“A Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra esperamos que estea operativa en outono deste ano”

Entrevista a Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de coordinación do Campus Terra da Universidade de Santiago, que xunto á Deputación de Lugo, constrúe a Granxa Experimental do Campus Terra de Lugo

“A Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra esperamos que estea operativa en outono deste ano”

Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de coordinación do Campus Terra da Universidade de Santiago

A Granxa Experimental do Campus Terra de Lugo estará operativa en outono deste ano. As obras estar a ser executadas por COPCISA S.A,que gañou o concurso público convocado polo organismo provincial. Así o confirma nesta entrevista Montserrat Valcárcel Armesto, vicerreitora de coordinación do Campus Terra da Universidade de Santiago, que xunto á Deputación de Lugo, constrúe este centro imprescindible para que que a Facultade de Veterinaria manteña a homologación europea.

¿Por que era necesaria a Granxa Experimental do Campus Terra? ¿Cando e como se empezou a xestar este proxecto?
A Granxa experimental é unha parte importante para a docencia das titulacións con vinculación agro gandeira do noso Campus, principalmente para Veterinaria e para o grado e mestrado de Enxeñaría Agrónoma. Tamén queremos ter vocación desde a universidade de transferencia cara ao sector gandeiro e poder servir de impulso para o desenvolvemento do rural.

O proxecto xa comezou a xestarse antes de que chegaramos ao goberno da USC, pero desde que estamos aquí levamos tomado decisións cruciais para a súa posta en marcha.

¿Como se está a materializar a colaboración coa Deputación de Lugo para a súa construción?
A colaboración coa Deputación de Lugo ten sido permanente desde o primeiro momento. Por parte da Deputación asumiuse a construción en si da granxa; polo tanto a responsabilidade do proxecto e a execución das obras lévase por parte do organismo provincial, pero os técnicos están en contacto con nós para ternos ao tanto do seguimento e a evolución das obras, o cal desde a universidade agradecemos moito.

COPCISA S.A é a empresa construtora que está a executar as obras despois de gañar o concurso público da Deputación de Lugo.

En novembro constituímos unha Comisión de Seguimento formada por membros da Deputación e por membros do Vicerreitorado do campus. Nesta comisión chegamos a acordos tales como a Estrutura de Gobernanza da Granxa Experimental do Campus Terra. Esta estrutura de gobernanza vai estar composta por unha comisión de traballo, unha comisión asesora externa e varios grupos de traballo. Xa se está traballando arreo constituíndo estas comisións, por exemplo, a comisión asesora externa xa se reuniu e os seus membros achegaron ideas sobre o deseño das obras e solucións técnicas que se están introducindo para acadar de mellor forma os obxectivos que nos marcamos.

¿Por que se elixiu o emprazamento ao lado da Granxa Gayoso Castro, en Castro de Rei?
Porque é o emprazamento idóneo xa que é propiedade da Deputación de Lugo e non implicou unha aportación económica nova. Ten terreo suficiente e, algo moi importante para nós e para a Deputación, que neste enclave se pode compartir persoal, maquinaria coa Granxa Gayoso Castro. Ademais, o acceso desde o campus é doado e queda relativamente preto.

¿En que medida suporá un antes e un despois para o Campus Terra esta Granxa Experimental?
A Granxa Experimental supón un salto cualitativo importante en canto á docencia xa que permitirá o desenvolvemento completo da formación práctica do alumnado de veterinaria en temas de vacún e tamén unha boa parte das prácticas correspondentes á Enxeñería Agronómica na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Ademais, as características innovadoras das instalacións e do equipamento abre un campo amplo para a investigación no eido das “smart farming” ou granxas intelixentes.

 “A Granxa Experimental investigará tamén no eido das “smart farming” ou granxa intelixente”

Outro punto que terá especial relevancia será a transferencia de coñecementos ao sector. A granxa nace con vocación de implicarse na solución das necesidades dun sector especialmente castigado tralo fin das cotas lácteas. Neste senso, preténdese implementar un grupo de traballo integrado por técnicos do sector para facilitar a detección das necesidades de innovación por unha banda e a transferencia de resultados dende a universidade ao sector pola outra.

¿Que vantaxes aportará para o alumnado do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela ?
Permitirá dispoñer dunha granxa moderna e actualizada, que está deseñada e equipada especificamente para este fin, incluíndo vestiarios, laboratorio, aulas, co que mellora significativamente a calidade da formación práctica e a comodidade do alumnado.

