Fima presenta en Galicia a feira de maquinaria de referencia para o agro

O certame desenvolverase entre o 20 e o 24 de febreiro na Feria de Zaragoza. Contará con preto de 1.500 firmas expositoras, entre elas unha vintena de Galicia, e espéranse máis de 200.000 visitantes profesionais

Fima presenta en Galicia a feira de maquinaria de referencia para o agro

A directora xeral, Belén do Campo; Javier Bueno (USC) e o director comercial da Feria de Zaragoza, Alberto López, na presentación de Fima.

A feira de maquinaria agrícola máis importante do sur de Europa, Fima, presentou en Santiago a súa próxima edición, que se desenvolverá entre o 20 e o 24 de febreiro. Co acto de presentación en Galicia, a Feria de Zaragoza quixo recoñecer a importancia que xoga o sector agrario galego no certame, xa que é habitual que os profesionais galegos se despracen a visitar a feira. Entre as máis de 1.500 firmas expositoras de Fima, figuran tamén unha vintena de empresas de Galicia.

Fima contará con arredor de 160.000 metros cadrados de superficie de exposición e espérase a visita de máis de 200.000 visitantes profesionais, como é habitual en cada edición do certame, que chega a súa edición número 40. “Fima naceu no 1964, pero xa desde o inicio de Feria de Zaragoza, hai 77 anos, o sector da maquinaria agrícola está presente no noso traballo. A agricultura figura no ADN da Feria de Zaragoza”, destacou o director comercial da entidade, Alberto López, quen tamén lembrou na presentación de onte a boa relación que mantén a Feria de Zaragoza coa Feira Internacional de Galicia, organizadora do certame bianual Cimag-Gandagro, que este ano non se celebra.

O acto de presentación de Fima contou tamén coa participación do vicerreitor de coordinación do Campus de Lugo da Universidade de Santiago, Javier Bueno, que lembrou as tradicionais viaxes dos estudantes de enxeñería para visitar Fima, e da directora xeral de Gandería, Belén do Campo.

A publicación da convocatoria das axudas para a compra de maquinaria en Cumas e cooperativas espérase para este xoves

Durante a súa intervención, a directora xeral incidiu na importancia dunha “mecanización racional” no agro e anunciou que este xoves sairá publicada a liña de axudas para a compra de maquinaria en común por parte das Cumas e cooperativas con sección de maquinaria. Tamén anunciou a pronta convocatoria da orde de plans de mellora das explotacións, nos que se pode incluír a compra de maquinaria, e a convocatoria no 2018 por parte do Ministerio dun novo plan renove de maquinaria agrícola. Do Campo incidiu en que estas convocatorias representan unha oportunidade para adaptar ós novos requisitos a maquinaria de pulverización de fitosanitarios ou de distribución de xurros.

Xornadas técnicas de Fima
Fima complementa a exposición comercial de maquinaria agrícola coa celebración de xornadas técnicas centradas en cuestións como a agricultura de precisión ou a prevención de incendios forestais. A feira espera a asistencia de máis de 2.000 profesionais a estas xornadas técnicas.

O director comercial do certame, Alberto López, lembrou tamén a importancia que teñen as xornadas técnicas da feira de gandería Figan, que se desenvolve en anos alternos con Fima. “En Figan, que é outra feira moi importante para o sector gandeiro galego, superamos as 5.000 persoas nas xornadas técnicas”, sinalou. A oferta de certames agrarios da Feira de Zaragoza complétase con Tecnovid – Enomaq, un evento de referencia para viticultores e adegas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información