“Imos crear un Banco de Explotacións para que ganderías rendibles non pechen por falta de relevo”

Entrevista a José González Vázquez, conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia. Avanza que a próxima semana se convocarán as axudas para plans de mellora e axudas de incorporación e que este ano se empezará a ofertar grandes superficies de terra abandonada a agricultores e gandeiros interesados no seu cultivo

“Imos crear un Banco de Explotacións para que ganderías rendibles non pechen por falta de relevo”

José González Vázquez, conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia.

O pasado 26 de setembro o ourensán José González Vázquez foi nomeado conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia. Falamos con el dos cambios que está a introducir no seu departamento e dos principais retos aos que se enfronta o sector agrogandeiro galego, como o avellentamento, a falta de man de obra e base territorial ou a necesidade de ordenar os usos do solo.

Acaba de cumprir algo máis de 7 meses á fronte da Consellería de Medio Rural. ¿Que logros destacaría neste período e cales son os principais retos que se plantea para o que queda de lexislatura?
En 7 meses en política pódense iniciar moitas cousas pero leva tempo o seu desenvolvemento. Destacaría todas as modificacións no que é prevención e extinción de incendios. En concreto, e seguindo as recomendacións da comisión creada no Parlamento de Galicia a raíz da vaga de lumes de outono de 2017, que seguimos as súas recomendacións sobre a necesidade de separar dentro do organigrama da Consellería o que é prevención de lumes do que é planificación e ordenación forestal. Deste xeito, creamos unha Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e outra Dirección Xeral de Defensa do Monte, porque para nós a mellor devasa fronte aos incendios é un monte ordenado e planificado.

Tamén tiñamos unha preocupación pola protección das nosas aldeas fronte aos incendios. Aí avanzamos coa FEGAMP, asinando un convenio e unha addenda que reforza a colaboración da Xunta cos concellos para a prevención de lumes, cun orzamento global de 28 millóns de euros.

Destacaría tamén que, a parte da necesidade de limpar e rozar o perímetro, imos implantar 40 aldeas modelo, nas que despois do desbroce desas faixas de protección ao redor dos núcleos rurais se implante actividade agrogandeira para non ter que rozar todos os anos.

Igualmente, destacaría que iniciamos a redacción da Lei de Recuperación e de Posta en Valor da Terra Agraria de Galicia, pois entendemos que para desenvolver o rural galego temos que implantar actividade económica rendible, que vai necesitar de máis terra. Neste sentido, temos que romper dalgún xeito as dificultades derivadas da estrutura da propiedade que ten Galicia para permitir ese acceso ao uso da terra, e ao mesmo tempo permitir que ningunha explotación agrogandeira de Galicia deixe a actividade por falta de base territorial.

Estamos na fase de negociación da nova PAC a nivel estatal. ¿A proposta que vai defender o goberno español en Bruxelas cumpre coas demandas de Galicia?
O que levamos facendo nestes meses é traballar para evitar que a PAC deixara de ser unha política comunitaria, e as axudas fosen á carta de cada Estado. Neste sentido, dende España, e aí hai que agradecer o traballo do ministro de Agricultura, gañamos unha primeira batalla ao conseguir manter unha PAC única e forte a nivel europeo, fronte ás pretensións dalgúns estados membros de facer desaparecer estas axudas europeas aos agricultores e gandeiros.

En breve haberá unhas eleccións ao Parlamento Europeo e haberá que esperar a que se forme a nova Eurocámara para ver como se vai desenvolver. Tamén estamos pendentes de que se aprobe o novo Escenario Financeiro Plurianual da UE para o período 2021-2027.

Ademais, cada un dos Estados membros ten que presentar como novidade un Plan Estratéxico cos seus obxectivos para a PAC do novo período. E en Galicia levaremos a Madrid os intereses dos nosos agricultores e gandeiros para incorporar os nosos obxectivos no Plan Estratéxico Nacional. Por iso, neste momento estamos a traballar no desenvolvemento dun Plan Estratéxico Galego para a nova PAC e poder incluír as nosas demandas no plan nacional.

