Inauguran en Láncara un museo sobre a maquinaria agraria

A gandería Casa de Vázquez acolle unha colección de tractores históricos e aparellos utilizados para a colleita do cereal. O museo poderá visitarse todo o ano pero é preciso concertar unha cita previa

Inauguran en Láncara un museo sobre a maquinaria agraria

O promotor da iniciativa, Marcos Vázquez, con algúns dos tractores que forman parte da exposición.

O Museo Vivo e Integrado do Campo e da Locomoción Agraria (Muvicla) abriu este luns as súas portas na parroquia de Trasliste, no municipio de Láncara (Lugo). O museo está ubicado na casa de labranza da Gandería Casa de Vázquez, impulsores da iniciativa.

O enxeñeiro técnico agrícola Marcos Vázquez foi o promotor desta iniciativa e co apoio da súa familia conseguiu reunir máis de 300 pezas relacionadas coa produción agraria. Vázquez describe a iniciativa como “unha humilde achega para ensinar o que foron os nosos antepasados”, comenta.

 O museo reúne máis de 300 pezas relacionadas coa produción agraria

A colección está composta por un tractor histórico pertencente a cada década da mecanización agraria. Ademais, nunha antiga corte, o museo dispón de diferentes aparellos utilizados para o tratamento de cereais.

A inauguración do museo contou con varias actuacións musicais e coa participación de autoridades como o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro; o deputado da área de Innovación, Participación Cidadá, Mocidade e Deportes da Deputación de Lugo, Pablo Rivera; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; así como personalidades vinculadas a algunhas das firmas de maquinaria agraria máis importantes.

Visitas ó museo

O museo poderá visitarse ó longo de todo o ano pero será preciso concertar previamente a visita, posto que a familia promotora da iniciativa compaxina o museo coa actividade gandeira e a produción de mazá.

As reservas poderán realizarse a través da páxina web www.muvicla.eu, que estará operativa nos próximos días, e que permitirá coñecer o museo, tal e como explicou Marcos Vázquez. Tamén se poderá solicitar a visita enviando un email a vazqueztrasliste (arroba) hotmail.com ou no teléfono 619 389 069.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información