Expertos coinciden en que “superar a cultura do minifundio” é clave para o futuro do rural galego

Expertos coinciden en que “superar a cultura do minifundio” é clave para o futuro do rural galego

Profesionais e dirixentes de diversas asociacións e colectivos presentaron este martes en Lugo un conxunto de 7 propostas para “superar a cultura do minifundio” e desenvolver o rural galego.

Os integrantes deste grupo son Asociación Castaño y Nogal, Almoneda Ingeniería, European Dairy Farmers – España, Centro de Promoción Rural EFA-FONTEBOA, GaliciaDigital, Asociación ALÍA Network, e USKORUÑA.

Interviñeron Antonio Álvarez González, Pedro Guerreiro Iglesias, Xusto Suárez Varela, Luis García Fernández, Antonio Giz, Pelayo López Trivino e José Manuel Vicos López.

Todos coincidiron na necesidade de afrontar a cooperación activa de administracións públicas e os centros de formación, para prepararse e ser competitivos no mercado global do século XXI, máis aínda no momento en que España e Galicia deixarán de percibir, a partir de 2020 miles de millóns de euros dos fondos estruturais da Unión Europea.

Para os intervenientes, os gobernos, administracións e titulares das explotacións teñen que concienciarse de que a dinamización rural para que sexa sustentable e teña éxito ten que sustentarse nos recursos naturais e características específicas e diferenciadoras das comarcas, a innovación nas explotacións agrarias, a optimización dos investimentos e un marco legal civil e tributario que propicie a concentración, a transmisión e o aproveitamento de terras e propiedades abandonadas.

“Hai que pasar do desleixo e a queixa á acción coordinada para reverter a tendencia de progresivo despoboamento e abandono de explotacións”

Ademais, manifestaron que o futuro do rural pasa por contar con mozos e persoas con formación profesional, experiencia e referentes adaptados ás esixencias do contexto actual da agricultura, a gandaría e sector forestal.

Tamén deixaron claro que “nese reto e obxectivos cada parte ten que asumir a súa responsabilidade, cando a situación non está para dispendios públicos nin privados, nin de tempo nin de recursos nin para enganos nin para xerar expectativas sen plan nin actuacións integradas”. A nivel local e comarcal, coincidiron en que “hai que pasar do desleixo e a queixa á acción coordinada para reverter a tendencia de progresivo despoboamento e abandono de explotacións agrarias e gandeiras en Galicia, procurando solucións adaptadas ás posibilidades e alternativas de cada comarca”.

Concluíron dicindo que a clave para afrontar estes problemas é “ter un Plan Estratéxico, que combine aproveitamento integrado de recursos naturais e patrimonios rurais de cada comarca con iniciativas locais e labores de prevención e conservación do bosque autóctono, obxectivos de desenvolvemento sustentable e a optimización de recursos públicos e privados, mediante cooperación interinstitucional, formación agraria e innovación, con cobertura e acceso a internet por banda ancha ou 5G onde non a hai, ver referentes na Unión Europea., ofrecer estímulos a liderados comarcais e concienciación en que non haberá novas oportunidades ou será xa tarde e irreversible”.

Máis información en:
Web: http://www.asociacioncastanoynogal.com

image_print

Una idea sobre “Expertos coinciden en que “superar a cultura do minifundio” é clave para o futuro do rural galego

  1. Adrián

    Quizais o que debería aparecer entrecomillado no titular da nova, no canto de “superar a cultura do minifundio”, é iso de “expertos”; “expertos” en que?
    O que si parece que xa superaron todas estas asociacións (ou cando menos a maioría) ou grupos de “expertos” é iso do galego, aí vese que xa pasaron ao latifundio linguistico, nos seus nomes cando menos, utilizando o castelan e ata o inglés. Imaxino que unicamente para adaptarse mellor ao “mercado global do S.XXI”, que xa se sabe que co galego ” non se vai a ningún lado”.
    Por outra banda, non me parece que outras zonas do estado onde é tradicional o latifundio esten nunha mellor situación que o noso país, nin no eido económico nin no social e demográfico.
    E se falamos das concentracións parcelarias levadas a cabo na Galiza, creo que podemos ver que non son exemplos de solución aos problemas que plantexan ditos “expertos”, xa que as que minimamente teñen funcionado, fixérono unicamente no eido económico (e tan só para uns poucos) xa que no social e demográfico podemos dicir que no valeron para nada, antes ao contrario, e xa se falamos do eido ecolóxico (imprescidible para calquera dos sectores: agrícola, gandeiro e forestal, así como socialmente) non sei canto tempo durará ese suposto “beneficio produtivo-económico”, vamos que “pan para hoxe…” e no resto de exemplos de concentracións ao longo do país non solucionaron ningún dos problemas do rural galego.
    Creo que máis ben o problema do noso rural está implícito, tanto no fondo coma na forma desta nova, xa que resúltame curioso que de todo o que palntexa este grupo de “expertos” escóllase iso de “superar a cultura do minifundio” como titular.
    Alomenos eu vexoo desta forma.
    Aínda así parabenizar e agradecer a xente de campo galego polo traballo que facedes traéndonos esta (para min desafortunada) e outras moitas novas todos os días.
    Por último, recomendar o libro: O pequeno é grande. A agricultura familiar como alternativa: o caso galego. De Xoán Carlos Carreira Pérez e Emilio Carral Vilariño. Através editora.
    Un saúdo.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información