“Hai moitas mulleres con iniciativa, ganas de formarse e crear futuro no rural”

Entrevistamos a Carmen Rodríguez, vicepresidenta de Feiraco e coordinadora do grupo de Mulleres de Seu de CLUN. Con ela abordamos os retos que se lle presentan ás mulleres no sector, onde cada vez teñen maior presenza

Publicidade
“Hai moitas mulleres con iniciativa, ganas de formarse e crear futuro no rural”

Carmen Rodríguez, coordinadora do grupo Mulleres de Seu

Carmen Rodríguez é a vicepresidenta de Feiraco pero tamén exerce como coordinadora do grupo Mulleres de Seu, o grupo de empoderamento da muller no rural de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN). Tratamos con ela algúns dos aspectos que marcan aínda a desigualdade que predomina no sector e o traballo que desenvolven dende este grupo.

Firmaban a semana pasada un novo convenio de colaboración coa Xunta, en que hai que avanzar en temas de igualdade para que o rural tamén sexa atractivo para as mulleres?
Asinamos o noso primeiro acordo coa Secretaría Xeral de Igualdade para poñer en valor a nosa actividade, buscando o empoderamento feminino no rural e a nosa visibilidade, derrubando ademais os estereotipos de xénero que seguen arraigados no rural. Desta maneira, teremos acceso á formación de alta cualificación dentro do VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de homes e mulleres e, ademais, contaremos con asesoramento específico na materia. Este plan estratéxico inclúe diversas liñas de actuación que dan cobertura a diferentes aspectos do empoderamento feminino, algunhas tan importantes para nós como a formación en tecnoloxías da información e da comunicación, conciliación, motivación, autoestima, etc.

En que prioriza os esforzos este colectivo? Con que finalidade xurdiu a idea de crear este grupo de traballo?
Mulleres de Seu é a aposta de CLUN pola igualdade, xa desde o noso nome, “mulleres por si mesmas, con carácter propio”. O que buscamos co impulso deste grupo, que xurdiu en Feiraco en 2013, é avanzar xuntas polo camiño da responsabilidade social desde tres áreas de actuación: traballando pola igualdade, impulsando formación técnica específica e abrindo horizontes coas nosas visitas culturais a diversas institucións de interese e outras cooperativas.

Que actividades teñen programadas para este ano?
Temos programado un intenso programa de formación con máis de 15 sesións, seis visitas complementarias a centros tecnolóxicos de referencia en aspectos técnicos como xestión de custes, informática e manexo de dispositivos electrónicos. Outras propostas céntranse en avanzar na mellora das explotacións con cursos de inseminación artificial ou técnicas de muxido. Ademais compleméntase con sesións de convivencia nas que se poidan traballar aspectos relacionados con técnicas de motivación, de autoestima persoal e profesional ou o liderado.

“Con estas iniciativas buscamos que as nosas socias teñan as aptitudes necesarias para a xestión integral das súas explotacións”

Que criterios seguen para seleccionar as iniciativas que se levan a cabo?
Queremos que as nosas actividades sexan de interese para todas, e sobre todo conseguir con elas a capacitación das nosas socias, para que poidan contar con todas as aptitudes necesarias para a xestión integral das súas explotacións. De esta forma, en paralelo, avanzamos en romper a fenda dixital no rural e aumentar a súa motivación a nivel persoal para que isto se traduza nos escenarios profesionais.

Cales son as actividades con maior demanda?
Temos unha resposta magnífica en todas as nosas convocatorias, se ben interesan especialmente os cursos de xestión relacionados coas explotacións e os que ensinan o manexo das novas ferramentas de comunicación dixital.

Cantas mulleres integran a día de hoxe o grupo?
Integramos ata a actualidade máis de 450 socias nas nosas actividades formativas, e coordinamos Mulleres de Seu desde un comité de traballo, formado por 15 socias representativas das tres cooperativas de CLUN (Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto), que deseña o calendario de actuacións atendendo ás demandas das socias. Hoxe en día, o grupo Mulleres de Seu de CLUN ten a máis de 150 socias activas e medra día a día.

Que perfil é o maioritario das integrantes deste grupo?
Mulleres cooperativistas de todas as idades, maioritariamente na franxa entre 30 e 60 anos, porque queremos ser unha ponte entre distintas xeracións de mulleres, tanto as mozas con iniciativa como aquelas que levan toda a vida traballando no campo e que queren avanzar na súa formación.

