A Granxa Experimental do Campus Terra de Lugo estará operativa a mediados de 2018

USC e Deputación asinan o convenio para a Granxa Experimental do Campus Terra, que estará operativa a mediados de 2018. A Deputación de Lugo achega 1,3 millóns para unha infraestrutura “estratéxica para o desenvolvemento de actividades docentes e de I+D+i no campus de Lugo”, sinala Viaño

A Granxa Experimental do Campus Terra de Lugo estará operativa a mediados de 2018

Sinatura do convenio entre a USC e a Deputación de Lugo

O reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, asinaron este luns no lugués Pazo de San Marcos o convenio para a construción da futura Granxa Experimental do Campus Terra, unha nova infraestrutura de “interese estratéxico para o desenvolvemento de actividades docentes e de I+D+i do Campus Terra da USC”, segundo indicou Viaño. O reitor agradeceu a colaboración recibida do organismo provincial para a execución nos terreos da Granxa Gayoso-Castro, no municipio de Castro de Rei, dunha obra que recibirá máis de 1,3 millóns de euros de financiamento da Deputación Provincial de Lugo.

A futura Granxa Experimental do Campus Terra, cuxas obras de construción xa se atopan en fase de contratación, constará dunha nave principal que acollerá o gando vacún para a produción de leite e recría da Granxa Gayoso Castro, un edificio de prácticas cunha aula e un laboratorio, unha nave de maquinaria, silos de forraxe e unha fosa de xurro. A granxa, na que a USC investirá preto de 750.000 euros no trienio 2017-2020 para a súa dotación de equipamentos científicos e tecnolóxicos, entre outras actuacións, está rodeada por distintas parcelas cunha superficie total de arredor de 30 hectáreas.

A nova instalación, que se agarda que estea operativa e entre en funcionamento a mediados de 2018, pretende ser un referente en canto á súa xestión e á formación de profesionais en condicións reais. A Granxa Experimental do Campus Terra da USC será tamén como laboratorio para probar novas técnicas e tecnoloxías e a transferencia de resultados ao sector agro-gandeiro en xeral e aos produtores da contorna, en especial.

Cubrirá unha parte importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría

A granxa experimental cubrirá unha parte importante do Campus Terra. Daquela, alumnos e docentes poderán realizar nestas instalación prácticas de diferentes materias das titulacións de Veterinaria, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Máster en Enxeñaría Agronómica e Máster en Produción de Leite. As instalacións da Granxa Experimental do Campus Terra, relatou o reitor Juan Viaño, permitirán abordar a docencia cun enfoque máis profesional e práctico, en aspectos importantes como manexo sanitario, podoloxía, alimentación, benestar, calidade do leite, tecnoloxías da produción e reprodución animal ou a mecanización agraria entre outras

A nova granxa experimental presenta tamén múltiples oportunidades no eido da investigación, en especial as relativas á gandaría de precisión (smart farming) e a sistemas de produción baixos en insumos como é o pastoreo. A granxa permitirá probar novas técnicas, tecnoloxías e diferentes materiais en condicións controladas e reverter os resultados dos ensaios ao sector produtivo, aproveitándose dos coñecementos e da experiencia acumulada. Entre as posibles actividades investigadoras a desenvolver estarán as relacionadas con sistemas de manexo e recría do gando, sistemas e equipos de muxidura, agricultura e gandería intelixente, sistemas de rega, alimentación e reprodución animal, manexo de pastos e forraxes, mecanización agraria… A posterior transferencia de coñecemento realizaríase mediante a programación dunha serie de actividades orientadas a formar e informar ao sector produtivo.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina, e o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE), Tomás Cuesta, tamén asistiron ao acto de sinatura do convenio e presentación pública do proxecto do Granxa Experimental do Campus Terra da USC.

Convenio Estalmat

O reitor da USC, Juan Viaño, e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos, aproveitaron este encontro para asinar a renovación do convenio de financiamento do programa de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat), un proxecto impulsado no seu día polo propio Juan Viaño e a cuxo mantemento o organismo provincial colabora cada ano co financiamento de 3.000 euros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información