‘Guerra’ ó exceso de xabaril si, estratexia elixida non

Organizacións agrarias e cazadores cuestionan a efectividade das medidas anunciadas por Medio Ambiente para paliar os danos do porco bravo. Temen que o incremento de cacerías provoque inseguridade no monte e xere un enfrontamento entre colectivos. Dubidan ademais da súa eficacia para atallar o problema.

‘Guerra’ ó exceso de xabaril si, estratexia elixida non

Danos do xabarín. / Arquivo.

O anuncio de novas medidas para frear a sobrepoboación de xabaril, realizado a comezos de semana pola Consellería de Medio Ambiente, está a ser cuestionado pola meirande parte dos sectores implicados, que dubidan da efectividade real destas propostas.

“Estas medidas seguen sendo insuficientes porque non van ó fondo do asunto e a Xunta nin asume a responsabilidade nin a xestión da fauna salvaxe”, recrimina Jacobo Feijoo, responsable de desenvolvemento rural de Unións Agrarias. Nesta mesma liña, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), cualifica as medidas de “arroutadas improvisadas que non van resolver a problemática da fauna salvaxe”, indica.

“Con estas medidas, a Xunta nin asume a responsabilidade nin a xestión da fauna salvaxe”, Jacobo Feijoo, Unións

Organizacións agrarias, cazadores e afectados coinciden, ademais, en sinalar a necesidade de afrontar accións para paliar os danos que a fauna salvaxe está a causar, principalmente ós gandeiros e agricultores nos cultivos, pero tamén á poboación xeral, cos sinistros de tráfico que provocan e polo risco que implica que se aproximen a núcleos urbanos. A expansión da peste porcina africana por Europa é outra preocupación, pois o xabaril pódese converter nunha vía de transmisión para as granxas de porcino.

A efectividade das medidas

As medidas propostas pola Xunta céntranse en incrementar os días nos que se pode cazar, na tempada de caza, en 33 concellos declarados como zona de emerxencia cinexética temporal. Tamén se inclúe a eliminación de cupos ou a autorización doutras modalidades empregadas na caza menor. Todas elas son medidas que quedan suxeitas á vontade ou capacidade de levalas a cabo dos tecores, que serán os que decidan se emprenden máis cacerías das que tiñan previstas.

“Pensan que imos estar cazando tódolos días da semana e o problema da sobrepoboación de xabarís non é que non haxa días suficientes para cazar. Aínda que se incrementen os días, pode que todo siga igual e que non se organicen máis cacerías, iso vai depender do que decidan os tecores”, indica Antonio Mota, secretario da Unión de Tecores de Galicia (Unitega). 

“O problema non é que non haxa días suficientes para cazar” (Antonio Mota, Unitega)

Tanto dende o colectivo de tecores como dende distintos sindicatos como Unións Agrarias, o SLG ou colectivos como a Asociación de Afectados pola Fauna Salvaxe de Galicia (Aperfasa) ven que estas medidas quedan suxeitas á voluntariedade dos cazadores. “Os afectados quedan a expensas de que os tecores colaboren en ir máis de caza do que estaban facendo ata agora, senón quedarán igual de indefenso que estaban”, reprochan dende Aperfasa.

“Dende Unitega sempre fixemos propostas para tentar solucionar o problema, somos moi conscientes dos prexuízos que supón para os agricultores e gandeiros, pero a Xunta non pode desentenderse e agardar que sexan os cazadores os que o solucionen”, apunta Mota.

Para colectivos como Unitega ou Unións as solucións pasan porque a Xunta sexa quen force e posibilite as intervencións para frear os danos. Pídese que haxa colaboración cos tecores pero que, se estes non son capaces de asumir o labor, se lle ofrezan solucións inmediatas ós gandeiros e agricultores.

O incremento dos cupos de caza tanto de machos como de femias tampouco é unha medida que convenza ós cazadores, posto que como apuntan dende Unitega, na práctica xa se estaba permitindo incrementar os cupos de caza a aqueles tecores que os esgotaran.

