España estuda permitir a venda directa nas ganderías, 11 anos despois que no resto da UE

O Ministerio de Agricultura acaba de publicar o borrador do Real Decreto que autorizaría a venda directa de leite e carne nas propias ganderías. Á espera de que se publique a norma definitiva no Boe, o sector critica que a lexislación da UE xa permite a venda directa desde hai máis de 11 anos.

España estuda permitir a venda directa nas ganderías, 11 anos despois que no resto da UE

Beealia vende directamente carne de cabrito e de cordeiro

O Ministerio de Agricultura acaba de facer público o borrador do Real Decreto que permitiría a venda directa de carne e leite nas propias explotacións gandeiras, unha demanda histórica do sector produtor para aumentar os seus ingresos abastecendo aos mercados locais e evitar intermediarios e, no caso da carne, os elevados custos que poden chegar a supoñer os matadoiros.

Na redacción desta norma están a participar a Aecosan (Axencia Española de Consumo Seguridade Alimentaria e Nutrición dependente do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade) e o Ministerio de Agricultura.

Á espera de que se publique o Real Decreto no BOE -a hemeroteca abunda en borradores de reais decretos que quedaron no caixón ou cuxa aprobación se dilatou durante anos- os gandeiros dan a benvida a este cambio de postura da Administración, ata agora reticente a que os produtores realizasen venda directa na explotación.

De feito, en Galicia o decreto de alimentos artesáns, que abre a porta a comercializar directamente a produción agrogandeira dende as explotacións, leva pendente de aprobación dende o ano 2008. A Consellería do Medio Rural anunciou recentemente que entrará en vigor neste ano 2017.

“Os gandeiros sabemos desde hai anos que a normativa europea en materia de sanidade permitía a venda directa do produtor ao consumidor. As viaxes realizadas a moitos países da UE ao longo dos anos permitíronnos ver o atraso que sufriamos respecto do resto da UE”, asegura Joan Alibés, de Beealia, un colectivo de gandeiros de ovino e caprino da provincia de Lugo que vende directamente a súa produción aos consumidores.

Beealia: “A lexislación da UE xa permite a venda directa desde o 2006. Imos con 11 anos de atraso”

“O Ministerio pretende actualizar a lexislación española xa que aínda non aplicara as excepcións que permitía a normativa europea desde o 2006. Deste xeito imos con 11 anos de atraso en relación ao resto da UE, e aínda non se publicou o RD definitivo”, advirte.

Permítense pequenos matadoiros na explotación, algo importante para as ganderías

Un punto importante do borrador de Real Decreto que tamén destacan desde Beealia é a autorización de pequenos matadoiros que non terán que cumprir parte da normativa sanitaria. “En especial non deberán ser grandes instalacións, co consecuente aforro nos custos de sacrificio en zonas onde non dispoñemos de matadoiros próximos ou non temos grandes sectores produtivos con grandes explotacións, por exemplo ovino ou caprino”, explica Joan Alibés.

Pero tamén favorecería ás explotacións gandeiras de coellos, aves de curral, e mesmo porcino ou vacún. Tamén afecta á comercialización de carne de caza, o que pode ser aproveitado para o impulso de iniciativas de comercialización que iniciaron hai poucos anos os primeiros pasos.

“É unha mágoa que esta medida chegue con atraso, pois podería ser aproveitada polos antigos matadoiros municipais -por exemplo, o de Lugo- antes de que desaparecesen na pasada década”, conclúe Joan Alibés.

Upa: “Con esta medida os gandeiros conseguen ter un maior control sobre o prezo”

Á espera de ver a redacción definitiva do Real Decreto, da súa data de publicación e da súa aplicación práctica, desde Unións Agrarias-Upa tamén valoran positivamente o borrador. “Equipararanos por fin a Europa, onde, grazas a ela, os consumidores poden acceder a produtos de gran calidade e os gandeiros conseguen ter un maior control sobre o prezo, xa que esta medida axuda a corrixir os desequilibrios existentes na cadea agroalimentaria”, asegura Román Santalla, responsable de Gandería de Upa.

Desde a organización agraria consideran este borrador como un “primeiro triunfo da súa loita cara a un empoderamento dos gandeiros”. En primeiro lugar, porque “poderemos saltarnos aos intermediarios e ter un maior control sobre o noso produto”, indicaron. En segundo lugar, a organización sinala que facilitará a relación entre produtores e distribución xa que prevén que esta última quererá comprar directamente aos produtores.

“Este borrador achéganos un paso máis a conseguir o que levamos anos pedindo e un paso máis cara a Europa, onde é unha práctica moi estendida”, din en UPA. E é que, para a organización, trátase dunha noticia que satisfará a moitos sectores sociais. “Para os consumidores, a compra directa permitiralles acceder aos produtos máis frescos e de maior calidade do mercado, pero a un prezo non incrementado polas marxes que levan os intermediarios”, dixeron. Doutra banda, “os ecoloxistas tamén viron sempre con bos ollos a nosa proposta de venda directa, xa que é a mellor forma de fomentar as canles curtas de distribución e, así, reducir a pegada de carbono”, conclúen.

Accede aquí ao Borrador de Real Decreto de venda directa nas explotacións gandeiras

Una idea sobre “España estuda permitir a venda directa nas ganderías, 11 anos despois que no resto da UE

  1. Granxa Teixeiro e Pistón

    O borrador cambia un pouco todo para non cambiar nada.
    Polo menos no sector dos pequenos rumiantes (cordeiro e cabrito), non vai permitir facer venda directa nin sacrifio na granxa. Só permitir matadoiros máis pequenos, para un tipo de producto (lechal) moi pouco empregado na gandeiría extensiva tradicional e si nas grandes granxas de leite onde se crían con nodriza e leite artificial os años e cabritos. Só nestes casos será de interese montar un matadoiro, que non evita ter que ter sala de despeice e veterinario oficial.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información