Galicia e Portugal impulsan unha plataforma para mellorar o benestar animal

O Ibader impulsa unha plataforma galaico lusa sobre benestar animal centrada en áreas de formación, docencia e investigación. A vicerreitora Montserrat Valcárcel, salienta que a estrutura interuniversitaria sitúa o campus de Lugo á cabeza da transferencia de coñecemento sobre un tema universal

Galicia e Portugal impulsan unha plataforma para mellorar o benestar animal

Xornada no Ibader para impulsar a plataforma lusogalaica sobre benestar animal

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus de Lugo da USC impulsa en colaboración con universidades portuguesas a constitución dunha plataforma de benestar animal, cuxa actividade pivotará sobre a formación, docencia e investigación no ámbito do benestar animal.

“O benestar animal é un tema de carácter universal que sitúa de novo o Campus Terra da USC á vangarda na transferencia de coñecemento”, salientou a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo.

Montserrat Valcárcel realizou estas declaración na sesión previa á constitución da futura plataforma de benestar animal, un acto que congregou este xoves na sede do Ibader a investigadores e docentes universitarios, así como a representantes do Centro Tecnolóxico da Carne e da Xunta de Galicia.

O profesor da Área de Produción Animal da USC na Facultade de Veterinaria e secretario do Ibader, Antonio Iglesias Becerra, referiuse tamén a pertinencia da creación desta nova plataforma interuniversitaria debido á existencia dunha normativa europea ao respecto que “hai que cumprir e que contempla non poucas esixencias”.

Ademais da Universidade de Santiago de Compostela, nesta plataforma participan as universidades de Porto, Tras Os Montes e Alto Douro e do Instituto Politécnico de Viana do Castelo.

Xornadas técnicas de I+D+i centradas no benestar animal

Alén de promover e alentar esta plataforma galaico lusa de benestar animal, o Ibader apoiou o comezo da andadura deste novo órgano interuniversitario coa celebración dunhas xornadas técnicas de I+D+i centradas no benestar animal e abertas á participación de agricultores e gandeiros.

Esta xornada de formación e divulgación, financiada con fondos da Deputación Provincial de Lugo, desenvolveuse en quenda de tarde nas instalacións do Ibader. A xornada comezou cunha intervención de Anna Olsson, da Universidade de Porto, que falou sobre os métodos interdisciplinares no estudo do benestar animal. De seguido, Joaquim Lima Cerqueira e José Pedro Araújo, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo, afondaron respecto das normas de benestar animal na produción de leite, así como sobre a percepción que os consumidores teñen sobre o benestar animal.

O benestar en animais de produción centrou a intervención de Severiano Silva, da Universidade de Tras Os Montes Alto Douro, mentres que Jesús Cantalapiedra, en representación da Xunta de Galicia, pechou a quenda de intervencións cun relatorio no que abordou a normativa vixente en España sobre benestar animal. O programa da xornada rematou cun debate aberto sobre benestar animal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información