¿Cales son as principais demandas de Galicia para a nova PAC?
O noso papel é defender as especificidades das nosas explotacións agrarias e gandeiros, que son sobre todo pequenas explotacións. Neste sentido, defendemos un límite de axudas da PAC de 60.000 euros por explotación. Tamén reclamamos que se teñan en conta as limitacións das zonas de montaña, e neste sentido asinamos unha postura común con todas as Comunidades da Cornixa Cantábrica.

“En Galicia temos unha figura propia que é o gandeiro ou agricultor a tempo parcial, e débese contemplar na nova PAC”

Ademais, defendemos que as axudas se deben destinar a aqueles que se dediquen á agricultura e gandería, ao agricultor xenuíno. Pero ao mesmo tempo defendemos unha figura propia de Galicia, como é o agricultor ou gandeiro a tempo parcial, que para a Xunta debe incluírse como agricultor xenuíno.

Por último, defendemos unha orientación da PAC cara á profesionalización do sector.

Un problema estrutural do sector agrogandeiro en Galicia é o avellentamento dos produtores e a falta de relevo xeracional. Por exemplo no sector lácteo, un recente estudo presentado nunha xornada da asociación Terra e Leite advertía de que en máis do 60% das ganderías galegas de vacún de leite os titulares teñen máis de 55 anos. ¿Que alternativas ofrece a Consellería de Medio Rural a estas explotacións para que non acaben plantando as fincas con eucaliptos ou directamente abandonándoas?
No borrador da Lei de Recuperación e de Posta en Valor da Terra Agraria de Galicia incluímos a creación dun Banco de Explotacións, para que aquelas persoas que non teñen sucesión na súa gandería ou viñedo, teñen a posibilidade de vender ou alugar a explotación a outra persoa para continuar coa actividade agrogandeira.

Temos unhas ordes de axudas de incorporación que nos últimos anos axudaron a rexuvenecer o sector, cunhas 2.000 mozas e mozas incorporadas nos últimos 4 anos e un investimento público por valor duns 15 millóns de euros cada ano.

Pero máis que a incorporación de mozos, que tamén é necesaria, o que máis me preocupa é a remuda xeracional naquelas explotacións gandeiras con titulares de idade elevada e que non teñen relevo. Neste sentido, o Banco de Explotacións busca poñer en contacto aquelas persoas que van cesar a actividade e non teñen relevo e novos agricultores ou gandeiros que se queren incorporar. A idea fundamental é que non se perdan explotacións que son rendibles e que esas explotacións non queden abandonadas, porque ademais seguro que nelas se investiron cartos públicos.

 “Imos crear un Banco de Explotacións para que ningunha gandería rendible peche por falta de relevo xeracional”

Ademais de poñelos en contacto, o Banco Explotacións vai ofrecer fórmulas de arrendamento que lles garantan o cobro do alugueiro ao propietario e se é compravenda favoreceremos a transmisión, todo isto con incentivos fiscais. É certo que en Galicia hai moi poucas explotacións agrogandeiras que sexan sociedades e que iso dificulta a súa transmisión pero temos que facer este esforzo.

A Lei de Recuperación e de Posta en Valor da Terra Agraria de Galicia e, polo tanto o Banco de Explotacións, serán aprobadas e entrarán en vigor a finais deste ano 2019. O que pretendemos é que explotacións que teñen tamaño axeitado para ser rendibles manteñan a súa actividade, garantíndolles aos propietarios que van ter unha renda asegurada por parte da Xunta, se optan polo alugueiro.

¿Como valoraría a situación do sector lácteo galego neste momento?
Estabilidade. Non podemos estar totalmente satisfeitos en relación ao prezo dos nosos produtos, pero é momento de estabilidade e de traballar na estratexia de cara onde debe ir o sector. Este ano é de tranquilidade en canto a prezo do leite, aínda que non estou satisfeito con eles.

