¿Existe no agro galego máis desigualdade para a muller?

Falamos con mulleres sobre a situación da desigualdade de xénero no medio rural de Galicia. Dotación de servizos, cambio da mentalidade dos homes e maior empoderamento feminino sitúanse como claves para evitar un medio rural masculinizado e despoboado.

¿Existe no agro galego máis desigualdade para a muller?

Xornada do Sindicato Labrego sobre igualdade.

Sen mulleres non hai futuro para o medio rural. Isto que pode parecer unha obviedade é un grave problema en moitas zonas rurais, onde o proceso de avellentamento foi acompañado tamén por unha masculinización: as mulleres novas eran as primeiras que marchaban do campo en busca de mellores oportunidades laborais e de igualdade.

¿Que cambiou nestes anos? ¿En que hai que avanzar para a igualdade entre muller e home no medio rural? Reparto de tarefas no fogar e no coidado dos fillos, acceso a espazos públicos de decisión e dotación de servizos públicos que lle faciliten o coidado da familia son algunhas das claves nas que inciden algunhas das expertas coas que falamos.

Ruth Rodríguez (Agaca): “O apoio da familia e da parella é clave para avanzar na igualdade para a muller no rural”

Ruth Rodríguez Ferreiros é axente de igualdade e dende o ano 2015 dirixe o programa “Atrévete contigo mesma!”, organizado pola Asociación Galega de Coooperativas Agrarias (Agaca), co financiamento da Obra Social La Caixa, e co que se busca que as mulleres do rural accedan a postos de responsabilidade.

A realidade da que se parte é que, malia que o 49% dos socios das cooperativas agrarias galegas son mulleres, só representan o 14% dos membros dos consellos reitores e tan só un 4% das presidencias das cooperativas están ocupadas por mulleres.

“Canta máis responsabilidade, menos presenza temos da muller, aínda que nos últimos anos estanse dando avances. E nas asembleas seguen delegando o voto nos fillos ou nos maridos, e o mesmo sucede cando se organizan cursos técnicos que non sexan obrigatorios, como os de fitosanitarios”, recoñece Ruth Rodríguez.

As causas sitúaas a técnica de Agaca “sobre todo na falta de corresponsabilidade entre home e muller nas tarefas do fogar e no coidado dos fillos e das persoas maiores. Na granxa si que moitas veces o traballo é en pé de igualdade entre o home e a muller, pero ela tense que ocupar moitas veces soa tamén das tarefas domésticas, co que non ten tempo libre e élle máis fácil mandar ao marido ás reunións das cooperativas”, explica.

Ademais, Ruth Rodríguez Ferreiros destaca “a necesidade de que as mulleres se valoren máis, pois moitas veces senten unha especie de vergoña a dar a súa opinión en público, sobre todo se é un foro no que a maioría son homes”.

Rosa Arcos (Fademur): “Hai que dotar ao rural de servizos públicos de calidade para avanzar na igualdade”

Para Rosa Arcos, presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) de Galicia, outra prioridade para avanzar na igualdade de mulleres e homes no medio rural é a dotación de servizos públicos.

“En moitas zonas do rural hai un déficit moi grande de servizos de pediatría, obrigando ás mulleres a desprazarse máis dunha hora en coche. Hai que dotar ao medio rural duns servizos sociais, educativos e sanitarios de calidade que lle permitan ás mulleres facer compatible o traballo na explotación agrícola ou gandeira, cun proxecto vital de formar unha familia”, subliña.

Isabel Vilalba (Sindicato Labrego): “Para que as mulleres novas aposten polo rural o seu traballo ten que deixar de ser infravalorado”

Traballar na explotación gandeira ou agrícola en igualdade de dereitos que o home é outro dos aspectos esenciais nos que incide Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, e unha das poucas mulleres que lidera organizacións agrarias en Galicia.

“Cando unha muller se incorpora a unha explotación gandeira o normal en moitos casos é que o titular e quen cotiza sexa o home. É imprescindible corrixilo, pois para que as mulleres novas aposten polo medio rural, a súa participación no proxecto agrario coa súa parella ten que ser en termos de igualdade de dereitos”, subliña. Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do cuarto trimestre de 2017 confirman este desequilibrio: das 54.700 persoas ocupadas no sector agrogandeiro e forestal en Galicia, 32.400 son homes e 22.300 mulleres.

