“España será o laboratorio mundial para ensaiar variedades de cultivos resistentes ao cambio climático”

Entrevista a Antonio Villaroel, secretario xeral da Asociación Nacional de Obtentores Vexetais (Anove), a patronal que agrupa ás empresas de sementes

“España será o laboratorio mundial para ensaiar variedades de cultivos resistentes ao cambio climático”

Antonio Villaroel, secretario xeral da Asociación Nacional de Obtentores Vexetais (Anove)

Por primeira vez en España as principais organizacións agrarias (Upa e Asaja), Cooperativas Agroalimentarias de España e as empresas obtentoras de sementes, agrupadas en Anove, alcanzaron un acordo o pasado 26 de xullo para facer cumprir a normativa europea sobre reemprego de grans para semente de variedades protexidas de cereais.

Dita normativa obriga aos agricultores a pagar por reutilizar sementes de cereais e leguminosas durante 25 anos, algo que para a Coag, que se desmarcou do acordo, resulta “abusivo”.

Para aclarar o contido deste acordo e coñecer os pasos que están a dar as empresas de sementes para mellorar os cereais e lograr variedades máis adaptadas ao cambio climático, entrevistamos a Antonio Villaroel, secretario xeral Anove.

Que importancia ten o acordo alcanzado entre Anove, as cooperativas agrarias e as organizacións sindicais Upa e Asaja o pasado mes de xullo?
É un acordo histórico. Na Unión Europea e a nivel internacional a protección das variedades vexetais ten determinadas excepcións, sobre todo no caso dos cereais e da pataca, que permiten aos agricultores estar autorizados a reutilizar a “semente de granxa”, isto é, a que eles mesmos obteñen nas súas explotacións. En concreto, a lexislación da Comisión Europea no ano 1994 empezou a regular este dereito, establecendo que os agricultores deben informar os titulares das variedades para poder reutilizalas e que teñen que pagar unha pequena retribución, da que se exclúe aos pequenos agricultores.

A lexislación europea tamén recomenda dar prioridade aos acordos sectoriais sobre a normativa, que se aplicará de forma subsidiaria aos acordos a nivel europeo, nacional e mesmo individual entre agricultor e propietario da semente.

A partir desta normativa, os estados membros da UE foron resolvendo este asunto pola vía de acordos nacionais. Así, por exemplo, en Francia os agricultores contribúen con 0,7 euros por tonelada cando entregan a súa colleita, e se o agricultor non usou unha variedade protexida ou é pequeno agricultor devólveselle o diñeiro. No Reino Unido pagan ou ben cando acondicionan o seu gran ou por hectárea.

Porén, en España non lograramos chegar a un acordo, o que foi motivo de enfrontamento para facer cumprir unha obriga legal da Unión Europea, como é a de pagar por reempregar como semente o gran que produce o propio agricultor. Si que logramos chegar a un acordo coas cooperativas e coas empresas acondicionadoras de gran para facturarlles por reutilización, en concreto o 50% do royalty máis barato no mercado. Pero faltaba que se unisen os agricultores, a través dos sindicatos.

 “O canon por reemprego de semente oscilará entre 1 e 3 euros por hectárea”

Finalmente, hai dous anos, en 2015, houbo unha decisión do Tribunal Europeo de Xustiza da Unión Europea, que estableceu a obriga para os agricultores de que sexan eles os que teñan a responsabilidade de pagar este canon por reemprego, cun prazo de ata o 30 de xuño da campaña seguinte á que usaron o material. En caso contrario, estarían a cometer unha infracción, introducindo así unha gran conflitividade no campo.

Finalmente, chegamos a un acordo entre a maioría das partes implicadas para aplicar a normativa de forma sinxela e práctica, cedendo todas as partes un pouco.

Así, unificamos o royalty cun canon medio de 12 euros por tonelada de gran reempregado, en caso de acondicionar o cereal para sementeira. E os agricultores que non acondicionen o cereal pagan por hectárea sementada, un pago que se modula en función dos rendementos, oscilando entre os 1 euros por hectárea en zonas de rendementos baixos, a un máximo de 3 para zonas de regadío e 2 euros para zonas de rendementos medios.

Cando podería un agricultor volver sementar un cereal certificado sen pagar canon por reutilización?
A lexislación europea establece un límite máximo de 25 anos para especies herbáceas e de 30 para as leñosas. Optamos por establecer un límite de 25 anos desde o seu rexistro, e ao final dese período esas variedades rexistradas pasan ao dominio público e os agricultores pódenas utilizar sen limitación.

En todo caso, hai que lembrar que a lexislación europea estableceu que, por razóns fitosanitarias, o comercio de sementes só poden realizalo produtores rexistrados e dados de alta para elaborar semente ou pataca de sementeira certificada.

Que responden as críticas de COAG de que establecer un prazo de 25 anos é abusivo e de que nese acordo primou o afán de lucro das empresas de sementes?
Do que se recade con este acordo a metade irá para sufragar programas de mellora xenética e a outra metade a actividades de interese xeral, como son formación e investigación.

 “En Europa as empresas non investiron en mellora de cereais porque non lles é rendible”

Por suposto, respectamos todas as posicións, pero senón investimos en desenvolvemento de variedades melloradas de cereais vai ser moi difícil resolver os problemas que temos agora co cambio climático, e as empresas de sementes, como en calquera outra actividade empresarial, só invisten en investigación se lle ven un retorno económico.

Hai que destacar que actualmente só se cobra en España por reemprego de sementes de cereais uns 1,5 millóns de euros cada ano, con facturas para os agricultores de 20 ou 30 euros ao ano; é dicir, algo insignificante nos seus custos de produción.

