A Fundación Juana de Vega convoca o VI Programa de Emprendemento Agroalimentario

Os aspirantes, que poderán proceder de calquera punto de Galicia e de calquera eido do sector agroalimentario, deberán presentar as súas propostas ata o día 3 de novembro a través da web da Fundación Juana de Vega (www.juanadevega.org)

Publicidade
A Fundación Juana de Vega convoca o VI Programa de Emprendemento Agroalimentario

Rabaño de Beealia, un dos proxectos que participou no Programa de Emprendemento da Fundación Juana de Vega

A Fundación Juana de Vega convoca a sexta edición do Programa de Emprendemento Agroalimentario, co obxectivo de axudar aos emprendedores a desenvolver as súas ideas, convertelas en proxectos de negocio e materializalas en empresas reais, innovadoras e competitivas.

A iniciativa vai dirixida a emprendedores, sen limitación de idade ou formación académica, con diferentes proxectos: empresas de nova creación, sucesión e recuperación de empresas e explotacións familiares, posta en valor de activos rurais improdutivos ou posta no mercado de novos produtos ou servizos innovadores. En xeral, no programa, pode participar calquera proxecto individual ou colectivo de carácter innovador que poña en valor os produtos agroalimentarios galegos. Tamén se poden presentar proxectos relacionados co sector forestal e mesmo acuícola, pesqueiro e marisqueiro.

No proceso de selección de candidatos, prestarase especial atención a proxectos que xurdan no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que presenten un alto grado de diferenciación baseado na calidade e na innovación, que teñan unha clara orientación ao mercado e que poñan en valor os recursos do territorio.

As propostas poderán presentarse ata o día 3 de novembro

O programa consta dunha fase inicial na que poderán participar ata un máximo de 32 emprendedores. O obxectivo desta fase é axudar ao maior número posible de persoas a estruturar as súas ideas empresariais, para de entre estes emprendedores, seleccionar as 10 mellores ideas con base a actitude e aptitudes do promotor, o tipo de proxecto, a calidade dos produtos ou servizos ofrecidos, o grado de innovación, a orientación ao mercado e a viabilidade económica da iniciativa.

Os dez emprendedores seleccionados comezarán a traballar nas seguintes fases do programa para o que recibirán formación e asesoramento individualizado por parte dunha consultoría especializada, co fin de elaborar un plan de negocio rigoroso, que permita implantar a empresa no mercado coas maiores garantías de éxito posibles.

 “Seleccionaranse as 10 mellores ideas e axudarase aos emprendedores a convertelas en realidade”

Na última fase do programa, axudaráselles a implantar a empresa no mercado. Para iso recibirán asistencia xurídica, apoio na tramitación de subvencións ou axudas, na captación de recursos financeiros e en calquera outro tipo de necesidade que poida ter o emprendedor para garantir o éxito da iniciativa.

As persoas interesadas en participar no programa, poden facelo a través da páxina web da Fundación Juana de Vega (www.juanadevega.org), onde atoparán un formulario co que poderán anotarse ata o 3 de novembro de 2017.

Nesta iniciativa, que se enmarca dentro dos obxectivos da Fundación Juana de Vega de mellorar o tecido empresarial agroalimentario galego, fomentando a súa competitividade e produtividade, colaboran a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), o Igape, a Caixa Rural Galega e XesGalicia.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información