Galicia renuncia a ter o seu propio plan estratéxico para as axudas da PAC

Galicia renuncia a ter o seu propio plan estratéxico para as axudas da PAC

O conselleiro José González, no centro

O conselleiro do Medio Rural, José González, asistiu este luns en representación do resto de comunidades autónomas, ao Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea que se celebraba en Luxemburgo e no que acompañou ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.

Alí, González defendeu a postura acordada dende Galicia co sector -agás o Sindicato Labrego, que non se sumou ao acordo- e que pasa, entre outros, por que a nova PAC 2020 teñan en conta as peculiaridades de cada territorio xa que as necesidades de cada comunidade no ámbito agrario son diferentes.

Precisamente un dos puntos a valorar neste consello de ministros foi o apoio aos plans estratéxicos dos estados membros, que abarcan a arquitectura e as normas a seguir na Política Agraria Común. “Neste sentido, dende Galicia apóstase por un único plan estratéxico por Estado que recolla as singularidades das comunidades autónomas para así simplificar a tramitación e garantir a igualdade de oportunidades entre os beneficiarios”, aseguran dende Medio Rural.

Outras comunidades como Cataluña ou o País Vasco si defenden crear o seu propio plan estratéxico da PAC, algo que permite a Comisión Europea, con planos estratéxicos rexionais que se adapten ás necesidades de cada territorio, o cal nunha rexión como Galicia é fundamental pola súa diferenciación climática, estrutural e de especialización con respecto á maioría do resto do Estado.

Sen embargo, tanto o anterior goberno central como, en menor medida, o actual apostaron por un modelo recentralizador cun único plan estratéxico nacional para a PAC, que recolla as peculiaridades de cada territorio, unha postura que apoia o goberno da Xunta de Galicia.

Por outra parte, o conselleiro do Medio Rural insistiu na necesidade de que a nova PAC siga estando baseada en dous piares: as axudas directas e o desenvolvemento rural. No primeiro caso, Galicia e o resto de comunidades autónomas apostan por que estas achegas estean financiadas exclusivamente con fondos europeos, como ata agora, fronte aos intentos dalgúns países membros de que haxa unha renacionalización das axudas.

Apoio aos mozos

Outro eixo da nova PAC que defendeu o conselleiro José González é que se manteña o apoio aos agricultores e gandeiros mozos de cara a loitar contra a despoboación no rural. “Estas axudas están tendo un gran éxito nos últimos anos no noso territorio e apostamos por apoiar tamén a súa incorporación nas sociedades empresariais”, destacan dende a Consellería de Medio Rural.

De cara a favorecer as pequenas explotacións, José Gonzalez mostrouse de acordo coa intención de establecer un tope máximo de axuda por explotación pero en lugar de 100.000 euros como propón a Comisión Europea, dende Galicia apóstase por rebaixar o límite a 60.000 euros.

Consultas aos estados

Na sesión de hoxe na que a Presidencia da Comisión presentou un informe da situación actual para a redacción dos plans estratéxicos, abordouse tamén a cuestión medioambiental e ecolóxica no desenvolvemento da nova PAC. Así, Galicia e o resto de España entende que a nova política agraria ten que apostar por modelos e prácticas sostibles dende o punto de vista climático pero sempre que se garanta a rendibilidade económica das explotacións e que as actuacións sexan un incentivo para o agricultor, non unha obriga. Así mesmo, para facer fronte a estes novos esforzos ambientais, reclámase a correspondente dotación económica que permita abordar os cambios precisos por parte dos Estados.

Neste encontro a Comisión Europea aproveitou tamén para informar da reunión que este verán mantiveron os ministros de agricultura dos Estados membro do G-20 en Arxentina. Así, abordáronse cuestións como a xestión durable do solo, a redución dos desperdicios alimentarios e o papel da tecnoloxía na agricultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información