A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC recibe o Premio Aresa

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC recibe o Premio Aresa

O director da EPSE, o profesor Tomás Cuesta García, recollendo o premio

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC recibiu este venres o XVIII Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón convocado polo grupo empresarial Aresa e a USC, que nesta súa décimo oitava edición recoñece o importante cometido desenvolvido durante o último medio século polo centro universitario lugués a prol da modernización do medio rural galego e da mellora da calidade de vida das súas xentes, a través da formación de homes e mulleres que participaron cos seus coñecementos neste proceso de transformación, ademais de cos proxectos de investigación que realizan nese mesmo senso.

O director da EPSE, o profesor Tomás Cuesta García, recolleu “en representación de todas as persoas que traballan e traballaron no centro” o galardón, dotado con 10.000 euros en metálico e placa conmemorativa, no transcurso dunha cerimonia celebrada no auditorio da Facultade de Veterinaria e na que interviñeron o reitor da USC, Juan Viaño; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e, entre outros, o presidente e fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras. O profesor do Departamento de Enxeñaría Rural da Universidade de Évora (Portugal) José Rafael Marqués da Silva, gran especialista en agricultura de precisión, ofreceu nesta sesión o relatorio ‘Manexando cultivos con imaxes satelitais’.

O xurado encargado de fallar o XVIII Premio Aresa, integrado polos reitores da USC, Juan Viaño Rey, e da Universidade de León, Juan Francisco García Marín; o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o director do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, Manuel López Luaces, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, valorou na concesión desta edición do premio as múltiples achegas a prol do medio rural de Galicia prestadas pola EPSE, xa en forma de capital humano, a través da formación de profesionais técnicos e de enxeñaría ligada aos eidos agrícola e forestal, xa mediante a modernización de técnicas e procesos de cultivo e produción, ou mesmo tamén polo desenvolvemento de novos estudos e produtos a partir das diversas liñas de proxectos de I+D+i realizados ou en marcha.

O reitor da USC remarcou na súa intervención o cometido estratéxico para Galicia da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, un centro que atopa a súas orixes na extinta Escola de Peritos Agrícolas, e que destaca pola súa eficiencia, excelencia, así como pola investigación que nela se desenvolve. A EPSE é un dos centros máis eficientes do SUG, conta con grupos docentes e de investigadores de carácter multidisciplinar e maior masa crítica e esto favorece acadar niveis de excelencia. Como mostra da súa excelencia investigadora, relatou Viaño, A EPSE captou nos últimos 16 anos recursos de I+D+i superiores por un importe superior aos 41 millóns de euros. Nos últimos catro anos os recursos captados polos grupos de investigación da EPSE representaron de media o 50% do total do Campus Terra neste período, precisou o reitor da USC, para o que a excelencia académica do centro tamén quedou demostrada coas magníficas posicións acadadas no U-ranking do ano 2017, elaborado pola fundación BBVA e o IVIE, e que sitúa os graos universtirios ofertados na EPSE entre os mellores de España.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo..

O director da Escola Politécnica Superior da USC, Tomás Cuesta, agradeceu aos membros do xurado a concesión do Premio Aresa, un recoñecemento que “supón un orgullo e unha ledicia especial ao coincidir co 50 aniversario da creación deste centro”. Cuesta lembrou na súa intervención a oferta de estudos impartidos na EPSE, un abano de títulos que inclúe os graos en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Civil, Enxeñaría en Xeomática e Topografía e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, cinco másters oficiais (Arquitectura da Paisaxe Juana de Vega, Dirección de Proxectos, Enxeñaría Agronómica, Enxeñaría de Montes e Xestión Sustentable da Terra e do Territorio) e dous másters propios: Enxeñaría da Madeira Estrutural e Produción de Leite.

A EPSE reforzará a súa oferta formativa no curso 2018-19 co grao en Paisaxe, que se impartirá xunto coa UDC, e co máster oficial en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, acompañados neste caso da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo. Asemade, para o curso seguinte, comezaremos a impartir o grao en Robótica, dixo Cuesta. O director da EPSE sinalou que os obxectivos polos que apostará no futuro este centro universitario pasan por “empregar todos os seus recursos dun xeito eficaz e responsable para dar resposta ás necesidades da sociedade e colaborar no desenvolvemento da mesma mediante a formación de profesionais competentes, a través da colaboración coas empresas na creación e transferencia de coñecemento, a participación na formación continua dos axentes sociais e a colaboración con aqueles colectivos que fan posible o desenvolvemento do noso medio rural”.

Representantes da vida política, social e académica

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos; o portavoz do equipo de goberno do Concello de Lugo, Miguel Fernández; o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro; o secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a secretaria da Mesa do Parlamento de Galicia, Raquel Arias; o director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Ángel Pérez Dubois; os senadores do PP por Lugo José Manuel Barreiro e Fernando Carlos Rodríguez, os deputados provinciais Álvaro Santos, Sonsoles López Izquierdo e Lino Rodríguez Ónega, foron, entre outros, algúns dos representantes políticos presentes na gala de entrega do XVIII Premio Aresa, un galardón que recae por segunda vez na USC, logo de que a Facultade de Veterinaria merecera esta distinción na edición de2008.

A presidenta de El Progreso, Blanca García Montenegro; o presidente da Audiencia Provincial de Lugo, José Antonio Varela Agrelo; o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela López; os presidentes dos colexios de veterinarios e aparelladores, Ana María López e Antonio Javier Núñez; Blanca de Cora e Luis García Santalla, do Consello Social da USC, así como unha nutrida representación académica, na que estaban o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, Andrés Barreiro, ademais de decanos e directores de centros do campus de Lugo, tamén asistiron a esta cerimonia.

Traxectoria e premiados

O Premio Aresa de Desenvolvemento Rural é un galardón cun recoñecido prestixio no sector e en cuxo palmarés figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos da USC(2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia ‘O Agro-Labranza’ (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), a queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DO Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015) e Ovica (2016).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información