¿Que pode avanzarnos do Plan Estratéxico para o sector lácteo galego, que se leva prometendo dende o ano 2014?
Na Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo participan todos os actores da cadea (gandeiros, industrias lácteas e queixerías, distribución e universidades) e nós como administración temos que defender aos nosos gandeiros e industria e orientar ao sector a partir do que nos demanden, e creo que debe ser apostando claramente pola transformación e por darlle máis valor ao noso leite. En definitiva, o que buscamos con esta estratexia é incrementar o prezo do leite e o seu valor engadido.

Debemos planificar o futuro do sector, pero contando con todos os axentes do mesmo. De nada valería un plan estratéxico elaborado por unha consultora externa, sen ter en conta a gandeiros, industria e distribución. No grupo da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo participan unhas 40 persoas representantes de todo o sector, que traballan cunha metodoloxía de mesas de traballo, coordinados pola Fundación Juana de Vega.

 “Gustaríame que este ano teñamos aprobada a Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego”

Dende a Consellería as pautas que lles marcamos foron só dúas: que permita un incremento do valor engadido do leite, e por tanto do prezo en orixe, e ver como podemos incrementar o prezo do leite líquido. Non falamos de transformar todo o leite a ecolóxico, senón que ver as oportunidades que hai para que as ganderías galegas podan producir leite de maior valor engadido. Gustaríame que neste 2019 tivésemos aprobada a estratexia.

As arredor de 7.000 ganderías de vacún de leite de Galicia empregan unhas 250.000 hectáreas de SAU. Sen embargo, diversos expertos apuntan a que precisarían 150.000 ha máis para garantir a súa sustentabilidade medioambiental e de produción de forraxes. ¿Que medidas ten en marcha a Consellería para que as ganderías galegas podan aumentar e concentrar a súa base territorial?
Se unha gandería non ten un tamaño suficiente non vai ser rendible, por tanto a restruturación de granxas que se fixo nestes últimos anos non foi mala, pois viñamos dun modelo con moitas explotacións pero moi pequenas. Hoxe as ganderías de vacún de leite galegas son de tamaño digamos europeo.

O que temos claro dende a Consellería é que ninguén pode pechar a explotación por falta de base territorial. Se precisamos máis base territorial para forraxe temos solucións que nos permiten facer grandes áreas para o cultivo de forraxe, aínda que non estean cercanas á explotación. Así, na Lei de Recuperación e de Posta en Valor da Terra Agraria de Galicia contémplase a creación de polígonos agroforestais, que actuarán sobre grandes superficies de terra, de 100 hectáreas para arriba, en terreos abandonados de boa aptitude agraria, sobre todo das provincias de Ourense e do sur de Lugo, e que se porán a disposición do sector produtor. Hoxe xa hai cooperativas gandeiras galegas que están mercando forraxes fóra de Galicia, cando se poderían cultivar perfectamente na nosa terra.

“Imos ofertar grandes superficies de cultivo a agricultores e gandeiros”

Como condicións principais que poremos dende a Xunta para a creación destes polígonos destacaría dúas: que tense que facer sempre a petición de produtores (gandeiros, cooperativas, empresas…etc). Por exemplo, 10 gandeiros de Mazaricos poden unirse para facer a petición á Xunta e podemos buscarlle 200 hectáreas xuntas de boa aptitude agraria para o cultivo de forraxes. Todo isto favorecerá a redución de custos de alimentación do gando, de gastos de maquinaria e mesmo de protección dos cultivos contra a fauna salvaxe.

Para iso poremos en contacto aqueles propietarios da terra abandonada pero queren sacarlle un rendemento cos produtores que queren superficie para cultivar.

