A gandería extensiva reclama o seu papel na prevención de lumes

A reunión de outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, que se celebrou esta fin de semana en Allariz, permitiu coñecer experiencias de produtores e montes comunais que xestionan co gando amplas superficies agroforestais

A gandería extensiva reclama o seu papel na prevención de lumes

Gando limiá na comunidade de montes de Penamá, en Allariz, que xestiona 200 hectáreas de peches gandeiros.

Arredor de 70 persoas, entre gandeiros, técnicos e investigadores, participaron na reunión de outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, celebrada esta fin de semana en Allariz. A cita, que se centrou na xestión de pastos en zonas cunha importante seca estival, como é toda a provincia de Ourense, serviu tamén para poñer de manifesto o papel da gandería extensiva fronte ó lume.

As xornadas incluíron visitas a produtores e montes comunais que están a xestionar co gando amplas superficies agroforestais. Tamén houbo unha mesa redonda na que explotacións de diversas zonas de Ourense expuxeron as súas experiencias no manexo do gando extensivo e dos pastos.

A recuperación do programa de implantación de pastos en montes veciñais é unha das necesidades que se puxeron de manifesto nas xornadas

Unha conclusión común apunta ao papel que xoga a gandería extensiva na prevención de lumes, como se viu na vaga de lumes do pasado fin de semana. “Teño 150 hectáreas a pastos nos concellos de Montederramo, Chandrexa de Queixa e Parada de Sil e nos lumes de outubro houbo varios pobos ós que non chegou o lume grazas a que se parou nos meus pastos”, explicou nas xornadas José Blanco, de Montederramo, un gandeiro que se adica á cría de becerros e de bois.

Outro exemplo de cortalumes natural que se visitou nas xornadas son os montes de Penamá, en Allariz, onde no ano 2001 se acometeu un peche de 200 hectáreas e se implantaron praderías. A comunidade de montes de Penamá xestiona alí na actualidade un rabaño de máis de 200 cabezas de vacas limiás, xerando empregos, rendas e cumprindo unha función no territorio, pois nos seus montes tamén se teñen parado lumes nos últimos anos.

Visitá da Sociedade Galega de Pastos ós montes de Penamá, en Allariz.

Visitá da Sociedade Galega de Pastos ós montes de Penamá, en Allariz.

“O gando extensivo está facendo un traballo que lle aforra cartos á Administración en extinción de lumes e que está creando riqueza no territorio” -valorou nas xornadas o presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, Eloi Villada, que avogou por recuperar o plan de implantación de pastizais en montes veciñais-. “No seu día, estábanse investindo arredor de 3 millóns de euros anuais en creación de pastos. Se o comparamos cos 170 millóns que se adican cada ano ó Plan de Defensa contra Incendios, non é moito”.

Eloi Villada lembrou casos exitosos de implantación de pastos como o de Montouto, en Abadín. “Cando implantamos os pastizais de Montouto, nos anos 80, había 33 casas habitadas. Na actualidade, mantéñense 31. A creación dos pastos custara 78 millóns de pesetas e había xente que pensaba que era moito gasto, pero se facemos números, só o retorno que tivo a Administración vía impostos ás ganderías que continúan activas é claramente maior”.

Gando limiá en Penamá.

Gando limiá en Penamá.

Pastos arbustivos e abandono
Os problemas que están tendo nos últimos anos as ganderías coa admisibilidade dos pastos arbustivos nas axudas da PAC (Política Agraria Común) é outra das cuestións que se puxo sobre a mesa, se ben espérase que os cambios que se están a introducir na PAC de cara ó 2018 solucionen parte das dificultades.

Houbo tamén un chamamento a que as Administracións actúen contra o abandono de terras agrarias. Casos como a de Sat Torneiros (Allariz), unha gandería de vacún de leite en ecolóxico, ilustran o problema. A explotación xestiona en extensivo 18 hectáreas de monte e traballa para forraxe outras 80 na zona da lagoa de Antela, a máis de 20 quilómetros da granxa, cando no propio entorno da gandería existen máis dunha vintena de hectáreas de prados abandonadas. A multitude de propietarios que conflúe sobre esa superficie, caracterizada polo minifundio, impide unha solución sinxela ó problema. “Estamos facendo prados nos montes e deixando os prados a monte”, concluía Marcos Quintas, de Sat Torneiros.

De esquerda a dereita, José Luis Rodríguez, Marcos Quintas, Nieves Fernández, José Blanco e Eloi Villada, nunha mesa redonda das xornadas.

De esquerda a dereita, José Luis Rodríguez, Marcos Quintas, Nieves Fernández, José Blanco e Eloi Villada, nunha mesa redonda das xornadas.

Intercambio de experiencias entre os gandeiros

As dúas reunións anuais que celebra a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, na primavera e no outono, estanse a convertir nun punto de encontro para os gandeiros. As xornadas naceron cun obxectivo de divulgación de información técnica e de experiencias de interese para as explotacións, pero xa chegaron máis alá, pois a participación dos produtores está a xerar entre eles contactos e visitas que van máis alá das propias xornadas.

A reunión de outono da Sociedade xirou este ano en torno á xestión de pastos en zonas caracterizadas por unha importante seca estival, unha cuestión que preocupa cada vez máis ás explotacións de Ourense, afectadas este ano por unha importante seca agravada polas xeadas primaverais.

Asistentes á reunión de outono da Sociedade Galega de Pastos.

Asistentes á reunión de outono da Sociedade Galega de Pastos.

Expuxeron os seus casos catro ganderías da provincia que están nunha situación moi diversa, desde unha gandería de Entrimo, xestionada por José Luis Rodríguez, que traballa só con pastos arbustivos en monte, ata o caso de Sat Torneiros, que ensila e destina a herba seca arredor de 80 hectáreas de superficie.

Nieves Fernández, que xestiona 400 ovellas en ecolóxico en Viana do Bolo, contou a súa experiencia con prados naturais e coa sementeira de pradeiras con leguminosas. Tamén expuxo aproveitamentos que se fan en meses sen pasto, como no verán o das carqueixas ou o das follas de árbores que se podan nas touzas, e no inverno o pasto do centeo, a chamada felpa.

O investigador portugués David Crespo e Joel Presas, de Fertiprado, complementaron as experiencias dos gandeiros cunha ponencia técnica centrada na implantación de pastos con leguminosas biodiversas en zonas de seca estival.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información