos en Delagro lograr un beneficio para este exercicio duns 1,6 millóns de euros e tamén imos superar esa cifra.

O crecemento é xeral practicamente en todas as cooperativas socias e en todas as familias de produtos.

¿Aínda queda percorrido a Delagro para aumentar a súa base de socios e a súa área xeográfica, que na actualidade abarca a cooperativas de Galicia, Asturias e Cantabria?
Creo que si, tanto directa como indirectamente. De feito, estamos a incrementar a nosa actividade comercial con terceiros, tanto cooperativas como outro tipo de entidades. Os tempos que corren empuxan cada vez máis a integrarse no sector agrario, sexa dun xeito ou doutro.

Estamos a traballar con cooperativas doutras Comunidades Autónomas, como Kaiku no País Vasco, e tamén con cooperativas de Cataluña, da Comunidade Valenciana, de Castela e León, de Estremadura e mesmo de Andalucía. E por suposto colaboramos coas cooperativas do Norte de Portugal, en concreto con UCANORTE, coa que temos unha relación de confianza absoluta.

A vocación de Delagro é integradora e non hai límites xeográficos. De feito, quen tente pórlle límites á integración cooperativa creo que comete un gran erro.

¿Custa facer ver a importancia de Delagro á base social de máis de 27.000 socios?
Os socios fundadores das cooperativas de base de Delagro saben de onde veñen e as dificultades que tiñan que pasar, tanto a nivel comercial como de abastecemento de subministracións.

A isto súmase o feito de que as novas xeracións de agricultores e gandeiros veñen empuxando forte e dalgunha forma non senten un vínculo tan intenso coas súas propias cooperativas, e máis con Delagro, como os seus pais ou avós. Quizais non investimos recursos en dar a coñecer as actividades que desenvolve Delagro porque entendiamos que era unha especie de club privado onde todos os socios coñecían e eran conscientes das vantaxes de estar en Delagro.

“As novas xeracións quizais non son tan conscientes das vantaxes que supón Delagro respecto da situación anterior. Temos que mellorar en comunicación”

Tamén é certo que hai ineficiencias que se trasladan ao cliente final e que non se producen en Delagro, polo que nos convertemos nunha especie de muleta á que se atribúen eses fallos. O que si é evidente é que as nosas cooperativas socias nos últimos 25 anos medraron por méritos propios, pero creo que Delagro tamén algo achegou.

E sobre todo, evitamos ter duplicidades extremas de funcións: agora mesmo quedan unhas 43 cooperativas de primeiro e segundo grao en Galicia no sector agrogandeiro, pero viñamos de máis de 60, o que provocaba moitas ineficiencias que pagaba o socio.

“O desexable é unha gran cooperativa agrogandeira para toda a Península”

¿Como valoras o proceso de integración cooperativa que se desenvolveu e que está en marcha en Galicia e como afecta a Delagro?
Delagro pola súa propia natureza é a maior estrutura de integración cooperativa do Norte da Península, polo que forma a integración parte da nosa filosofía para que o socio salga gañando.

Por tanto, a vocación de Delagro é propiciar a integración cooperativa: é un proceso absolutamente imprescindible e que apoiamos. E hai que destacar que este proceso de Delagro leva funcionando xa tres décadas, de forma regulada ou non. Tamén é de destacar que vimos nacer e morrer outros procesos de integración cooperativa, pero este segue vivo e vixente, porque fomos capaces de axuntar sinerxías e de evitar duplicidades de moitas cooperativas de tres comunidades autónomas.

Os procesos de integración e de fusión cooperativa son necesarios e imparables e sobrevivirán os máis fortes e profesionais. Delagro seguirá existindo como cooperativa de segundo grao mentres sigan existindo cooperativas de primeiro grao, ou como departamento dunha gran cooperativa que baixo o meu punto de vista sería o desexable. Creo que estes procesos de integración cooperativa van confluír, e non digo a nivel de Galicia, senón da Península. O que tería que haber é un Delagro a nivel nacional ou peninsular, e xa se están a dar pasos para que iso ocorra, porque noutras comunidades autónomas os procesos de integración son moito máis potentes e de gran tamaño.

