“En 2017 o Banco de Terras vai empezar a mobilizar terra abandonada de grandes áreas”

Entrevista a Alejandro Sánchez de Dios, Subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), entidade responsable do Banco de Terras de Galicia.

“En 2017 o Banco de Terras vai empezar a mobilizar terra abandonada de grandes áreas”

Alejandro Sánchez de Dios, responsable do Banco de Terras de Galicia

O Banco de Terras de Galicia é un instrumento creado pola Consellería do Medio Rural no ano 2008 para evitar o abandono das fincas con vocación agraria e poñelas a disposición das persoas que as precisen para a súa posta en produción. Creado polo Goberno Bipartito PsdeG-BNG, foi mantivo polo goberno do PP, malia as súas críticas iniciais, e hoxe é un instrumento público de referencia a nivel internacional en canto á intervención e mediación pública para dinamizar o uso do solo agrario e evitar o seu abandono.

Entrevistamos a Alejandro Sánchez de Dios, dende hai algo máis de dous anos subdirector de Mobilidade de Terras Agader e responsable do Banco de Terras de Galicia.

Acábase de abrir a campaña de solicitudes de arrendamentos no Banco de Terras. ¿Cales son as novidades?
Hai dúas campañas anuais de solicitudes: de marzo a abril e de outubro a novembro. As novidades producíronse no primeiro período deste ano, arbitrando medidas, por exemplo, de discriminación positiva para parados de longa duración e para entidades de loita contra a exclusión social.

Cómpre ter en conta que o Banco de Terras traballa con arredor de 12.000 fincas e 5.000 hectáreas, das que unhas 11.000 parcelas son de titularidade pública da Xunta de Galicia e o resto son fincas de particulares. Ese volume requírenos un enorme esforzo de xestión. Sirva como referencia que a Bolsa Nacional de Terras de Portugal, que ademais de arrendamentos tamén xestiona vendas, ten un catálogo de só 650 parcelas.

¿Cal é o nivel de actividade do Banco de Terras? ¿Que porcentaxe das parcelas se arrendan?
Temos unhas 12.000 fincas, das que unhas 3.000 están arrendadas ou en proceso de arrendamento. A gran maioría das parcelas que están no Banco de Terras son de titularidade pública pero non todas elas son fincas agrarias. Así, agora estamos a traballar nun proxecto moi ambicioso de transferencia aos concellos de fincas que están no Banco e que non teñen un uso agrario, un proceso que esperamos comezar a finais deste ano e que afectará a unhas 2.500 parcelas. Sirva como exemplo que temos no Banco de Terras mesmo parcelas nas que existen cemiterios.

Por outra parte, temos fincas de uso agrario pero que non se arrendan pola súa reducida superficie. Neste sentido, a lei permite a súa venda directa e a prezo taxado aos propietarios estremeiros, o que permitiría mellorar o tamaño das explotacións ás que se incorporen. Estamos a falar de arredor das 2.000 fincas nesa situación.

“Transferiremos aos concellos unhas 2.500 fincas sen uso agrario e poremos á venda unhas 2.000 de reducida superficie”

Levando adiante estas dúas medidas, estaríamos a falar da retirada dunhas 4.500 fincas non arrendables, o que nos permitiría aliviar o noso traballo burocrático. Deste xeito quedariamos cunhas 6.500 fincas públicas, e o Banco de Terras poderíase centrar no realmente importante e que ata o de agora non puido facer por mor desa carga: dedicarnos a actuar como un elemento de mediación activa entre demandantes de terra e propietarios de parcelas. Poderemos empezar a mediar, por exemplo, entre unha cooperativa que precise gran cantidade de terras para producir forraxes: nós como Banco de Terras localizaremos terreos con boa aptitude agrícola en situación de abandono, e intentaremos convencer aos propietarios para que os arrenden grazas ás garantías públicas que ofrece o Banco.

