A FRUGA destaca as súas xestións para que Medio Rural pague a PAC ás explotacións con cambio de titular

A FRUGA destaca as súas xestións para que Medio Rural pague a PAC ás explotacións con cambio de titular

Rolda de prensa da Fruga

A Federación Rural Galega (FRUGA) informa en nota de prensa de que as súas xestións ante a Consellería do Medio Rural, “conseguiron que un importante número de perceptores das axudas PAC 2018 nas que houbera un cambio de titular na explotación puideran cobrar en tempo e forma, ao igual que o resto dos e das solicitantes”.

En concreto, a organización agraria lembra que todos os anos se producen cambios de titularidade nas explotacións agrarias e gandeiras na Galiza, na maior parte das veces como consecuencia da xubilación do ou da anterior titular e a incorporación dun ou unha nova titular. Nestes casos as axudas da PAC correspondentes a estas explotacións tamén teñen de ser transferidas ao novo titular.

As novas e novos titulares de explotacións que accederan á titularidade no mesmo momento en que se estaba procedendo a solicitar as axudas da PAC 2018, entre os meses de febreiro e abril, na maioría dos casos acompañaron á solicitude de cambio de titularidade un documento de cesión de axudas PAC para o novo titular da explotación agrogandeira. “Principalmente estámonos a referir a novos agricultores, que se acababan de se incorporar á actividade no campo”, explican.

Sen embargo, dende a FRUGA advirten de que “en principio, e debida a unha serie de dificultades de carácter burocrático, estivo en risco o cobro destas axudas e tempo e forma a finais de 2018 e nas mesmas condicións que o resto de labregos e labregas”.

“De non solucionarse os solicitantes non cobrarían as axudas ata o mes de marzo”

“Unha vez observada esta anomalía, fixemos as xestións oportunas perante da Dirección Xeral de Gandeira Agricultura e Industria Alimentaria. Esta tivo a ben aceptar as nosas reivindicacións e así solucionar as trabas burocráticas que impedían o cobro en tempo e forma, e, deste xeito, conseguimos que a día de hoxe, os e as titulares de explotacións, que realizaron cesión de axudas, xa teñan ingresada a parte que lle correspondía das axudas da Política Agraria Común do ano 2018”, salientan dende a organización agraria.

A FRUGA valora positivamente esta xestión, “tendo en conta que a maioría dos e das beneficiarías eran mozos e mozas recen incorporadas, e porque ao mesmo tempo supón unha importante cantidade de diñeiro que pasa a mans dos solicitantes das axudas, que, do non ser así, non as cobrarían até o mes de marzo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información