“Están a darse pasos para construír un gran Delagro a nivel Peninsular e así mellorar a compra de pensos e fertilizantes para os socios”

O obstáculo que atopamos até agora é que en Delagro somos especialistas en gando vacún, mentres que no centro e sur de España son máis en produción animal intensiva, cultivos extensivos, horta, viñedo…etc e non atopamos moitas sinerxías con outras estruturas a nivel nacional.

Sen embargo, está claro que as subministracións agrarias (cereais, fertilizantes..etc) en España e mesmo na Península Ibérica temos que xestionalas as cooperativas de forma conxunta para mellorar custos para o cliente final. Hai vontade para iso e xa hai movementos individuais que están a acelerar o proceso, o que é unha fantástica noticia. E non debemos temer nada, porque en gando vacún en Delagro somos especialistas e sempre imos aportar. Neste sentido, xa estamos a participar nas comisións sectoriais de subministracións de Cooperativas Agroalimentarias de España e aí é onde xa estamos a sumar sinerxías.

Debemos ter en conta que para ser competitivos na compra de materias primas, como cereais ou fertilizantes, temos que ter volumes (é dicir, comprar barcos, non camións), contar con especialistas que albisquen os mercados para detectar o mellor momento para a compra, e ter plantas de produción afinadas.

A solución é xuntarnos as cooperativas da Península e xestionar os fertilizantes cunha soa voz, para gañar todos. Non ten sentido que cada cooperativa xestione a compra de materias primas no mercado pola súa conta.

En Europa temos moitos exemplos de integración cooperativa en Francia, en en Alemaña e mesmo de cooperativas que operan en varios países.

Neste sentido, Como valorades o acordo de DELAGRO con UCANORTE, a cooperativa gandeira máis importante do Norte de Portugal?
A nosa colaboración coas cooperativas do Norte de Portugal é excelente, compartimos inquietudes e necesidades e temos ambas unha actitude proactiva e ilusionante.

As limitacións que temos son fundamentalmente legais, por distintas normativas de España e de Portugal, o que obstaculiza o avance da nosa cooperación.

“Existen barreiras legais entre España e Portugal que impiden que Delagro teña unha maior cooperación con UCANORTE”

Doutra banda, o futuro pasa inexorablemente por compartir coñecementos a nivel de prácticas e de solucións agronómicas e tecnolóxicas, onde en UCANORTE son punteiros en manexo de cultivos. Ambos temos áreas de mellora e podemos facelo xuntos, aprendendo uns dos outros para ofrecer as mellores solucións técnicas e de produtos aos nosos socios.

¿Cales son as principais fortalezas de Delagro no mercado?
A primeira é a transparencia, de forma que calquera socio ou cliente non socio pode coñecer en todo momento calquera produto ou servizo que Delagro desenvolve e en calquera punto: a nivel de recursos, custos, procedemento…etc. Esta transparencia é clave á hora de compartir estratexias co cliente.

A xestión de compras a provedores é a nosa grandísima fortaleza, pois temos un gran volume de negocio e unha gran experiencia no coñecemento das distintas familias de produtos, contando con especialistas para cada unha das áreas.

Por outra banda, temos altas capacidades en canto a procesado de datos, cunhas ferramentas tecnolóxicas que están moi por riba doutros competidores do mercado. Desenvolvemos ferramentas tecnolóxicas propias, como a aplicación delagrOS, perfectamente adaptadas ao sector agroalimentario.

Ademais, a plataforma e a xestión de loxística que temos é altamente eficiente, cun cumprimento estrito de toda a lexislación, cuestión que moi poucas empresas cumpren.

Tamén destacaría de Delagro a enorme masa social que temos detrás e que sustenta boa parte da nosa actividade. A nosa amplitude xeográfica tamén nos dá unha maior perspectiva dos mercados.