Pero se queremos traballar nese eido eficazmente temos que depurar antes o catálogo do Banco de Terras. O noso obxectivo é comezar as accións de mobilización de grandes áreas no ano 2017. É un obxectivo promovido activamente pola Consellería: o Banco de Terras ten que asumir un papel moito máis activo, achegarse aos propietarios e convencelos das vantaxes de incluír as parcelas no Banco de Terras en vez de agardar pasivamente a que estes incorporen as súas parcelas ao Banco.

Unha das críticas que se lle fai ao Banco de Terras é que toda a tramitación é moi lenta…¿Comparte esta crítica?
É certo que os procedementos tardan demasiado. Pero hai que recordar que somos un instrumento público e que temos que ofrecer toda unha serie de garantías, (por exemplo, un proceso regulado cando hai concorrencia entre dúas persoas por unha parcela), e iso resta rapidez. En condicións normais dunha finca para usos agrícolas e cun só demandante sería imposible que tardásemos menos de tres meses, para cumprir todos os procedementos de garantías. E se a finca é forestal ou está pedida para uso forestal e ten varios solicitantes, o procedemento alongaríase, sendo optimistas, un mínimo de seis meses, tamén para cumprir todos os procedementos de garantías.

Neste sentido, un dos nosos obxectivos é axilizar os prazos, pero garantindo sempre a transparencia e a igualdade de condicións dos demandantes cando compiten por unha mesma parcela.

¿En que zonas ten máis actividade de arrendamento o Banco de Terras?
Hai que diferenciar. Nos usos agrícolas as zonas de maior actividade coinciden co peso do sector agrícola no concello. Así, na Terra Chá, Arzúa, Ordes, Melide,…. hai unha alta demanda de parcelas. En canto ao uso forestal, a demanda é máis homoxénea no territorio galego.

A este respecto, tense acusado ao Banco de Terras de ser un instrumento para forestar terras agrarias con eucalipto. ¿Que responde?
Non é certo en absoluto, todo o contrario. Cando se creou o Bantegal no ano 2008 este só arrendaba terras agrícolas, pero nas parcelas que lles traspasou Patrimonio da Xunta había tamén terras forestais, que estaban inmobilizadas e non se podían arrendar para ese uso. Neste sentido, a partir da entrada en vigor da lei de mobilidade de terras, no ano 2011, permítese o arrendamento de fincas para uso forestal. E nas terras en estado de abandono evidente, a Lei de Montes permite a forestación tras a permanencia das fincas no Banco un mínimo de dous anos, e nós temos que cumprir a lei. Pero se sobre unha parcela que pode ter uso agrícola ou forestal hai dúas solicitudes, unha para uso agrícola e outra para uso forestal, a solicitude para uso agrícola ten absoluta preferencia no arrendamento.

 “No 2017 imos empezar a mobilizar grandes áreas”

¿Vai aumentar o seu cadro de persoal o Banco de Terras?
É certo que temos escasez de medios humanos, pero eu salientaría dúas fortalezas do Banco: o seu persoal, que ten un nivel moi elevado de dedicación e de formación específica; e por outra parte dispoñemos de Sitegal, unha ferramenta informática de xestión das terras que, ademais de servir para a relación cos nosos clientes, resulta enormemente útil na nosa tarefa administrativa diaria. Esta ferramenta é o que máis lle interesa aos visitantes que veñen doutros países e que están interesados no noso funcionamento.

Por outra banda, os estatutos da nova Agader están en fase de tramitación e na relación de persoal inclúese unha forte potenciación, sobre todo de persoal técnico, para o Banco de Terras.

Un informe da fundación Juana de Vega cifra en 46.000 as hectáreas de alta calidade agrícola e que están abandonadas….
Estamos a traballar conxuntamente coa Fundación Juana de Vega e en breve porase en marcha, xunto con outros actores, o Observatorio de Mobilidade de Terras, que permitirá compartir información de distintas administracións (Consellería de Facenda, Consellería de Medio Rural, Instituto de Estudos do Territorio,…) sobre transmisión de terras en Galicia. Este proxecto, que pilotará o Banco de Terras, será un paso moi importante para dispor de información actualizada e fiable sobre o mercado da terra en Galicia.