E dentro de Clun, que porcentaxe representan as mulleres?
Contamos con 3.500 socios cooperativistas dos cales preto de 1.450 son mulleres. Ademais, actualmente, no cadro de traballadores de CLUN preto do 40% son mulleres.

A experiencia deste grupo permítelles saber en que áreas, dentro da gandería, as mulleres teñen unha maior presenza? ou hai xa un reparto máis igualitario?
Cada vez temos un reparto máis igualitario, temos a idea, cada vez máis preconcebida, de que a muller realiza actividades máis relacionadas coa “casa” ou sen o uso da forza, ademais de quedar fóra da xestión, pero iso está mudando a pasos axigantados.

“É moi necesario buscar o empoderamento da muller pero para iso é imprescindible lograr unha co-responsabilidade nas granxas”

Hai unha clara masculinización do campo. A que se debe? Hai un teito de cristal para as mulleres no agro e é maior que na cidade?
Desde logo, ao arraigo da sociedade patriarcal, que é moito máis palpable no agro que en contornas urbanas. A nosa presenza no rural sempre foi clave, pero asociada sobre todo aos valores da familia, coidando a explotación pero tamén os fillos e as persoas dependentes. O home, tradicionalmente, sempre foi a cabeza visible da actividade económica.

Precisamente, un dos obxectivos de Mulleres de Seu é a busca da co-responsabilidade home/muller en todos os eidos domésticos e profesionais; compartir responsabilidade implica o reparto igualitario de tarefas, de xestión e de toma de decisións. É moi necesario buscar o empoderamento da muller pero para iso é imprescindible lograr unha co-responsabilidade nas granxas. Neste sentido creo que se deron xa moitos pasos nesa dirección. Hoxe nas asambleas das cooperativas xa se ve a moitas máis mulleres que hai anos, están tamén xa nos órganos de dirección… pero aínda hai que traballar nisto.

Durante anos, aínda que a muller tiña presenza na gandaría galega, a toma de decisións estaba máis centrada na figura do home. Cal cre que é a situación hoxe en día?
Iso está mudando, e vémolo cando intercambiamos impresións en Mulleres de Seu. Temos iniciativa e queremos demostralo, de aí as ansias por mellorar na formación para todos os niveis para evolucionar nunha sociedade na que estamos a demostrar estar ao mesmo nivel que os homes en dereitos, competencias e privilexios.

Ningunha cooperativa galega está presidida por mulleres. É isto un síntoma da situación para a muller no agro?
En CLUN temos moitas mulleres en cargos de relevancia, e cremos que lograr o liderado é clave para avanzar como sociedade. Precisamente, en Mulleres de Seu impulsamos cursos na materia, de fomento do liderado das mulleres nos órganos de dirección das cooperativas, e participamos en diversos programas a niveis estatal para este desenvolvemento, como ‘Más mujeres, mejores empresas’.

A cotitularidade nas explotacións non avanza. Cales son as causas segundo Mulleres de Seu?
Cremos que a situación está a cambiar, e temos moitas socias cooperativistas mulleres. Estamos a superar o pouso do patriarcado no rural, pero isto, claro está, leva tempo porque é unha estrutura que se ven arrastrando durante moitos anos.

“Pedimos un rural vivo, con medios e instrumentos para avanzar na formación en feminino. Traballamos por una igualdade real”

Incorpóranse as mozas novas ás explotacións? Hai relevo xeracional en feminino?
Desde logo, e temos moitas socias que se achegan a Mulleres de Seu con iniciativa, ganas de formárense ao máis alto nivel e crear un futuro no rural, emprendendo ademais negocios máis innovadores que son xa referencia.

Recentemente, saía a luz o caso dunha gandeira á que penalizaban por terse dado de alta na agraria xusto antes de ter unha nena. Atopan moitas trabas deste tipo as gandeiras?
Na nosa man, como cooperativa, está a procura dun rural máis xusto para todos, onde podamos ser nais e labregas, pero sempre con liberdade e os medios necesarios. En CLUN buscamos o benestar das nosas socias e as mellores condicións como claves na nosa cultura como cooperativa, onde contamos cun Plan de Igualdade e o certificado de Empresa Familiarmente Responsable.

Os servizos públicos son fundamentais tamén para que as mulleres podan vivir no rural, especialmente cando son nais. Que lle pedin ás administracións?
Pedimos un rural vivo, con medios e instrumentos para avanzar na formación en feminino. Tamén buscamos superar a fenda dixital para lograr unha necesaria modernización. Estamos a traballar por unha igualdade real que dea prioridade á conciliación, á capacitación profesional e, como antes dicía, á co-responsabilidade.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información