ExpoLugo- A Rural será o centro do sector agrogandeiro galego esta fin de semana

ExpoLugo- A Rural será o centro do sector agrogandeiro galego esta fin de semana

Responsables da Deputación presentando Expolugo-A Rural

A Deputación de Lugo presentou este xoves a nova edición de ExpoLugo- A Rural, unha feira adicada aos sectores gandeiro, agroalimentario e a artesanía, e que se celebrará esta fin de semana no Pazo de Feiras e Congresos da capital luguesa, coincidindo co San Froilán.

Haberá 40 expositores con produtos autóctonos e de alimentación, e participarán máis de 200 cabezas de gando. Haberá outras actividades complementarias como premios, mostras de artesanía ou degustacións. A organización prevé a asistencia de 10.000 persoa. A Feira estará aberta dende as 11 da mañá ata as 21:00 horas e a entrada é gratuíta.

Mostra gandeira e agroalimentaria

En ExpoLugo, A Rural poderase desfrutar da mostra gandeira, que se converterá na máis completa exposición gandeira de Galicia xa que nela participarán as principais razas autóctonas galegas, así coma outras de ámbito nacional, coa presenza das súas asociacións xestoras e de animais en vivo. Razas de bovino, caprino, equino, porcino e avícola, que farán as delicias de pequenos e maiores, nun acercamento e revalorización do eido rural á cidade.

No programa tamén haberá unha mostra agroalimentaria de Razas Autóctonas, e que contará cunha exposición de produtores de razas autóctonas con venda de produtos directamente do produtor ao consumidor.

Na Feira participarán stands de empresas relacionadas co sector rural e gandeiro, no que destacarán as últimas innovacións e servizos nos sectores gandeiro e agrario que, na provincia de Lugo, supoñen unha parte esencial tanto a nivel económico como social, axudando a mellorar a súa competitividade, converténdose así nunha boa plataforma de negocio.

Artesanía e outras actividades

A Deputación tamén colabora a través do CENTRAD, que levará un stand. Alí despregarase unha pequena exposición onde se integrarán demostracións e obradoiros en torno á figura da vaca. A mostra incluirá pezas de olería, cestería e traxe. As demostracións e obradoiros desenvolveranse en horario de 11 a 14h. e de 17 a 20h., da man das seguintes artesás: Idoia Cuesta, Pepa Lombao e Inmaculada Díaz.

Ademais da zona expositiva agrogandeira, agroalimentaria e artesá, esta Feira verase completada con outras actividades sempre relacionadas co sector primario. Deste xeito, terán lugar, entre outras actividades, a presentación de produtos e novidades no sector en servizos como ferramentas, aplicacións e maquinaria. Tamén haberá charlas técnicas, celebración de asembleas e xuntanzas de socios, desfile do gando de razas autóctonas pola rúas de Lugo, IV Concurso- Exposición Provincial da Galiña de Mos, I Concurso Morfolóxico de Raza Porco Celta, Curso de Xuíces de Raza Rubia Galega, Concurso-Exposicións de Gando de Raza Rubia Galega e degustacións de produtos de raza autóctona.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información