A edición xenética, unha revolución para a sanidade vexetal e gandeira?

Pragas, secas ou virus son algúns dos problemas do agro que aborda a tecnoloxía CRISPR, baseada na edición xenética. Países como Estados Unidos ou Xapón xa a están aproveitando, mentres Europa míraa con desconfianza

Publicidade
A edición xenética, unha revolución para a sanidade vexetal e gandeira?

Facer fronte á seca é un dos retos que se lle presenta á agricultura.

“A revolución da edición xenética CRISPR é xa unha realidade en biotecnoloxía vexetal e animal”. Así de rotundo se amosa un dos expertos destacados nesta tecnoloxía en España, o biólogo e investigador do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Lluis Montoliu. A tecnoloxía CRISPR, cuxa aplicación en biomedicina pode aínda atrasarse, preséntase xa como unha ferramenta para sectores como a gandaría e a agricultura.

CRISPR permite editar o xenoma dunha especie en base ás características presentes noutras variedades ou razas

A tecnoloxía CRISPR funciona a modo de ‘tesoira molecular’, modificando o ADN de maneira que se pode eliminar, substituír ou editar un determinado trazo en base ás características presentes noutras variedades. “É relativamente sinxelo editar o xenoma de calquera especie produtiva para trasladarlle variantes xenéticas que xa existen na natureza, noutras variedades ou razas da súa mesma especie”, concreta Montoliu.

CRISPR preséntase como unha alternativa á mellora xenética clásica, a realizada por medio de cruzamentos, que gandeiros e agricultores levan facendo desde sempre. Esta ferramenta permite acurtar prazos e lograr maiores garantías das que os cruzamentos clásicos ofrecían. “Non estamos a facer nada que non puidese chegar a lograrse por mellora xenética clásica, pero dunha forma máis rápida e concreta”, explica o investigador Lluis Montoliu, do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CSIC).

“Non estamos a facer nada que non puidese chegar a lograrse por mellora xenética clásica con máis tempo” (Lluis Montoliu)

“Ao permitirche a supresión e edición de xenes, as aplicabilidades da tecnoloxía CRISPR son moitas. En biotecnoloxía animal e vexetal están a probarse para atallar problemas e controlar virus ou pragas”, concreta o investigador Josep Rollantd, do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC). Rollantd é un dos profesionais que traballa en Galicia con esta tecnoloxía, en concreto en investigacións para atallar as malformacións pigmentarias en rodaballos, que xeran un alto custo na produción acuícola.

O freo imposto desde Europa

A tecnoloxía CRISPR é aínda relativamente recente, xa que as primeiras mostras da edición xenética xurdiron no 2012, e iso provoca que aínda haxa certas desconfianzas, como as que mantén a Unión Europea. Unha sentenza do Tribunal Europeo en xullo do pasado ano consideraba os organismos editados con tecnoloxía CRISPR como transxénicos, cun risco similar. Esta catalogación provoca que as modificacións con CRISPR se sometan á normativa europea sobre transxénicos, que implica a realización dunha serie de análise de riscos e toxicidades que se prolongan no tempo e que incrementan os gastos.

A UE equipara a tecnoloxía CRISPR aos transxénicos e obriga a realizar os mesmos estudos de risco e toxicidade

Mentres, a comunidade científica europea discrepa desta decisión e reivindica as diferenzas entre transxénicos e o uso de edición xenética CRISPR. “Non estamos a engadir un xen doutra especie, como nos transxénicos, senón que estamos a editar o xenoma da raza que queremos mellorar, usando como molde algunha característica doutra variedade ou raza”, explica o investigador Lluis Montoliu.

Desde a comunidade científica solicitaron que se actualice a normativa europea sobre transxénicos, xestada nos anos 90 e aprobada no 2001, xa que ferramentas como CRISPR nin sequera existían hai 30 anos. Ademais, identificar estes organismos modificados coa tecnoloxía CRISPR resulta imposible, segundo os expertos, posto que esa mesma variación existe xa na propia natureza.

Avances para agricultura e gandaría

As restricións europeas poñen freo á aplicabilidade desta tecnoloxía en Europa pero, namentres, o seu desenvolvemento non está freado fóra de Europa. Países como EEUU, India, Corea, Xapón, China ou a mairoría de nacións de Sudamérica xa se están aproveitando das posibilidades que pode achegar esta tecnoloxía. “Os nosos agricultores e gandeiros van perder o tren da innovación. Por iso estamos a pedirlle á Unión Europea que revise a directiva”, indica Montoliu.