Sen embargo, moitos gandeiros e diversas organizacións agrarias quéixanse de que a lei non se cumpre, e que a forestación ilegal de terras agrarias avanza sen control. ¿Que está fallando? ¿Por que non actúa de oficio a Xunta de Galicia ante esta situación e non teñen que ser os propios veciños os que denuncien?
Os axentes forestais si que denuncian de oficio plantacións forestais ilegais e cando se detectan elimínanse. Pero temos que ter en conta de que estamos a falar de 11,2 millóns de parcelas en Galicia e de que en parcelas agrarias os cultivos forestais teñen unha rendibilidade moi alta. Non as estou xustificando, senón que debemos loitar contra este problema buscando alternativas de cultivo para os propietarios.

Neste sentido, a Lei de Recuperación e de Posta en Valor da Terra Agraria de Galicia que imos aprobar leva consigo a creación do Catálogo de Terreos de Alta Produtividade Agropecuaria e Forestal, de forma que vai determinar claramente onde ten que estar o monte e a actividade agrogandeiro. Iso vainos permitir ser aínda máis intensos na loita contra as plantacións forestais ilegais.

“A Xunta si que actúa ante as plantacións ilegais de eucalipto en terras agrarias, pero aos propietarios temos que ofrecerlles alternativas de cultivo”

O que tamén pedín, e que vai incluído na lei, é a necesidade de que cando hai ganderías os terreos á redonda da súa base territorial se dediquen á actividade agrogandeira, e resolver así o problema dos enclavados forestais en terreos agrícolas.

Tamén habería que trasladar aos propietarios, que os alugueiros que están pagando os gandeiros en Galicia en determinadas zonas xa son máis rendibles que o cultivo de eucalipto.

¿Vaise regular tamén en que concellos de Galicia se pode plantar eucalipto e en cales non, como intentou a Consellería de Medio Rural en 2017?
Nós cremos nun monte multifuncional, vivo e dinámico e que ademais sexa sustentable económica e medioambientalmente. Ten que haber un equilibrio entre rendibilidade e sustentabilidade. A xente que non vive no rural ten que entender que o monte ten que ser rendible.

No que estamos a traballar é na ordenación dos usos do solo, de forma que no monte ten que haber especies rendibles como o eucalipto ou o piñeiro, pero tamén estamos a traballar nun Decreto de Masas de Frondosas Consolidadas de Galicia para que tamén se plante carballo ou castiñeiro.

Puxemos en marcha tamén o Plan de Recuperación de Soutos de Galicia, temos unha enorme riqueza dunhas 30.000 hectáreas de castiñeiros en Galicia, cun produto excepcional como é a castaña.

 “O monte galego ten que ser multifuncional e sustentable, pero tamén rendible para os propietarios”

Tamén estamos desenvolvendo un Plan de Pastos en Extensivo de Galicia, para combinar a plantación de especies forestais produtivas con pastos no monte para crear esa plantación en mosaico tradicional en Galicia e que axude a previr os incendios forestais.

O noso monte ten que ser multifuncional para lograr ese equilibrio entre sustentabilidade e rendibilidade. Neste sentido, temos que recordar que o ano pasado Galicia fixo o 50% das cortas de madeira de España -dous terzos das cales de eucalipto-, cunha facturación en corta duns 300 millóns de euros e que se repartiron entre uns 80.000 propietarios forestais de Galicia. ¿Que solución lle damos a eses produtores se se declara o eucalipto especie invasora?.

José González visitando un proxecto piloto en Sober de recuperación de terras abandonadas

José González visitando un proxecto piloto en Sober de recuperación de terras abandonadas

Outro motivo de preocupación dos produtores é a falta de man de obra para traballar nas ganderías. ¿Que medidas está a aplicar a Consellería para facer fronte a esta problemática? ¿Por que non hai un plan de formación pública da Xunta como o que si hai para o sector da automoción ou do naval?
Ademais da falta de man de obra o problema que nos traslada o sector é que falta man de obra cualificada. É certo que nos gustaría ir máis de presa, pero unha das primeiras cousas que fixen cando asumín a responsabilidade de conselleiro de Medio Rural foi pedir un Plan de Formación e Innovación Agroforestal de Galicia, porque a formación e a innovación son claves para o noso sector.

