Hacienda descarta devolver de oficio impostos das axudas de incorporación

Unións Agrarias mantivo unha reunión coa delegada autonómica do organismo, que lle indicou á organización que só se procederá ás devolucións requeridas por resolución xudicial

Hacienda descarta devolver de oficio impostos das axudas de incorporación

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, hoxe en rolda de prensa.

O caso dos cartos que Hacienda lle cobrou indebidamente ás persoas mozas que se incorporaron ó agro continúa sen solución. Logo de que a comezos de ano, o Tribunal Económico – Administrativo de Galicia fallara a favor de produtores que presentaran no seu día reclamacións polos impostos pagados, o sector esperaba unha saída pactada con Hacienda. O obxectivo era que se impulsase un procedemento áxil de devolución de cartos a todas as persoas afectadas desde o 2014. Pero non será así.

Unións Agrarias vén de manter unha reunión coa delegada autonómica de Hacienda, que lle trasladou á organización agraria que só procederá ás devolucións que sexan requeridas por resolucións xudiciais. O secretario xeral de Unións, Roberto García, considera que en Hacienda están actuando “coma trileros” na xestión do asunto, polo que anunciou hoxe en rolda de prensa que solicitará unha reunión coa ministra de Hacienda para abordar o problema.

A situación máis urxente afecta ás persoas incorporadas no 2014, que teñen ata o 30 de xuño para presentar unha reclamación, pois despois prescribe o prazo. “Deberán solicitarlle a Hacienda a devolución dos impostos cobrados indebidamente e cando Hacienda llela denegue, terán que presentar un recurso contencioso administrativo” -explica Roberto García-. “Para as persoas incorporadas a partir do 2015, esperamos que Hacienda nos proporcione unha solución, sen que haxa que chegar á vía xudicial de ir caso por caso”.

Petición dunha corrección de erros na convocatoria
A cuestión é que Hacienda está computando as axudas de incorporación como axudas correntes, que deben declararse e tributar integramente no ano da concesión. Os afectados que recurriron xudicialmente esa clasificación lograron que se recoñeza que son axudas de capital para investimentos, co cal poden dividir a súa tributación en anos sucesivos, logrando así reducir os impostos ata un 30-40% no caso das persoas que se incorporaron no 2014 e no 2015.

A delegada de Hacienda trasladoulle a Unións que para cambiar a consideración das axudas, estas deben convocarse expresamente como axudas de capital, “igual que fan en comunidades como Aragón, onde non teñen estes problemas”, sinala Roberto García. “Pedirémoslle, por tanto, á Consellería do Medio Rural que publique unha corrección de erros da convocatoria de axudas de incorporación que saíu en maio” -anunciou o secretario xeral de Unións en rolda de prensa-. “Entre uns que queren recaudar e outros que fan mal as cousas, estamos como estamos”, concluíu García.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información