Ademais, critica que o seu traballo de coidado da familia moitas veces se vexa invisibilizado, non só no seu entorno cercano senón tamén pola administración. “As mulleres encárganse sen remuneración do coidado dos fillos e das persoas maiores, o que fai que teñan menos cotización e durante menos anos, algo que aínda despois é penalizado pola Administración á hora de acceder a unha axuda ou a unha pensión”, advirte Isabel Vilalba.

En canto ás axudas para o emprendemento no rural, a secretaria xeral do Sindicato Labrego reclama das administracións “unha maior sensibilidade, xa que os seus proxectos solen ser de menor tamaño, e máis vinculados á transformación e ao desenvolvemento sustentable, afastados dos proxectos de grandes explotacións gandeiras, que son as que copan as axudas”.

A Consellería de Medio Rural puntuará máis os plans de mellora presentados por mulleres

A este respecto, a Consellería de Medio Rural avanzou que para as axudas de plans de mellora deste 2018 incorporarase como novo criterio que os expedientes presentados por mulleres puntuarán máis.

Polo demais, os datos oficiais confirman que o emprendemento no rural segue sendo principalmente cousa de homes, agás no caso das pequenas explotacións. Así, das axudas de incorporación do ano 2016 en Galicia, 379 foron concedidas a homes e 239 a mulleres. Pero no caso das pequenas explotacións é á inversa: o 85% das beneficiarias (27) foron mulleres.

Sen embargo, Rosa Arcos, de Fademur, bota en falta un apoio máis decidido á incorporación da muller ao agro. “En Extremadura ou en Castela A Mancha prímanse as explotacións de titularidade compartida ou que sexan titularidade de mulleres, á hora de conceder non só axudas de plans de mellora, senón tamén axudas de incorporación ou para a transformación agroalimentaria”. “As políticas de apoio ás mulleres promóvense dende a administración para remover as pexas que existen, e non se pode acomodar a administración dicindo que as mulleres non queren”, recalca Rosa Arcos.

Chelo López, Gandería Quintián: “As mulleres temos que superar as limitacións que moitas veces nos poñemos”

Chelo López

Chelo López

Chelo López é copropietaria xunto ao seu marido, Julio, de Gandería Quintián, no concello lucense de O Páramo. No seu caso, asegura que “nunca me sentín discriminada por ser muller nin no rural nin na cidade”. “As mulleres temos que superar as limitacións que moitas veces nos poñemos a nós mesmas”, afirma.

Sen embargo, recoñece que “é moi frecuente que nos poñamos un freo a facer determinadas cousas, como participar en asembleas, porque se consideraba que era un rol dos homes, pero tamén é certo que podemos facelo sen problema e que a resposta que cada unha de nós deamos determinará a reacción da xente que temos enfrente”.

Neste sentido, considera clave “a educación no fogar, incluso máis importante que na escola, das novas xeracións, nos valores de igualdade, respecto e tolerancia”.

A Lei de Titularidade Compartida das Explotacións Agrogandeiras: ¿Por qué non funciona?

Dende a entrada en vigor da Lei de Titularidade Compartida das Explotacións Agrarias no ano 2012 tan só 351 explotacións -17 delas en Galicia- se deron de alta neste tipo de titularidade xurídica, que pretendía poñer en pé de igualdade e de dereitos ao home e á muller nas explotacións agrarias familiares.

O Ministerio de Agricultura xa adiantou que vai impulsar esta lei para que as mulleres sexan cotitulares. A súa análise de por que non funcionou conclúe que a principal razón é polo descoñecemento desta normativa, tanto entre as mulleres, como entre os funcionarios das Oficinas Agrarias, así como pola falta de coordinación entre as administracións. Neste sentido, o MAPAMA ten previsto realizar unha campaña informativa e publicar un manual para que tanto as mulleres, como os cónxuxes e os funcionarios coñezan as vantaxes desta lei.

Lugares e datas das convocatorias de manifestacións en Galicia para o 8 de marzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información