Por último, salientar como a clave o equipo humano de Delagro, formado por grandes profesionais con moitísima experiencia e que nos diferencia no sector. As numerosas familias de produtos que traballamos tamén nos dan unha perspectiva máis completa das necesidades dos profesionais do sector agrícola e gandeiro.

DELAGRO_CARLOS_CASTRO_1

En Delagro estades a diversificar a vosa oferta de produtos, como a liña de alimentos para mascotas TOTAL DOG. ¿Como valorades a súa evolución?
A experiencia dos pensos para mascotas TOTAL DOG foi dun éxito rotundo, multiplicando por 10 a facturación. Logramos asentar uns produtos de calidade, ampliado gamas de pensos para mascotas e somos moi competitivos tanto en calidade como en prezo.

Despois desta familia de Total Dog potenciamos outras moitas como conservantes de ensilado, lubricantes de marca propia, polímeros para conservación de última xeración para conservar forraxes, sementes premium que non traballa ninguén no sector, equipamentos de xardín…etc.

Seguimos co foco posto nos produtos profesionais para o sector agrogandeiro, pero tamén estamos a desenvolver outros produtos para un cliente de ámbito rururbano. E en todos os produtos ampliamos o catálogo con gamas premium e ultra, para as que tamén existe unha demanda.

Neste sentido, ¿Que balance realizas do funcionamento de Mercarural, a rede de tendas agrarias das cooperativas socias de Delagro?
Mercarural empezou a funcionar no ano 2013, sentando as bases para o seu desenvolvemento. Contamos cunhas 40 tendas ás que asesoramos directamente, dos 70 puntos de venda cos que contamos en Delagro. Realizamos unha implantación tanto de procedementos, formación de persoal, imaxe, auditorías…un proceso moi intenso que estamos a realizar nos establecementos que contan con ferramentas tecnolóxicas, para poder avaliar as áreas de mellora.

O noso papel de Delagro é establecer pautas de traballo para que estas unidades de traballo de Mercarural sexan eficientes e presten bos servizos aos clientes, sobre todo tendo en conta que cada vez estas áreas comerciais atraen a moitas persoas non socias e tamén do ámbito urbano.

“Incrementamos este ano case un 50% a venda de combustibles”

Moitas das cooperativas de Delagro abriron gasolineiras nos últimos anos como unha vía de xerar beneficios. A compra do combustible xestiónase conxuntamente a través de Delagro. ¿Como está a evolucionar esta área de negocio?
A venda de combustible está a ter unha evolución moi positiva, pasando de 23 millóns de litros de combustible vendidos en 2017 nas gasolineiras das cooperativas de Delagro a uns 34 millóns de litros que se comercializarán este ano, o que supón un incremento do 48%. A día de hoxe contamos cunha rede dunhas 16 gasolineiras, practicamente o triplo que hai 4 anos.

Temos colaboración con Repsol, e en menor medida con Cepsa, BP e Galp. Como noutros produtos, o que tentamos é ofrecer produtos de primeira calidade ao mellor prezo.

É certo que nos últimos meses estamos a notar a suba do prezo do petróleo, unha situación que é difícil paliar porque se compra a spot e é imposible practicamente realizar contratos a longo prazo.

En 2019 finaliza o actual Plan Estratéxico de Delagro. ¿Que cambios consideras que se deberían realizar no próximo?
Unha parte pasa por desenvolver produtos específicos para a fertilización tanto para os nosos socios como a terceiros. E o mesmo no noso centro de loxística, onde prestamos uns servizos de altísima calidade.

Iniciamos a implantación de delagrOS, unha ferramenta informática de xestión desenvolvida por nós, e que non só están a empregar nosas cooperativas socias, senón tamén por parte de terceiros. Por exemplo, neste momento a propia Kaiku, no País Vasco, está a utilizala e outras cooperativas externas a Delagro están interesadas nela. Neste sentido, gustaríanos trasladala a calquera empresa agroalimentaria, porque foi desenvolvida especificamente para este sector.

Por outra banda, estamos nunha fase continua de mellora dos procesos internos e de adaptación ás integracións que se producen na nosa base social, o cal é positivo porque nos obriga a unha mellora continua.