En Europa hoxe temos un gran problema de que non se estivo investigando en mellora de cereal porque a moitas grandes empresas non lles é rendible. Os datos da FAO son elocuentes: hoxe no mundo seméntanse uns 225 millóns de hectáreas de trigo fronte a uns 160 millóns de hectáreas de millo.

Sn embargo, o que se gasta en investigación e en mellora das variedades de trigo son 735 millóns de dólares fronte a uns 5.100 millóns en millo. É dicir, agora mesmo o investimento en I+D en millo é 10 veces superior á do trigo (32 dólares por hectárea en millo fronte a 3,3 en trigo). O resultado é que nas boas explotacións están a alcanzarse rendementos de 20.000 kg de gran de millo por hectárea, mentres que en trigo os rendementos máximos son de 7.000 kg.

Hai correlación entre investigación e resultados que é imprescindible incentivar. A proba que moitas empresas deixaron de investir na mellora de cereal e centran case todos os seus esforzos no millo e outros cultivos máis rendibles.

“O investimento en I+D en millo é 10 veces superior á que se fai en trigo”

Sacar unha nova variedade de cereal ao mercado custa uns 10 ou 13 anos de traballo e entre 1,5 e 2 millóns de euros, e en Europa ese investimento fano sobre todo cooperativas e pequenas e medianas empresas, ás que temos que apoiar decididamente.

Desde organizacións de redes de intercambio de sementes acúsase ao Seprona de sancionar a agricultores por resementar sementes con patente, cando en realidade son sementes tradicionais que experimentaron polinizacións cruzadas de campos próximos. Que opina?
Non temos coñecemento de ningún caso así en España. En todo caso, a polinización cruzada en cereal podería darse pero afectaría a menos de 1 de cada 10.000 plantas. En Anove non facemos nunca un control de campo no que vaiamos perseguir a un agricultor porque teña trazas dunha variedade protexida. O que si nos preocupa é o mercado ilegal, no que operadores están a vender de forma clandestina cereal ou pataca de semente de variedades protexidas. E que ademais esa semente non ten garantías sanitarias nin de trazabilidade.

Por tanto, as nosas accións van contra operadores e comerciantes que están a operar con semente pirata.

En que aspectos se centrará a mellora xenética dos cultivos en xeral, e dos cereais particular, nos próximos anos?
Estamos trabando en mellorar a produtividade, porque é clave para o agricultor e para mellorar rendementos, ademais de en variedades máis adaptables. Isto pasa principalmente en cereais e en forraxeiras, porque son cultivos perennes.

O cambio climático é xa unha realidade en España, e de feito dise que o noso país será o laboratorio para desenvolver novas variedades resistentes ao cambio climático, pola súa ampla variación entre territorios, o que obriga a adaptar as variedades a cada zona. Neste sentido, os novos cereais e plantas forraxeiras teñen que ser tolerantes ao estrés por seca e tamén por humidade, porque o mesmo veñen invernos secos que primaveras moi chuviosas.

E tamén é clave desenvolver novas variedades resistentes a enfermidades. O consumidor está a esixirnos residuos químicos 0 no produto final. Está a notarse un gran incremento da agricultura integrada e ecolóxica e eses produtores necesitan variedades que sexan naturalmente resistentes.

Por último, a sociedade pídenos produtos cun maior valor nutricional e propiedades organolépticas que os fagan máis atractivos. Así, por exemplo, están a desenvolverse novas variedades de pataca con alto contido en amidón, ou cereais con maior valor nutritivo. Isto tamén se traslada ás plantas forraxeiras para alimentación animal, xa que un aumento do 1% na dixestibilidade dunha forraxe pode aumentar un 5% a produción de leite.

“Un aumento nun 1% na dixestibilidade dun cultivo forraxeiro pode aumentar un 5% a produción de leite”

Pero os resultados da mellora nas variedades vexetais xa están a notarse. Así, soamente nestes 15 anos grazas ao que se mellorou en canto a rendemento de variedades conseguimos aforrar no conxunto da UE unha superficie de cultivo equivalente á de Dinamarca.

Nas próximas décadas imos ter que producir un 70% máis de alimentos para dar para comer á poboación mundial, e para iso non podemos sacrificar os espazos naturais e a biodiversidade, senón que temos que ir a unha produción agrícola intensiva pero sustentable.

E que opina das sementes transxénicas: acabarán sendo autorizadas na Unión Europea?
A nosa posición é que cientificamente non se demostrou ningún caso que confirme as supostas regas dos OXM. En Estados Unidos, Canadá ou Sudamérica cultívanse OXM en máis de 180 millóns de hectáreas desde fai case vinte anos, e non se rexistrou ningún caso que confirme os supostos riscos para a saúde humana e do medioambiente.

 “Xa hai tecnoloxías que nos permiten editar o xenoma das plantas sen a necesidade de recorrer a transxénicos”

En España realizáronse importantes avances, en concreto o CSIC desenvolveu unha variedade de trigo OXM que non ten glute, e por tanto apta para celíacos.

Por outra banda, considero que o debate que houbo entre mellora tradicional das sementes -a base de cruzar e seleccionar- e OXM está superado. Temos ferramentas neste momento máis precisas porque coñecemos moito mellor a xenómica das plantas, e xa hai tecnoloxías que nos permiten expresar ou silenciar xenes das plantas, segundo benefícienvos ou non, sen necesidade de introducir xenes doutras especies. Por exemplo, a tecnoloxía CRISPR que permite editar o xenoma vai permitir curar enfermidades e mellorar plantas sen necesidade de ser OXM.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información