Os proxectos vinculados aos sectores gandeiro e agrícola proliferan en Europa e noutros países, aínda que o seu desenvolvemento e aplicabilidade poida verse despois freado. Ademais, a tecnoloxía CRISPR está a afrontar algúns dos retos que se lle presentan a día de hoxe á agricultura ou a gandaría, como son o cambio climático e as secas e inundacións derivadas que están a reducir a dispoñibilidade de terreos cultivables.

Con CRISPR están a se afrontar retos que se lle presentan á agricultura ou a gandaría derivados do cambio climático

En Europa, Inglaterra leva anos utilizando a tecnoloxía CRISPR en proxectos para afrontar algún destes retos. É o caso, por exemplo, dun grupo de investigadores centrado en abordar algunhas das problemáticas do sector porcino. As súas últimas investigacións céntranse na peste porcina africana, onde o porco salvaxe africano, o facocero (Phacochoerus africanus), resistente á enfermidade, e a tecnoloxía CRISPR pode proporcionar a posibilidade de frear a súa incidencia nos porcos domésticos. Polo momento, a investigación está aínda en fase de análise e validación.

Este mesmo equipo xa conseguiu resultados o ano pasado co virus da síndrome reprodutora respiratoria (PRRS), que utiliza unha proteína para entrar nas células dos porcos. Os investigadores conseguiron eliminar parte desta proteína, evitando que os animais poidan infectarse.

A edición xenética e a resistencia do porco africano salvaxe poderían ser parte da solución á peste porcina africana

Non é o único exemplo, xa que en materia vexetal tamén se está traballando con variedades que poidan ofrecer unha maior resistencia á seca ou cunha maior capacidade de ácidos graxos insaturados. En Xapón desenvolveron xa cereais cun atraso na xerminación para evitar que o gran brote con abundancia de choivas ou inundacións.

En España tamén se está traballando con tecnoloxía CRISPR conseguindo resultados en campos como a agricultura. Así, no Instituto de Agricultura Sustentable de Córdoba, o biotecnólogo Francisco Barro obtivo cereais cun baixo contido en glute, unha alternativa que podería reducir os custos para as persoas celíacas. Por outra banda, o investigador Antonio Granell, do Instituto de Bioloxía Molecular e Celular de Plantas Eduardo Primo Yúfera (Valencia), está a obter resultados interesantes nos seus traballos con tomates. “Probablemente moitas destas investigacións non verán a luz en Europa e remataremos por incorporalas cando xa estean validadas noutros países”, recoñece o investigador Lluis Montoliu.

Vacas de raza Angus que por mor dunha mutación xenética non teñen cornos.

Tamén hai fracasos: o caso das Holstein sen cornos

A pesar das boas perspectivas da tecnoloxía CRISPR, que ademais non implica desorbitados investimentos económicos, o que a fai máis accesible, detectouse tamén algún fracaso que apuntaba a ser un gran avance. É o caso, desvelado aínda este verán, da investigación realizada por unha empresa norteamericana para conseguir vacas Holstein sen cornos e evitar así os inconvenientes que o descornado produce a animais e gandeiros.

Utilizaron a mutación da raza Angus para conseguir frisoas sen cornos e evitar así o descornado

Para iso optaron por utilizar a mutación detectada na raza Angus, moi popular na gandaría de carne e que non ten cornos. Aínda que aparentemente os primeiros resultados auguraban un éxito, o procedemento non resultou todo o ‘limpo’ que debese e nesta edición terminaron por deixar un elemento alleo no proceso, o que converte aos animais en transxénicos e embazou os resultados.

“É algo que pode ocorrer en calquera experimento xenético, pero que debe ser detectado xa nas análises previas para rexeitar este clon e poder escoller outro que non tivese esa inserción. Non é un experimento limpo e aínda que non tivese por que presentar maiores problemas, non é o que inicialmente se pretendía e debería evitarse”, explica o especialista Lluis Montoliu, que abordou este caso nun artigo divulgativo. Así é que, como concreta Montoliu, finalmente, a empresa optou por sacrificar os animais e incineralos. Outras investigacións en CRISPR están a abordar por outras vías a obtención de vacas sen cornos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información