Por tanto, achegámonos ao final do actual plan estratéxico, polo que teremos que sentarnos e, coa experiencia que acumulan as nosas cooperativas e as necesidades que detectan, readaptar o plan para os próximos anos,

 “Imos duplicar a liña de envasado da nosa planta de fertilizantes das Pontes”

O último gran investimento de Delagro é o Complexo Industrial das Pontes, inaugurado en 2014, e que alberga tanto a planta de fertilizantes como o centro loxístico. ¿Están a cumprirse as expectativas para esta planta?
Estamos moi satisfeitos e a valoración é que foi un investimento moi acertado. Os obxectivos que nos marcamos a niveis de calidade e de servizo cúmprense sobradamente. Hai que ter en conta que esta é unha estrutura que se construíu por e para o consumidor final, tanto socios das nosas cooperativas, como vendas a terceiros, que xa representan o 20% da facturación de fertilizantes de Delagro.

A primeira premisa é a calidade, e neste sentido somos moi escrupulosos coa orixe das materias primas; contamos cun equipamento técnico moi moderno e temos uns procesos moi protocolarizados. E ademais das nosas auditorías, sometémonos a auditorías externas do maior fabricante mundial de fertilizantes nitroxenados, o grupo YARA. Todo isto garante unha altísima calidade para o cliente.

En canto ao servizo, adoeciamos no sector dun bo servizo. Nesta planta de fertilizantes de Delagro temos unha capacidade de resposta líder no mercado.

E a nivel de loxística en Delagro somos especialistas e practicamente o 97% das entregas prodúcense nas primeiras 48 horas e máis dun 80% nas primeiras 24 horas. Todo isto alivia o inmobilizado das cooperativas socias e do cliente final.

En canto á produción propiamente dita dos fertilizantes, fomos fomentando a diferenciación nas formulacións dos distintos fertilizantes que producimos, e iso permítenos ser moi eficientes en custos e en elaborar fertilizantes á carta para o consumidor final, con fórmulas a nivel de parcela.

Esta evolución positiva, ¿En que se traduce en cifras?
Estamos a facturar directamente en todo o complexo das Pontes máis de 20 millóns de euros, dos que un pouco menos da metade son fertilizantes e o resto todo tipo de produtos, fundamentalmente produtos para os profesionais do sector gandeiro.

Na área de loxística prevemos finalizar o 2018 con ao redor dun 15% de incremento de facturación e en fertilizantes imos finalizar cun incremento dunhas 2.500 toneladas por encima do 2017, a pesar da mala campaña de primavera.

Neste momento estamos a desdobrar unha liña de envasado de fertilizantes e prevemos crecer ao redor dun 25% máis en toneladas o próximo ano. A capacidade máxima da planta agora mesmo está ao redor das 35.000 toneladas anuais e con esta ampliación poderemos incrementala ese 25%.

¿Cales son as previsións de prezos de fertilizantes para o próximo ano?
Estamos nun momento complicado debido a líderes políticos que están a obstaculizar o libre comercio mundial, con medidas proteccionistas. Isto está a levar a un encarecemento das materias primas que o acabamos pagando todos os consumidores.

En Delagro temos unha planificación e unhas coberturas na subministración e prezo das materias primas, tanto de fertilizantes como de cereais, polo que os prezos dos fertilizantes van subir e xa se encareceron no último ano. Con todo, os nosos socios non o van a notar ou vano notar pouco, porque en Delagro temos coberturas a longo prazo que van amortecer esas subidas.

“O prezo do penso e do fertilizante para os nosos socios vai subir menos que no mercado, porque en Delagro temos coberturas a longo prazo”

Pero se saímos ao mercado spot os prezos dos cereais están a pórse polas nubes, debido á mala colleita a nivel europeo. Por tanto, de aquí á próxima colleita, tanto cebada como trigo, e mesmo o millo de rebote, van subir.

En canto aos plásticos agrícolas vanse ver afectados pola suba do prezo do petróleo, pero de momento é difícil cuantificalo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información