A Guardia Civil recupera un tractor e unha plastificadora roubadas en Agolada

A Guardia Civil recupera un tractor e unha plastificadora roubadas en Agolada

A maquinaria agrícola que foi roubada hai arredor de dúas semanas nunha explotación agrícola de Artoño, en Agolada (Pontevedra), xa foi recuperada pola Guardia Civil. O material substraído, unha plastificadora Enorossi e un tractor Fiat 6066, apareceu nunha edificación dun concello veciño, onde presuntamente foi trasladado en camión.

Os afectados agradecen o traballo das forzas de seguridade, que se demostrou efectivo neste caso para a recuperación do material roubado. A Guardia Civil prosegue coas pesquisas co obxectivo de pechar o círculo de persoas responsables do roubo.

A sustracción do tractor e da plastificadora producírase hai un par de semanas, no segundo roubo consecutivo que sufría esa explotación de Artoño en a penas uns días. No primeiro roubo, a gandería só perdera ferramentas e apeiros de reducida dimensión, pero na segunda incursión quedou sen unha plastificadora nova e sen un tractor Fiat 6066, que se usou para levar a plastificadora do lugar ata un punto no que presuntamente ambas máquinas foron cargadas nun camión.

O almacén no que se gardaban o tractor e a plastificadora de bolos contaba cun portal con chave e coa protección de catro mastíns encadeados, pero a lonxanía da nave ás vivendas facilitou o traballo das persoas que procederon á substracción.


Actualización (7-XII-2017)
Unha persoa presuntamente implicada no roubo de maquinaria de Agolada foi detida e quedou en libertade, con cargos. A Guardia Civil tomoulle declaración tamén a outras dúas persoas que supostamente participaron no incidente. Os tres quedan á espera de ser citados polo xulgado de Lalín, que leva o caso, segundo publica hoxe a edición do Deza de Faro de Vigo. Os investigados, veciños de Melide, localidade na que se recuperou a maquinaria, son A.M.S., de 23 anos, I.Q.M., de 21 anos, ambos de nacionalidade española; e Y.E.M., de 23 anos e nacionalidade marroquí.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información