Galicia acumula sete anos de parón nos parques eólicos

A comunidade era no 2010 a primeira en potencia instalada, con 3.200 megawatios, pero baixou ó cuarto posto, tras instalar só 50 máis. Unións Agrarias agarda que a subasta enerxética de hoxe permita reactivar o sector

Galicia acumula sete anos de parón nos parques eólicos

José Antonio Diéguez e Jacobo Feijoo, en rolda de prensa.

A subasta de enerxía renovable que se organiza hoxe en Madrid constitúe unha oportunidade para reactivar o sector eólico galego. Galicia acumulaba no 2010 un total de 3.200 megawatios (MW) eólicos -equivalentes a tres centrais nucleares-, o que convertía á comunidade na primeira en potencia instalada no sector. Sete anos despois, só se montaron 50 megawatios (MW) máis e Galicia caíu ao cuarto posto estatal, segundo os datos recopilados por Unións Agrarias.

A organización agraria defende a potencialidade da enerxía eólica para xerar rendas no rural. Na actualidade, Unións calcula que a actividade eólica xera ao ano uns 6 millóns de euros en pagos a propietarios forestais e comunidades de montes en concepto de arrendamento polos terreos onde se instalan os parques.

A enerxía eólica xera en Galicia uns 6 millóns de euros de rendas para propietarios forestais e comunidades de montes

Novo soporte lexislativo
As rendas para os propietarios, non obstante, son consideradas insuficientes pola organización. Unións avoga pola creación dun novo “soporte lexislativo” que impulse a participación dos propietarios do rural e das cooperativas nas sociedades promotoras dos parques, a imaxe do que sucede en países do norte europeo, como Dinamarca ou Alemaña.

Expresaron onte estas demandas en rolda de prensa o secretario de Desenvolvemento Rural da organización, Jacobo Feijoo, e José Antonio Diéguez, de Ventonoso, unha asociación ligada a Unións que se ocupa de asesorar ás persoas afectadas polos parques eólicos.

Unións pide medidas para impulsar a participación dos propietarios nas sociedades promotoras dos parques

Cada novo parque eólico deixa para os propietarios do rural unhas rendas que oscilan entre o 0,5 e o 1,5% do valor da produción que xera. Unións estima que os acordos entre propietarios e empresas son manifestamente mellorables.

Situación legal
Galicia ten pendente de desenvolvemento unha bolsa total de parques eólicos cunha potencia aproximada de 2000 MW. Do total, hai 648 MW con todos os permisos administrativos finalizados, pero que non se poden desenvolver se non logran a adxudicación de megawatios nas poxas enerxéticas que organiza o Goberno central.

Eses 648 MW representan 26 parques eólicos. Norvento, empresa galega, con 7 parques eólicos aprobados, sería a que está en mellores condicións de desenvolver de inmediato complexos en Galicia de obter na subasta de hoxe potencia adxudicada. A seguinte empresa posicionada sería Smartener, do galego Honorato López Isla, con 5 parques eólicos, sumando entre ambas empresas 310 MW listos para executar.

En Madrid, poxaranse hoxe entre 2.000 e 3.000 megawatios de enerxías renovables, ós que se espera que concurran as empresas con proxectos en Galicia. Os megawatios que se concedan hoxe deberán estar instalados como ano tope no 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información