“O coñecemento local da xente do agro debería ser decisivo na elaboración de normativas”

Entrevistamos ó economista e sociólogo holandés Paul Swagemakers, que leva anos afincado en Galicia investigando no ámbito agrario. Swagemakers incide na posibilidade apoiar modelos de produción máis sustentables ambientalmente e que tamén sexan rendibles en termos económicos

“O coñecemento local da xente do agro debería ser decisivo na elaboración de normativas”

O economista e sociólogo holandés, Paul Swagemakers, leva anos afincado e traballando en Galicia con ganderías.

Paul Swagemakers é un economista e sociólogo rural holandés que leva anos instalado en Galicia investigando e traballando directamente con distintos produtores agrogandeiros. Cos seus traballos, realizados na Universidade de Vigo, busca ofrecer ferramentas e estratexias que poidan utilizar os gandeiros e agricultores para facer máis sustentables e rendibles as producións.

Coñecemos algunhas das claves de Swagemakers para facer máis viable o rural galego, botando man de estratexias que levan anos empregando noutros países como Holanda, Austria ou Italia.

Leva anos investigando o sector primario en Galicia, a que hai que prestar especial atención para asegurar un futuro para o campo galego?
Un dos piares dos meus traballos en Galicia céntrase en analizar a heteroxeneidade do sector primario, onde conviven modelos de produción moi distintos, con prácticas agrarias máis extensivas con outras máis intensivas e de tamaño moi distinto. Investigo as potencialidades coas que conta Galicia, para tentar optimizalas.

“Hai que preguntarse se o consumidor valora a conservación da paisaxe na produción e como incorporar ese esforzo ao prezo final”

A actividade tanto gandeira como agrícola tópase cos intereses de conservación da paisaxe e de respecto ao medio e é preciso facerse a pregunta de quen paga eses custos para levar a cabo prácticas máis sustentables. Hai que preguntarse se o consumidor valora a conservación do medio ambiente e da paisaxe de Galicia e como incluír estas prácticas máis sustentables no prezo final do leite ou da carne.

Como transmiten as gandarías esa aposta polo medio ambiente ao consumidor?
Hai exemplos de granxas en Galicia que xa están a traballar nesa liña fomentando as prácticas sustentables e transmitíndollo ao consumidor, como fai Casa Grande de Xanceda. Esta gandaría está a lograr así un prezo competitivo para o seu leite. O reto é conseguir que non só sexan casos puntuais senón que máis granxas poidan funcionar desta maneira.

Aínda que os produtores están cada vez máis concienciados de incorporar prácticas sustentables, a principal preocupación segue sendo reducir os custos de produción, xa que iso permítelles ser máis resilentes, con maior capacidade de resistencia e éxito, que outras gandarías.

Quizais a maioría dos gandeiros estean máis preocupados por reducir custos que por diminuír o seu impacto ambiental…
Agora o gandeiro pode elixir varias rutas para reducir os custos na granxa. Pode optar por ser máis grande e compensar os gastos de maquinaria, producindo forraxes de maneira máis intensiva, para non mercar tanto concentrado no caso dos produtores de leite. Tamén pode decidir ter unha produción máis reducida, cun gasto menor. Isto pode condicionar incluso a raza de vaca que o gandeiro decide ter. En Holanda fixérono e, en lugar de optar pola Holstein como aquí, incorporaron outras razas cunha produción menor que alimentan principalmente co que producen na propia granxa ou nas proximidades. Evidentemente necesitarán completar esta alimentación con certos elementos e compoñentes externos para que a dieta sexa equilibrada.

“O gandeiro pode chegar a fin de mes igual ou mellor cun modelo sustentable ambientalmente que con outro máis intensivo”

Pódese pensar que se necesita producir millo porque as vacas cunha gran produción necesitan incorporalo á súa dieta, pero en Holanda constataron que é viable unha gran produción sen millo. En Holanda desenvolveuse un modelo que se fixa no chan, as forraxes e os fertilizantes para lograr unha produción máis respectuosa e ao mesmo tempo competitiva, se vas administrando adecuadamente os fertilizantes e tes en conta a biodiversidade.

Coñecer o rendemento produtivo que cada gandeiro pode facer dos seus propios recursos é realmente moi difícil, xa que entran moitos factores en xogo, pero pódese facer un aproveitamento sustentable. O gandeiro pode chegar a fin de mes igual ou mellor cun modelo que respecte o medio ambiente que con outro máis intensivo e industrial. A viabilidade deste modelo dependerá da capacidade do produtor de optimizar os seus propios recursos.

