A Fruga pide o restablecemento do programa de recollida de plásticos agrícolas

A Fruga pide o restablecemento do programa de recollida de plásticos agrícolas

Os silos xeneran a maior cantidade de residuos plásticos no agro.

A Federación Rural Galega (Fruga) demanda a recuperación do servizo de recollida de plásticos agrícolas, que se encargaba da xestión dos plásticos procedentes de silos, invernadoiros e hortas. En Galicia, cada ano xenéranse arredor de 7.700 toneladas de plástico agrario, das que 6.800 proceden de silos e outras 900 de invernadoiros e hortas.

O último contrato de servizo entre a Consellería de Medio Ambiente e a empresa encargada da reciclaxe dos plásticos agrícolas expirou hai un ano, segundo os datos que manexa a Fruga. “Ata daquela, podíanse depositar os plásticos nun lugar indicado previamente por cada Concello do rural, que tiñan asinado un convenio coa Consellería de Medio Ambiente para xestionar estes residuos. Unha vez que o punto de almacenamento tiña acumulada unha cantidade de plástico superior á metade da súa capacidade, a empresa de recollida procedía a retiralo”, explica a Fruga.

Este sistema, que evitaba que os pláticos agrícolas acabasen ciscados por leiras ou montes, ou queimados incontroladamente, rematou hai cousa dun ano, segundo a organización agraria, que empraza a Medio Ambiente a recuperar a recollida de plásticos. “Hai unha grave irresponsabilidade da Xunta por cancelar este servizo, o que está xerando un grave problema medioambiental e social”, cuestiona a Fruga.

A organización empraza á Xunta a recuperar o programa e pide tamén unha campaña de concienciación para aumentar o volume de plástico que se viña recollendo. No mellor ano do servizo, no 2010, retiráronse unhas 4.000 toneladas de plástico, a metade do que se produce no agro, segundo os datos da propia Xunta que manexa a Fruga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información