“Galicia é un dos territorios europeos con máis biodiversidade agraria”

“Galicia é un dos territorios europeos con máis biodiversidade agraria”

A Xunta de Galicia ven de publicar a primeira “Guía para a conservación da biodiversidade agraria de Galicia”, concibida como unha ferramenta de fácil utilización para aqueles agricultores, gandeiros ou xestores que desexen potenciar a riqueza de plantas, mamíferos, aves, etc. da súa explotación agraria e o equilibrio medioambiental.

A guía explica a importancia de manter a biodiversidade agraria e porqué esta acaba sendo beneficiosa para a sustentabilidade dunha explotación. Detalla tamén algúns dos elementos tradicionais da paisaxe agraria galega que teñen un elevado valor ecolóxico, como os lameiros, os prados de sega, as sebes, os distintos tipos de muros ou os lagarteiros. Por último, ofrece unha guía práctica para introducir na explotación agrogandeira elementos que axudan a aumentar a súa biodiversidade, como son as charcas e filtros verdes, as caixas niño para aves insectívoras e morcegos, ou as colmeas.

Este manual, que forma parte do proxecto “Sistemas piloto de tratamento de efluentes e escorrentías producidas nas explotacións gandeiras de vacún de Galicia” (Feader 2015/08), foi dirixido por Jorge Piñeiro Portela, da empresa Calfensa, e por Juan Castro Insua, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam-Ingacal). Os textos son da autoría de Martiño Cabana Otero, da Asociación Galega de Custodia do Territorio.

“Galicia é un dos territorios europeos con maior biodiversidade agraria”

Juan Castro Insua subliña que “Galicia é un dos territorios de Europa con maior biodiversidade agraria e maior valor natural, pola situación xeográfica na que se dá a confluencia do clima atlántico e mediterráneo; a orografía que permite a diversidade da paisaxe; pola convivencia tradicional e complementaria entre os distintos usos ordenados do solos: a monte, agricultura e gandería; entre vales e chairas e polas árbores centenarias e construcións tradicionais, como sebes, muros, que servían de refuxio a curuxas, mouchos etc…etc, “Todo isto -advirte- estase perdendo sen que por desgracia chegáramos a comprender aínda a súa racionalidade ecolóxica”.

Neste sentido, lembra que o gran naturalista e escritor Joaquin Araujo define a paisaxe como “unha creación a medias entre a natureza e o mundo labrego”, en Galicia aínda nos quedan de forma “relicta”, o que se denomina “Paisaxes culturais” (smart landscapes), como por exemplo os lameiros ou prados de rega, cun saber facer ancestral (know how).

“Todo isto -subliña Juan Castro- está a punto de perderse polo abandono do campo e das prácticas tradicionais, moito máis custosas en man de obra que as intensivas, pero moito máis beneficiosas e rendibles en servizos ecosistémicos para a sociedade, como é a preservación da calidade da auga, a regulación do ciclo hidrolóxico, o mantemento do patrimonio natural e cultural, a calidade dos alimentos e da cultura gastronómica, etc”.

“En Galicia debería axudarse aos agricultores e gandeiros para que conserven este patrimonio”

A este respecto, as axudas da PAC e o PDR 2014-2020 son o principal instrumento que pon a Unión Europea para a conservación e mantemento do patrimonio natural, cultural e arqueolóxico do medio rural e “ofrecen unha gran oportunidade para establecer liñas de axudas para fomentar que os agricultores e gandeiros custodien e manteñan, para as seguintes xeracións, este patrimonio de todos os galegos”, subliña Juan Castro.

En concreto, o investigador do Ciam, lembra que “rexións similares a Galicia como a Bretaña, Irlanda, Gales ou Escocia, etc teñen aproveitado moito mellor esas axudas que veñen de Europa, destinadas a os agricultores e gandeiros”. Así, por exemplo, destaca que “os irlandeses, cunha paisaxe agraria, en xeral, máis monótona e con menos biodiversidade, teñen desenvolvido un extenso “menú” con diferentes tipos de axudas no programa de medidas agroambientais de Irlanda (GLAS)”.

Así, no programa irlandés poden atoparse axudas a agricultores e gandeiros para o coidado de restos arqueolóxicos 146 €, manexo de marxes de cultivos (1170 €/ha), mesturas de sementes cultivadas para os páxaros (360€/ha), ou 6 € por cada caixa niño para paxaros ou morcegos.

“En Galicia estamos perdendo un patrimonio agrario de alto valor natural, que é o noso maior atractivo turístico, xa que del depende, en gran medida, a paisaxe, a gastronomía, e a nosa cultura”, conclúe Juan Castro, codirector desta primeira “Guía para a conservación da biodiversidade agraria de Galicia”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información