cof

Expertos coinciden en que “superar a cultura do minifundio” é clave para o futuro do rural galego

Profesionais e dirixentes de diversas asociacións e colectivos presentaron este martes en Lugo un conxunto de 7 propostas para “superar a cultura do minifundio” e desenvolver o rural galego.

Os integrantes deste grupo son Asociación Castaño y Nogal, Almoneda Ingeniería, European Dairy Farmers – España, Centro de Promoción Rural EFA-FONTEBOA, GaliciaDigital, Asociación ALÍA Network, e USKORUÑA.

Interviñeron Antonio Álvarez González, Pedro Guerreiro Iglesias, Xusto Suárez Varela, Luis García Fernández, Antonio Giz, Pelayo López Trivino e José Manuel Vicos López.

Todos coincidiron na necesidade de afrontar a cooperación activa de administracións públicas e os centros de formación, para prepararse e ser competitivos no mercado global do século XXI, máis aínda no momento en que España e Galicia deixarán de percibir, a partir de 2020 miles de millóns de euros dos fondos estruturais da Unión Europea.

Para os intervenientes, os gobernos, administracións e titulares das explotacións teñen que concienciarse de que a dinamización rural para que sexa sustentable e teña éxito ten que sustentarse nos recursos naturais e características específicas e diferenciadoras das comarcas, a innovación nas explotacións agrarias, a optimización dos investimentos e un marco legal civil e tributario que propicie a concentración, a transmisión e o aproveitamento de terras e propiedades abandonadas.

“Hai que pasar do desleixo e a queixa á acción coordinada para reverter a tendencia de progresivo despoboamento e abandono de explotacións”

Ademais, manifestaron que o futuro do rural pasa por contar con mozos e persoas con formación profesional, experiencia e referentes adaptados ás esixencias do contexto actual da agricultura, a gandaría e sector forestal.

Tamén deixaron claro que “nese reto e obxectivos cada parte ten que asumir a súa responsabilidade, cando a situación non está para dispendios públicos nin privados, nin de tempo nin de recursos nin para enganos nin para xerar expectativas sen plan nin actuacións integradas”. A nivel local e comarcal, coincidiron en que “hai que pasar do desleixo e a queixa á acción coordinada para reverter a tendencia de progresivo despoboamento e abandono de explotacións agrarias e gandeiras en Galicia, procurando solucións adaptadas ás posibilidades e alternativas de cada comarca”.

Concluíron dicindo que a clave para afrontar estes problemas é “ter un Plan Estratéxico, que combine aproveitamento integrado de recursos naturais e patrimonios rurais de cada comarca con iniciativas locais e labores de prevención e conservación do bosque autóctono, obxectivos de desenvolvemento sustentable e a optimización de recursos públicos e privados, mediante cooperación interinstitucional, formación agraria e innovación, con cobertura e acceso a internet por banda ancha ou 5G onde non a hai, ver referentes na Unión Europea., ofrecer estímulos a liderados comarcais e concienciación en que non haberá novas oportunidades ou será xa tarde e irreversible”.

Máis información en:
Web: http://www.asociacioncastanoynogal.com