Expertos de varios países reúnense en Vigo para avanzar no control das malas herbas

Expertos de varios países reúnense en Vigo para avanzar no control das malas herbas

Inauguración del congreso

Preto de 100 especialistas participan en Vigo dende este martes e ata o xoves no XVII Congreso da Sociedad Española de Malherbología (SEMh), un evento organizado polo grupo de investigación da Universidade de Vigo Agrobioloxía ambiental: calidade de solos e plantas, membro da Agrupación Estratéxica Citaca, en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia (CSIC).

Trátase dun congreso bianual que nesta edición reunirá a investigadoras e investigadores de toda España, con participantes tamén de Portugal, Reino Unido, e EEUU.

Este é o evento de referencia en España na investigación e transferencia en malherboloxía, a ciencia que estuda a bioloxía e o manexo das malezas ou malas herbas, un dos problemas máis urxentes na agricultura moderna, e chave na conservación da biodiversidade e dos espazos naturais e no control das especies invasoras.

A conferencia inaugural deste martes correu a cargo de Nilda R. Burgos, presidenta da International Weed Science Society, Department of Crop, Soil, and Environmental Sciences da University of Arkansas e versou sobre os retos, investigación e xestión da malherboloxía moderna.

O congreso é un foro idóneo “para comunicar e discutir os últimos avances en distintas áreas de coñecemento, intercambiar ideas e coñecer ás novas e novos investigadores do ámbito”, asegura Nuria Pedrol, investigadora do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo e coordinadora do Comité Organizador.

“Non é aleatorio que a SEMh elixira Vigo como sede: o grupo de I+D+i da Universidade de Vigo BEV1 Agrobioloxía Ambiental é ben coñecido na SEMh pola súa intensa actividade investigadora en diversos aspectos da malherboloxía, como a bioloxía de especies invasoras, a procura de herbicidas con novos modos de acción ou o deseño de estratexias eco-innovadoras para o control de malezas en agricultura ecolóxica”, explica Nuria Pedrol.

Máis innovación e interdisciplinariedade

Baixo o lema “Novas estratexias para novos retos”, o Comité Organizador decidiu afondar neste congreso no avance cara estratexias de control que posibiliten un manexo integrado e sostible de malezas agrícolas e invasoras, “abríndonos máis á innovación e tratando de intensificar a comunicación e as colaboracións interdisciplinares”. Para iso dispóñense seis sesións temáticas: busca de herbicidas con novos modos de acción; control químico e resistencia a herbicidas; manexo integrado; estratexias eco-innovadoras; diversidade, estabilidade e servizos ecosistémicos; e bioloxía e manexo de especies invasoras.

Xunto coa exposición de comunicacións orais e en formato póster, as e os congresistas poderán desfrutar de catro conferencias plenarias de invitados de recoñecido prestixio internacional no campo da Malherboloxía, que abrirán as distintas sesións temáticas.

Así, Nilda R. Burgos, presidenta da International Weed Science Society e investigadora da University of Arkansas (EEUU) foi a encargada de dar a conferencia inaugural este martes ; Fabricio Araniti, do Dipartamento Agraria da Università Mediterranea di Reggio Calabria (Italia) abriu a sesión de tarde; Jordi Recasens, do Grupo de Malherboloxía e Ecoloxía Vexetal da Universitat de Lléida, dará a conferencia plenaria o mércores 9 e Rodrigo Medel, do Departamento de Ecoloxía da Universidad de Chile inaugurará a última xornada o xoves 10 de outubro.

O simposio, que se celebrará na sede viguesa de Afundación, completarase cunha saída técnica á Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra, o veciño centro do CSIC adscrito á área de Ciencias Agrarias, que ofrecerá unha visita guiada polos distintos departamentos de investigación, incluíndo as súas instalacións e parcelas experimentais.

Esta edición conta tamén coa colaboración do Concello de Vigo e de bodegas Pazo Señoráns, xunto co patrocinio de Bayer, FCM, Syngenta, Adama, Ascenza, BASF, Corteva Agriscience, FTS AgroConsulting, Belchim, Galdemic, e Phytoma, moitos deles socios protectores da SEMh dende os seus orixes.

Consulta aquí o programa do XVII Congreso da Sociedade Española de Malherboloxía (SEMh)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información