De que maneira se pode facer extensible este modelo máis sustentable a máis gandarías?
É importante que se poida traballar nestas cuestións de forma conxunta e agrupados en cooperativas para ser máis competitivos. Hai exemplos nesta liña de traballos que se fixeron xa noutros países, como Italia, onde un grupo de gandeiros centrados na produción de parmesano decidiu transmitir este respecto polo medio ambiente ao recuperar unha raza autóctona que achega un leite de maior calidade ó tempo que se conserva esta raza. Neste caso, é tamén moi significativo que boa parte da alimentación destas vacas procede da granxa ou das proximidades e o consumidor valora estes temas.

“Os produtores precisan estar organizados e contar con máis estruturas que lles axuden a lograr estabilidade de prezos”

Hai algún exemplo en Galicia a destacar?
Un exemplo no ámbito da carne pode ser acooperativa Biocoop, de Verín, que produce carne de razas autóctonas Caldelá e Cachena. En ámbolos casos trátase de iniciativas que buscan, máis ca unha produción ecolóxica, conseguir recuperar e manter unha raza autóctona, polo que tamén deben contar co respaldo das administracións.

Agora ben, se as axudas son só para apoiar ao sistema máis produtivo e non para este tipo de producións, que teñen tamén outras motivacións, haberá que ver se eses modelos que estamos a apoiar son viables a longo prazo. É preciso ver que apoio público se está a dar a estes produtores que coidan outros aspectos máis aló da produción.

Como valora este apoio das institucións en Galicia?
Non sei se se está vendo moito apoio para o sector primario. Creo que os produtores necesitan máis estabilidade. Precisan estar organizados e contar con máis estruturas que lles axuden a lograr unha maior estabilidade de prezos e que o apoio institucional non se reduza só a recibir pagos por compensacións cando teñen problemas.

Estas oportunidades estaban nas axudas da PAC e, aínda que nos últimos anos viuse algo máis, creo que non se souberon aproveitar estas axudas para programas específicos que se transmitan ao sector. Ás veces debido a que España non aproveitou estes fondos, outras veces por parte da Xunta ou porque o sector non contaba con ferramentas para que os gandeiros coñecesen as posibilidades.

“Para a Administración, é máis fácil apostar polos modelos máis produtivos na actualidade que preguntarse polo máis viable a longo prazo”

Para a administración é máis fácil empregar estes recursos para apostar por modelos máis produtivos agora mesmo que preguntarse que modelos poden ser máis viables a longo prazo. Ao afrontar buscar modelos sustentables e a longo prazo terá que lidiar con visións distintas, como as dos ecoloxistas e os produtores, ou con problemas como o abandono do medio rural, que acusa unha falta de servizos que moitas veces supón un custo importante proporcionar.

Mentres, países como Holanda apostaron máis por un modelo que defende valores naturais e dar oportunidades aos produtores onde a clave está na colaboración. É fundamental que haxa colaboración entre ecoloxistas, produtores e os políticos.

Que estratexias son máis efectivas para lograr unha conservación da paisaxe e o desenvolvemento rural?
A miña experiencia permitiume comprobar que por unha banda hai leis e normativas e por outro está o coñecemento local. Hai que conseguir que aquela xente que teña proxectos para xestionar o territorio se incorpore ao deseño das normativas, porque poden achegar moito co seu coñecemento sobre o terreo.

Non hai que limitarse só a aqueles sectores que están a traballar en modelos máis ecolóxicos, senón que un gandeiro de vacún de leite en intensivo, a gran escala, que está a ser moi eficiente, tamén ten que achegar claves das súas experiencias. E o mesmo ocorre con outros temas como a ordenación do territorio. O coñecemento local é decisivo, xa que pode axudar a reducir problemas.

“O coñecemento local é decisivo, xa que pode axudar a reducir problemas”

Necesítase adaptar as normas ás necesidades da paisaxe e de cada zona. Por exemplo, no caso de Austria, a maior parte das gandarías de carne permanecen nas montañas e no pasto boa parte do ano, e só regresan uns meses puntuais ás granxas. Boa parte destas granxas teñen sistemas de estabulación trabada e cambialos supón un importante desembolso para os gandeiros, que moitos deles nin sequera poden asumir. É realmente necesario que a estes gandeiros se lle esixa modificar as súas granxas cando as vacas están fóra case todo o ano?

Ademais, é moi importante coñecer outras experiencias que se están realizando noutras zonas. É necesario facer máis visible as iniciativas que xa se están realizando no campo e sumar esforzos. Xuntar sectores como ecoloxistas e produtores para tratar de atopar estratexias comúns pode ser moi difícil e laborioso, pero tamén pode resultar beneficioso, por iso hai que tentalo.