Por outra parte, detectamos que tiñamos a formación e a innovación necesitadas dunha maior organización. Para iso na Axencia Galega de Calidade Agroalimentaria (AGACAL) o ente que controla a calidade de todas as DO e IXP de Galicia, creamos unha subdirección específica de formación e innovación, na que están todos os centros de experimentación e innovación da Consellería (CIAM, EVEGA, CIF de Lourizán, os centros de Sergude, Becerreá, Monforte de Lemos e Pedro Murias en Ribadeo) co obxectivo de poñer en marcha un Plan de Formación e Innovación.

Sen embargo, nos últimos anos tanto na EVEGA como no CIAM non se cobren as prazas dos investigadores que se xubilan, truncando unha labor de investigación amplamente recoñecida. ¿Que medidas vai tomar a Consellería?
É certo que temos todos os centros necesitados de investimento. Neste momento estamos analizando cales son as necesidades tanto de persoal investigador como de investimento nos centros para aprobar un plan, que seguro que sairá adiante neste 2019.

“Temos que reorientar a formación agrogandeira e forestal para facela moito máis práctica”

Gustaríame que na innovación traballáramos moito coa colaboración público-privado, de forma que teña repercusión positiva no sector. E canto á formación, debemos ser capaces de orientar moito mellor a formación para que chegue ás necesidades dos empresarios gandeiros, vitícolas…etc. Neste sentido, na estratexia do sector lácteo, ten que ser o sector o que nos diga cales son as súas necesidades de formación.

En definitiva, buscamos unha formación moito máis práctica, que responda aos que nos demandan os empresarios do sector.

Segundo as organización agrarias, hai unha clara falta de persoal nas Oficinas Agrarias Comarcais. ¿Solucionarase esta problemática?
Cando cheguei á Consellería hai uns 7 meses unha das primeiras cousas que pedín foi un informe para ver como está a presenza territorial de Medio Rural en Galicia, e isto abrangue tamén as Oficinas Agrarias Comarcais, que levan feito un traballo excepcional polo noso sector agrogandeiro dende hai uns 60 anos.

“Estamos a traballar nun plan de reestruturación das Oficinas Agrarias Comarcais”

Neste momento o que estamos a facer é un plan para ver como temos que ter esas oficinas e como se deben reconfigurar, sen que signifique que desaparezan, para adaptarse á realidade de hoxe. Estamos traballando nun plan de reestructuración das oficinas agrarias comarcais que estará listo este ano e que levará unha aposta clara por investimentos en instalacións, en persoal e en medios.

É certo que está habendo problemas puntuais, e o que pediría é un pouco de paciencia aos propios funcionarios e aos gandeiros porque agora estamos traballando para ter unha visión de conxunto e poder actuar correctamente.

Están a piques de saír as axudas da Consellería para plans de mellora e axudas de incorporación. ¿Pode adiantarnos que novidades incorporará a orde de axudas deste ano?
Imos aprobalas no Consello da Xunta deste xoves e na próxima semana sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia. Neste momento estamos comprometidos polo actual período da PAC polo que as principais novidades incorporaranse no próximo período da PAC, unha vez que fagamos a análise dentro do Plan Estratéxico de Galicia e a partir de aí orientalas.

 “A próxima semana publicaranse as axudas para plans de mellora e incorporación”

O que nos interesa é conseguir que a xente que se incorpore permaneza no sector e buscar a maior profesionalización posible de todas as nosas explotacións.

¿Resolverase por fin a penalización fiscal que o Ministerio de Facenda impón ás axudas de incorporación?
Hai unha posición dos Tribunais que coincide coa que tiñamos na Consellería de Medio Rural e coa miña propia. Creo que o Ministerio de Hacienda terá que adecuar claramente as súas liquidacións ao que determina o tribunal.

