Galicia busca unha postura común ante a reforma das axudas da PAC

Galicia busca unha postura común ante a reforma das axudas da PAC

Reunión celebrada hoxe en Santiago

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse este luns pola mañá con representantes das organizacións profesionais agrarias e das cooperativas agroalimentarias para avanzar no establecemento dunha posición conxunta de Galicia ante a reforma da nova PAC, que debería estar vixente a partir do ano 2020.

Esta postura será trasladada ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación por parte da Xunta, tendo en conta ademais que Galicia ostenta este semestre a representación das comunidades españolas en materia agraria diante da Unión Europea.

No documento de consenso que está a elaborar Galicia proponse un decálogo de medidas que pasan, en primeiro lugar, por manter unha PAC coherente (e común) a nivel da Unión Europea, establecendo por parte da Comisión criterios iguais obrigatorios para todos os estados nas principais definicións. Rexéitase calquera posibilidade de renacionalización das axudas, de forma que unha parte das axudas sexan pagadas por cada Estado, o que crearía agravios entre países, e considérase que a PAC debe seguir sendo unha política eminentemente común, de forma que a súa estrutura continúe estando baseada en dous piares, e o primeiro deles (axudas directas) debe financiarse exclusivamente con fondos europeos.

Ángeles Vázquez explicou que neste intre resulta fundamental o correcto desenvolvemento dos plans estratéxicos que adaptarán a PAC a cada Estado membro. Neste sentido, dixo que “debe haber un plan único, que recolla as singularidades de cada comunidade autónoma”, tal e como contempla a normativa comunitaria.

A conselleira avogou ademais por unha simplificación “real” da PAC, tanto a nivel Comisión Europea como para os agricultores e gandeiros, que supoña unha diminución de custes e de persoal á hora de facer os controis, incorporando de xeito efectivo a dixitalización e as vías telemáticas para mellorar esa xestión.

Incorporación de mozos

Nesta postura común de Galicia apóstase por favorecer o apoio á incorporación de mozos á actividade agraria, especialmente porque se apoien as sociedades nas que se incorporen os agricultores novos, dunha forma menos restritiva que a actual. Deféndese, así mesmo, unha discriminación positiva para as zonas de montaña e con limitacións naturais, así como para as pequenas explotacións.

Outra das demandas de Galicia ten que ver co establecemento de medidas que permitan responder de forma rápida ás oscilacións dos prezos dos produtos agrarios e dos factores produtivos como os pensos e a enerxía, de forma que os agricultores poidan manter as súas rendas ante estas continxencias.

Sindicato Labrego Galego: “Debería haber un plan autonómico para as axudas da PAC”

Na reunión estiveron presentes representantes de AGACA, de CLUN e de organizacións agrarias como Unións Agrarias, ASAJA Galicia ou o Sindicato Labrego Galego.

Por parte deste último, o membro da súa executiva nacional, Xosé Ramón Cendán explicou que “esa foi unha primeira toma de contacto, e de aquí a finais de mes enviarémoslle á Consellería de Medio Rural as nosas propostas, con vistas a que en setembro haxa un documento consensuado por parte de Galicia ante a reforma da PAC”.

Entre as demandas que prevé trasladar o Sindicato Labrego están que “se estableza un tope máximo de axudas non só por explotación senón tamén por persoas, pero tamén un tope mínimo para que non se penalicen ás persoas que se incorporan á actividade agrogandeira e que non teñen dereitos”.

Ademais, Xosé Ramón Cendán incide na necesidade de que as axudas vaian sobre todo para os agricultores xenuinos ou activos, con máis do 50 da súa renda procedente da actividade agraria. “Somos partidarios de manter acopladas as axudas ás producións, de forma que a xente cobre se produce, para apoiar desta forma á xente activa que contribúe a manter un rural vivo. Poderíase valorar tamén as axudas á agricultura a tempo parcial. pero non na mesma medida que os que a teñen como actividade principal”, engade.

Por último, o representante do Sindicato Labrego defende a necesidade de “facer un plan estratéxico a nivel autonómico para as axudas da PAC, igual que hai para as axudas de desenvolvemento rural, porque a realidade do agro no caso de Galicia ten moito máis que ver coa de Centroeuropa que coa do centro e sur de España”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información