As instalacións acollerán as prácticas de todas as materias de veterinaria vinculadas ás áreas de Sanidade animal, produción animal, medicina e cirurxía, así como outras relacionadas con pastos e mecanización da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

¿Que destacarías das súas característica dende o punto de vista técnico e do deseño? ¿En que aspectos vai ser innovadora?
A granxa incorpora un robot de muxido de última xeración que acaba de saír ao mercado no 2019 e que incorpora distinto equipamento, o que permitirá a medición de múltiples parámetros como os tempos de descanso e de alimentación dos animais ou o nivel de células somáticas.

Ademais do robot hai prevista a posibilidade de ter unha sala de muxido convencional que permitirá atender a varios lotes de animais.

 “Na Granxa Experimental imos traballar con robot de muxido para vacas en pastoreo”

Ademais, a granxa pretende ser un referente para a estrutura das parcelas e permite a combinación do robot de muxido co pastoreo, un sistema que diminúe os custes e valoriza o leite. Este sistema apenas se ten usado en Galicia en combinación co robot, en cambio noutros países como Holanda este modelo produtivo está amplamente instaurado ao longo do país, aínda que cómpre destacar que as características territoriais que temos aquí non son as mesmas. Pero o que é destacable é que o pastoreo abre unha boa oportunidade tanto para a investigación como para a transferencia.

Por outra banda, o benestar animal foi un elemento decisivo á hora de deseñar as instalacións e o sistema de pastoreo. A mellora do benestar animal foi un factor preponderante no momento de elixir o deseño mais axeitado.

¿En que outros modelos ou deseños vos inspirastes?
Durante a elaboración do proxecto visitáronse varios centros de distintos países; entre eles, por exemplo, visitouse o Dairy Campus da Wageningen University en Holanda, ou as instalacións da Estación de Vacún de Monells (EVAM) que o IRTA ten en Girona, referentes ambos en canto a sustentabilidade ambiental e de referencia en investigación, experimentación e divulgación da produción, transformación e consumo de leite.

¿Como se financiarán os gastos de mantemento da Unidade de Leite?
Os gastos de mantemento da Granxa Experimental estarán asumidos nunha parte moi importante pola Deputación de Lugo. A Deputación comprometeuse a achegar o financiamento para a contratación dun Xestor da Granxa e algúns gastos de mantemento, financiamento que estará contemplado no próximo convenio de Plan de Choque entre a USC e a Deputación. Tamén asumirá os gastos de limpeza dos novos locais construídos.

“A Deputación de Lugo financiará a maior parte dos gastos de mantemento da granxa”

Desde a Vicerreitoría do Campus Terra aportouse o robot de muxido recen adquirido e financiado desde o convenio do Campus Terra. Por outra banda tamén se aportarán os custes derivados das prácticas formativas que alí se desenvolvan. Así mesmo, desde a universidade penso que aportamos unha parte moi importante, que é o coñecemento por parte do profesorado e as investigadoras e investigadores que desenvolvan alí os seus traballos.

copcisa

¿Como marchan as obras? ¿Cando está previsto que entre en funcionamento?
A execución das obras non estivo exenta dunha certa problemática provocada polo retraso na concesión das licenzas e certas incidencias na propia obra coa empresa adxudicataria, que levaron a atrasos na execución non desexados.

“A Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra esperamos que estea operativa en outono deste ano”

Prevese que a obra este finalizada para esta primavera. E, unha vez finalizada só faltaría a licenza de actividade co cal iriámonos a que a súa posta en funcionamento non sería até o comezo do primeiro semestre do curso 2019/2020; é dicir, esperamos que estea operativa para o outono deste 2019.

¿Está previsto novas ampliacións ou novas fases do proxecto da Granxa Experimental? A granxa está concibida para cubrir as necesidades docentes ao completo dende o primeiro día, o que fai que se poda limitar a capacidade experimental sobre todo dos animais. Por este motivo está prevista unha posible redistribución ou ampliación menor para permitir a división do rabaño en distintos grupos, facilitando a investigación por comparación de lotes.

O proxecto no seu conxunto significa unha nova colaboración entre o Campus de Lugo e a Deputación de Lugo. Pero neste caso a colaboración vai un paso mais alá, pois implicámonos nun proxecto de total interacción.

Neste caso, a granxa pretende ter unha incidencia activa no territorio e a idea básica é que sexa unha referencia de innovación para o sector e de complemento necesario para o desenvolvemento das prácticas das nosas e nosos estudantes.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información