Nas axudas de incorporación defendemos que teñen que tributar nun período de 5 anos, non no primeiro ano pois provocan un maior pago de impostos, xusto no momento no que o mozo ten menor liquidez, pois está facendo os investimentos.

Estamos a traballar dende o goberno da Xunta na configuración das maiores vantaxes fiscais posibles aos agricultores e gandeiros. A poboación vaise fixar no rural a través de actividade agrogandeira, e aí os incentivos fiscais son moi necesarios. Seguiremos propondo medidas específicas ao Ministerio de Hacienda para mellorar a fiscalidade para agricultores e gandeiros.

O pasado mes a Consellería do Medio Rural anunciou un Plan estratéxico para o sector do viño galego, e en concreto para as 5 Denominacións de Orixe ¿Cales considera que son os seus principais retos para seguir sendo competitivo?
Temos que traballar claramente na mellora do valor engadido. Fixemos un moi bo traballo de recuperación de variedades autóctonas, pero temos que reforzar o posicionamento do viño galego no mundo e mellorar o valor engadido.

En segundo lugar, temos que ter claro cal vai ser o crecemento en produción do sector, sen menoscabar a calidade e o prezo para poder pagar un bo prezo aos viticultores. Para iso, as DO débennos marcar cal é a súa marxe de crecemento.

 “Temos que poñer en marcha a marca Galicia como paraugas para todos os viños galegos”

Por outra parte, temos un problema claro de avellentamento do sector. Neste sentido, poremos en marcha polígonos agrarios nas comarcas vitivinícolas con parcelas dunha superficie mínima de 5 hectáreas. Ese viñedo vaise destinar a adegas pero tamén a viticultores, que poderán ter contratos a longo prazo coas adegas que lles garantan un prezo da uva durante varios anos.

Fálase tamén da necesidade de facer unha promoción exterior dos viños galegos baixo unha única marca, a de Galicia. ¿Como valora esta proposta?
Temos que poñer en marcha a marca Galicia como paraugas para todos os viños galegos para a súa promoción a nivel internacional. Isto non suporá a desaparición das Denominacións de Orixe.

Unha medida largamente agardada en Galicia é o Decreto de Artesanía Agroalimentaria. ¿Para cando por fin estará aprobado?
Está a piques de ser aprobado.

“Imos implantar actividade agrogandeira arredor das aldeas para protexelas fronte aos incendios forestais”

¿Como avanza o cumprimento da norma de limpeza de faixas de protección?
A limpeza das franxas de protección, sobre todo arredor das aldeas, é unha cuestión moi complicada pero necesaria pois estamos a falar da seguridade de moitos galegos e galegas que viven no rural. Por tanto, as franxas de protección cumpren un papel decisivo na protección das nosas aldeas fronte aos lumes forestais.

A partir de aí, hai a lei 3/2007, aprobada polo goberno bipartito, que establece como se realiza este traballo: os propietarios son os obrigados a limpar ata o 31 de maio, e senón o fan a execución subsidiaria correspóndelle aos concellos. Sen embargo, é certo que o minifundio complica moito esta aplicación. Por exemplo, estamos a falar de concellos como A Estrada, con 700 núcleos de poboación.

Neste sentido, a Xunta apoia de forma intensa aos concellos mediante un convenio, dotado con 28 millóns de euros, de forma que implantamos un sistema público de limpeza das franxas por parte da Consellería nas zonas de maior risco incendiario. Son en total 695 aldeas de 34 concellos, de todas as cores políticas, nas que actuaremos este ano e nas que a Xunta vai limpar a través de SEAGA un total de 4500 hectáreas arredor de núcleos de poboación, cun prezo para os propietarios dos terreos de 350 euros a hectárea.

