Informe de Medio Rural sobre a mina de Erimsa en Mesía: “rexeitamos o proxecto con rotundidade porque danará gravemente a produción agrogandeira”

Informe de Medio Rural sobre a mina de Erimsa en Mesía: “rexeitamos o proxecto con rotundidade porque danará gravemente a produción agrogandeira”

Actividade mineira de Erimsa extraendo seixo de fincas agrícolas

A asociación ecoloxista ADEGA ven de facer público o informe da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias sobre o proxecto da mina de seixo de Erimsa nos concellos coruñeses de Mesía e de Frades, e que afectaría a 761 hectáreas de uso agrícola.

O informe preceptivo, pero non vinculante, é de maio do pasado ano pero non transcendeu ata hoxe. A postura de Medio Rural é clara á hora de rexeitar o proxecto mineiro. “Esta Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias non pode por máis que pronunciarse en contra do proxecto sinalado, ao considerar que os importantes efectos negativos que se causarían sobre a produción agrogandeira da zona, afectarían grandemente aos concellos de Mesía e Frades, por ser esta un piar fundamental da súa actividade económica, social e cultural, manténdose a dita afectación negativa no tempò tralo remate das actuacións”, conclúe o documento.

“É por elo que desde a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias rexeitamos o proxecto con rotundidade, e recomendamos que non se permita a realización dos traballos referidos”, aclaran dende o departamento que dirixe Belén do Campo.

informe_medio_rural_mesia

A Direción Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias tamén subliña que nas parcelas afectadas pola mina investíronse millóns de euros (20 millóns, só en Mesía) en concentracións parcelarias e outros 608.000€ en axudas ás industrias agroalimentarias e para a comercialización dos seus produtos.

Sen embargo, este non é o único informe que ten que emitir a Consellería de Medio Rural: tamén se teñen que pronunciar a Dirección Xeral de Ordenación Forestal e outros departamentos da Administración galega.

A este respecto, o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois, informou o pasado mes de xuño no Parlamento Galego que “o goberno da Xunta, unha vez finalizado o proceso de avaliación do impacto ambiental e respectando a lei, poñerá en equilibrio os intereses agrarios, mineiros e ambientais, e pronunciarase outorgando a concesión mineira ou non”.

Adega espera que os restantes departamentos da Xunta rexeiten o proxecto mineiro

Diante deste informe, ADEGA demanda da D. X. de Enerxía e Minas que denegue o proxecto de explotación de seixo de ERIMSA para a concesión “Xanceda 7138” e similares, nos concellos de Mesía e Frades..

“Agardamos que tanto Medio Rural como outros departamentos autonómicos (Augas, Medio Ambiente, Patrimonio…) fagan o mesmo e informen negativamente sobre o outro proxecto mineiro, a mina de cobre de Touro-O Pino, que ameaza non só á comarca senón tamén á Ría de Arousa”, advirten dende a organización ecoloxista.

Por último, lembran que “tanto o proxecto de Mesía como o de Touro, tramitáronse antes de que o PP aprobara a “Lei de Depredación”, e os informes preceptivos dos distintos departamentos da Xunta son aínda determinantes”.

Porén, Adega recoñece que “nada impide que estas empresas depredadoras, con concesións mineiras por ducias de anos, volvan presentar os seus proxectos nuns meses, o que xa implicará a súa tramitación express sen máis condicionantes que os que industria decida”.

Descarga aquí o informe de Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias sobre o proxecto da mina de seixo de Erimsa 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información