Temor á inseguridade polo aumento de cacerías

O incremento dos días de cacerías xera dúbida sobre a seguridade no monte nunha tempada, o outono, onde adoitan incrementarse as actividades nestes espazos. “Agora a xente sabía os días que había cacerías, pero deste xeito a xente que queira ir ó monte pasear, por cogomelos ou traballar a unha finca, nunca vai saber se vai a haber ou non alguén cazando xabaril ó lado”, critica Isabel Vilalba. “Estas medidas xeran un enfrontamento entre cazadores, afectados e outros colectivos ambientalistas que lonxe de solucionar o problema, contribúe a dificultar o entendemento”, apunta Mota.

“Autorizar no xabaril modalidades de caza pensadas para a caza menor pode ser un risco para os cazadores e para a poboación en xeral”, Unitega

A inseguridade que se pode xerar polo incremento das cacerías é un dos temas que coinciden en sinalar dende tódolos sectores. Así, dende colectivos como a Asociación Agraria de Galicia, que valora positivamente as accións propostas pola Xunta, inciden na importancia de que “os cazadores extremen as medidas de seguridade, dado que a multiplicación dos días hábiles pode crear certa confusión e aumentar os perigos”.

Ademais, o feito de que se poidan empregar modalidades da caza menor como a ‘caza en man’ ou ‘ao salto’ levanta certas dúbidas sobre a seguridade durante as cacerías. “Agora as batidas de xabaril están sendo moi controladas, con dispositivos de comunicación e zonas acotadas, pero incorporar estes modelos, que poden funcionar noutras partes de España por ter unha maior visibilidade ou en fincas privadas, pode supoñer un risco tanto para cazadores como para o resto da poboación”, concretan dende Unitega.

O censo de danos do xabaril

Outro dos aspectos máis cuestionados é o baremo empregado pola Xunta para definir a poboación de xabaril e demarcar as zonas nas que se podían levar a cabo actuacións. “A decisión baseouse só nas denuncias e isto provocou que se declarasen zonas como A Gudiña, onde a densidade de xabaril é menor que noutras zonas que quedaron excluídas”, concreta Mota.

“O censo de danos fíxose en base ás denuncias, cando moitos afectados non os notifican despois de que durante anos non lles servise para nada” (Isabel Vilalba, SLG)

Tamén dende Aperfasa inciden nesta cuestión e reivindican que “hai concellos moi castigados que quedaron fóra polo que solicitamos que a medida se estenda a todo o territorio”, concretan. “O censo fíxose en base, en gran medida, ás denuncias de danos cando moitos afectados non as están notificando despois de varios anos nos que non lles serviu para nada facelo e dado os atrancos que supón”, reprochan dende o SLG.

Así, os distintos colectivos inciden na importancia de coñecer a poboación real e de estimar, en base a criterios científicos, un censo de poboación sostible, de cara a reducir a cabaña nos lugares onde sexa inviable o número de exemplares actuais. Tamén lle demandan á Xunta a necesidade de afrontar esta problemática con tódolos sectores implicados para chegar a medidas consensuadas.

Jacobo-Feijoo-e-Roberto-Garcia-Entrega-sinaturas-IXP-xabaril_

Jacobo Feijoo e Roberto García na entrega de sinaturas esta mañá no Parlamento.

Máis de 6.500 sinaturas para unha Iniciativa Lexislativa Popular sobre o xabaril

Por outra banda, esta mesma mañá o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, entregou no Parlamento de Galicia máis de 6.500 sinaturas recollidas en 25 días nas diferentes oficinas do sindicato agrario para apoiar unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) sobre o xabaril. García incidiu na importancia de que a Xunta asuma a súa responsabilidade e a xestión da fauna salvaxe, dotándose de instrumentos válidos e sen deixar a solución na vontade dos tecores, xa que “é a Xunta quen ten competencias e orzamento”. O sindicalista reivindicou a importancia de destinar un orzamento concreto para reducir a poboación e para afrontar os pagos por danos, que en boa medida, seguen a asumir os produtores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información