Na actualidade hai preto de 200 concellos adheridos a este convenio e ao resto de municipios o que lle proporcionamos é apoio administrativo: axudámoslle a elaborar os plans de prevención e defensa contra incendios de carácter municipal. Tamén lle facilitamos un visor para delimitar as franxas de protección arredor das aldeas e ofrecémoslles un programa informático que lles vai permitir realizar toda a execución subsidiaria e un manual de procedemento.

Creo que o convenio da Xunta coa Fegamp, e coa súa addenda, reforzou a cooperación para executar unha competencia que é dos concellos. É certo que estamos en eleccións municipais, pero neste 2019 a partir do mes que ven vai marcar un antes e un despois en Galicia no que é a limpeza destas franxas de protección.

Por outra parte, tamén estamos a poñer en marcha as chamadas aldeas modelo, de forma que nas franxas de protección se instale actividade agrícola ou gandeira, sobre todo de ovino e caprino pero tamén de porco celta, porque estou convencido de que a maior desbrozadora é a actividade agrogandeira. De momento imos empezar con 40 aldeas modelo e oxalá se aumente, e animo á xente moza que queira emprender no sector que se dirixan aos alcaldes para ofrecerlles esa base territorial arredor das aldeas.

Na Consellería precisamos que os propietarios das franxas de protección estean de acordo en que se faga esa actividade agrogandeira, e a Xunta ofrece apoio financeiro para a instalación de peches, instalacións de pasteiros, preparación do terreo…etc. Entendemos que a vía para poder manter seguras as nosas aldeas ten que ir por aí, e ademais estaremos creando riqueza e emprego no rural. Por outra parte, buscaremos crear selos de calidade para diferenciar a esta carne.

¿Que outras novidades incorporará o PLADIGA deste ano?
A parte do convenio para a protección das aldeas, imos seguir avanzando cara un servizo de prevención e extinción de incendios único, público e versátil. Así, dos 600 traballadores de SEAGA incorporaranse ao servizo público a través da convocatoria de 548 prazas.

Como consecuencia da vaga de lumes de 2017, elevamos o período de máximo risco de incendios de 3 a 5 meses este ano e a 6 meses para o próximo ano de forma que o período mínimo de traballo tamén se elevou de 3 a 6 meses. A versatilidade entendese como que os traballadores participarán non só en extinción senón tamén en prevención de lumes.

“Queremos aprobar unha nova Lei de Prevención e Extinción de Incendios de Galicia”

Queremos aprobar unha nova Lei de Prevención e Extinción de Incendios de Galicia, da man do propio servizo. Temos que ter unha planificación estratéxica da prevención en Galicia, máis alá das faixas de protección, porque hai determinadas zonas de Galicia nas que debemos actuar para frear os grandes lumes que nos poden vir e así poder parar eses incendios en determinadas zonas. Por exemplo, probablemente para evitar que nos pasen incendios de Portugal ou no Barbanza igual debemos ter franxas con actividade agrícola ou gandeira que freen de forma natural o avance dos incendios.

Por último, este ano no PLADIGA seguiremos avanzando no emprego de novas tecnoloxías, e en concreto de drons. En concreto, drons que nos axuden a tomar decisión no que é a extinción, pero tamén no que é a detección de presuntos incendiarios. Neste sentido, advirto de que imos a polos incendiarios e que caerá sobre eles todo o peso da lei. Por último, imos crear un teléfono público para denunciar de forma anónima comportamentos incendiarios.

Estamos poñendo as bases para que a prevención e extinción de incendios se fagan doutra forma, tal e como se recolle no ditame da comisión especial do Parlamento Galego.

Una idea sobre ““Imos crear un Banco de Explotacións para que ganderías rendibles non pechen por falta de relevo”

  1. María Freire

    Pagade xa os plans de mellora, as incorporacións, os proxectos piloto, que levades dende noviembre sen pagar un can. Xestionade ainda que sexa porque veñen as eleccións. Pero traballade algo que para eso cobrades.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información