“En Holanda a cooperativa recibe o pago da PAC e distribúeo entre os gandeiros en función da produción que realicen”

Que visión ten do rural galego en comparación co que sucede en Holanda?
En primeiro lugar, a gran diferenza de Galicia con Holanda é o gran minifundio que se dá aínda hoxe en día no campo galego. En Holanda cando se fala de pequenas parcelas refírense a leiras cunha superficie de 2 hectáreas. Creo que sería positivo para Galicia ampliar as parcelas e eliminar barreiras. Aínda que se faga unha ampliación das parcelas, haberá que seguir traballando cunha paisaxe que está caracterizada polo minifundio e pola alternancia de bosques e pastos.

“En Holanda, cando falamos de pequenas parcelas referímonos a parcelas cunha superficie de 2 hectáreas”

Outra das diferenzas significativas é a poboación. A pesar de que son territorios cunha superficie similar, en Holanda viven preto de 17 millóns de habitantes mentres que, en Galicia, non chegan nin a 3 e boa parte faino en cidades, polo tanto, quen vai coidar o rural en Galicia? Hai moita riqueza para vivir no rural pero o modelo debe ser restaurativo ou rexenerativo. Necesítase adaptar os modelos ás necesidades da paisaxe. Desta maneira, pode lograrse unha produción máis sustentable incidindo en aspectos como a xestión dos xurros ou a fertilización, sen que todas as actividades se limiten a unha produción puramente ecolóxica.

“Galicia necesita optar por un modelo restaurativo que se adapte ás necesidades da paisaxe”

Necesitamos un modelo cun chan produtivo e que respecte a diversidade da paisaxe, do mesmo xeito que se fixo en Holanda, onde na súa proporción, tamén teñen zonas de minifundio. Nos anos 90, en Holanda só se calculaba a rendibilidade das granxas con fertilizantes artificiais. Agora parece unha tolemia que a produción estivese suxeita só a este tipo de factores porque coñecemos que se pode producir sen eles e ser igualmente rendible.

Como chegaron a un modelo sustentable co medio ambiente?
O coñecemento local permitiu ir vendo que había outras formas de ser competitivos e ao mesmo tempo respectuosos co medio ambiente. Isto non se fixo de forma individual senón mediante cooperativas ambientais que logo se converteron en cooperativas rexionais. Pênsouse non só en ver como se protexía o medio ambiente senón en implementar outras medidas conxuntas.

“O coñecemento local permitiu ver que había outras formas de ser competitivos e respectuosos co medio ambiente”

Hoxe en día en Holanda, despois de 20 anos, desenvolveuse un sistema no que a cooperativa recibe o pago da PAC e vaino distribuíndo entre os seus gandeiros en función da produción que realicen e as prácticas sustentables co medio ambiente. Este sistema permite que se respecte o medio ambiente e ofrécelle un medio de vida aos produtores ao permitir seguir coas súas actividades gandeiras e agrícolas a aqueles que deciden preservar máis o medio ambiente. É unha forma de respectar a paisaxe e seguir mantendo o rural vivo.

Ao falar de paisaxe e conservación, ademais de gandeiros e agricultores tamén as comunidades de montes xogan un papel importante. Cal é a liña que se debe potenciar nestas comunidades?
Creo que é un sistema con moito potencial. Na provincia de Pontevedra, por exemplo, hai moitas comunidades multifuncionais e que teñen unha gran comunidade de propietarios detrás que lles permite afrontar proxectos moi diversos, pero non é o que ocorre de forma xeneralizada en Galicia.

“O monte en Galicia debe recuperar a súa multifuncionalidade, o seu valor territorial, paisaxístico, produtivo e social”

Hai moitas comunidades que só se centran na produción forestal e, aínda que un aproveitamento da madeira non é negativo, centrarse só niso é aproveitar moi pouco o potencial que ofrece o monte. Se queres crear un valor engadido non podes centrarte só na madeira. O monte en Galicia debe recuperar a súa multifuncionalidade, o seu valor territorial, paisaxístico, produtivo e social.

Existen iniciativas no rural galego que se están a promover, como aproveitar o castiñeiro, converter monte baixo en pastos outra vez ou outras opcións para xerar un valor engadido a maiores da madeira, tanto en termos de diñeiro como de riqueza paisaxística, e en ‘producir’ máis biodiversidade. Iso pode propiciar que haxa xente que viva dos recursos comunais baixo a condición de que deixen unha parte dos beneficios ‘no monte’, cumprindo co requisito formal de que unha porcentaxe das ganancias se reinvistan no propio recurso.

Debemos apoiar aos axentes sociais que poñen en valor o monte dunha maneira máis sustentable e que o protexen. Hai comunidades de montes que están a xogar este papel e é necesario xerar os mecanismos legais e institucionais que as apoien.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información