En todo caso, un dos primeiros pasos do novo Observatorio será obter datos máis precisos sobre o total de terras en abandono e, dentro destas, as que teñan elevada aptitude agrícola; ata o de agora non temos máis que estimacións.

Os arrendamentos no Banco de Terras son a cinco anos. ¿Non se deberían ampliar para plantacións de froiteiras, por exemplo?
A lei establece que o prazo xeral de arrendamento para as fincas do Banco de Terras é de 5 anos para cultivos agrícolas e de 15 anos para forestais. Pero para cultivos de froiteiras ou viñedo pódense acordar prazos de arrendamento de 15 anos ou máis, e para arrendamentos forestais de caducifolias os prazos poden chegar ata 70 anos. Iso para fincas públicas; no caso de fincas de particulares son as persoas titulares as que fixan os prazos.

 “Non queremos ser unha competencia desleal ao mercado privado de terras”

E aínda máis: se a persoa que arrenda unha finca ten que facer un labor de mellora fóra do habitual para poñela en produción pode solicitar ampliar o prazo ou mesmo, excepcionalmente, pode recibir unha axuda ao arrendamento. Pero tamén temos que ter claro que as fincas do Banco de Terras non son un fondo a longo prazo e a baixo prezo. Non queremos ser competencia desleal do mercado privado de terras e tampouco queremos que se incorporen ao Banco fincas que non se poden arrendar.

¿Que lle diría a un propietario que ten unha parcela para que a incorpore ao Banco de Terras?
Primeiro, lembrar que a parcela non ten por que estar abandonada, senón que pode estar en produción. Ademais, a lei permítenos incorporar e arrendar explotacións completas. Hai pouco incorporouse, por exemplo, unha explotación de maceiras de sidra en plena actividade.

As vantaxes para unha persoa que incorpore as fincas son, por unha parte, que o Banco de Terras aporta a garantía de sermos administración pública. Ademais, somos nós quen lle pagamos o arrendamento ao propietario, despois de cobrarllo ao arrendatario. É dicir, somos intermediarios e damos a garantía de que cando remate o contrato a parcela vai estar, como mínimo, nas mesmas condicións que cando a incorporou no Banco, e xeralmente mellor.

Ademais, garantimos ao propietario o cobro do arrendo ao prezo de referencia, aínda que o arrendatario non pague, ao tempo que nós como Banco nos encargamos de reclamarlle os pagos pendentes.

E en canto aos prezos de arrendamento ¿vai haber novidades?
Dende o ano 2008, e ata 2014, os prezos non sufriran ningún tipo de modificación. Quen propón anualmente ao Consello da Xunta os prezos de arrendamento para as fincas públicas é a chamada Comisión Técnica de Prezos e Valores. Neste sentido, en 2014 tiñamos detectado que había unha diferenza entre os prezos medios de partida e os que a xente ofertaba, e decidimos propor para 2015 unha suba dun 25% desa diferenza, que foi aceptada por unanimidade pola comisión. Tamén propuxemos a suba dos arrendamentos das terras forestais, que estaban a prezos excesivamente baixos. No ano 2016 os prezos non sufriron variación.

Unha causa que ás veces ocasiona incrementos nos prezos é o cambio de uso das fincas que son obxecto de melloras. Por exemplo, unha finca de matogueira que foi cultivada durante un período de cinco anos termina por ser unha finca de labor, e por conseguinte o seu prezo, ao ser ofertada de novo, pasará a ser sensiblemente maior. Pero tamén é certo que a produtividade da finca será moito maior, e, en calquera caso, os prezos de arrendamento das nosas fincas son sempre inferiores aos de mercado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información