“É tempo de recuperar a conexión que sempre houbo entre a aldea e a cidade”

Celtia Traviesas reclama un maior entendemento entre o urbano e o rural. Para esta asesora política e xornalista, a soberanía alimentaria é a clave que une ámbalas dúas realidades

“É tempo de recuperar a conexión que sempre houbo entre a aldea e a cidade”

Celtia Traviesas nas xornadas sobre o Rural Imaxinado celebradas en Ourense.

“Pode que ti xa non sexas ningún “Balbino”, pero teus pais ou teus avós aínda se identifican con aquel neno labrego de Neira Vilas”. Así comezaba a debullar Celtia Traviesas, enxeñeira técnica, xornalista e asesora política, a relación que existe entre a cidade e o agro nunhas recentes xornadas organizadas pola Rede de Agroecoloxía Revolta en Vilar de Santos, Ourense.

Traviesas leva tempo traballando sobre o diálogo necesario entre a cidade e o rural para garantir un consumo e unha produción responsables. Reafirma que o “rural é fonte de inspiración para as políticas máis vangardistas das cidades”, polo que defende que non se deben desbotar as experiencias do rural que se volven necesarias para as cidades.

“O noso pasado agrario é tan próximo que segue determinando o devir do país aínda que vivamos nas cidades”

“O noso pasado agrario é tan próximo que segue determinando o devir do país aínda que vivamos nas cidades”, concreta. Celtia recordou como na década dos 60 o 80% da poboación vivía da agricultura en Galicia. Hoxe o 71% do territorio segue a ser rural, porén só vive nel o 18% da poboación, da cal unha cuarta parte dedícase á agricultura.

Soberanía alimentaria

O poder de decisión nas políticas alimentarias é para Traviesas o nexo de unión clave entre as cidades e o rural, xa que esta soberanía alimentaria determinará o devir de ambas. Para exemplificar a importancia destas decisións en materia alimentaria, a experta recorre ó caso de Benín, un país do oeste de África, que contaba cunha agricultura de subsistencia semellante á da Galicia dos anos 50. Na década dos 90, o goberno do país decidiu apostar polos cultivos de algodón, seguindo as recomendacións internacionais, o que transformou ós labregos en xornaleiros, logo de perder tamén as terras. Foi un proceso que provocou a perda da soberanía alimentaria do país e no 2008, a suba de prezos do mercado mundial de alimentos trouxo a fame a esta sociedade.

Neste contexto de abordar a dependencia alimentaria, Traviesas citou ó ex-presidente uruguaio José Mujica: “O pobo que abandona a agricultura abandona a comida. A despensa ten que estar preto da cociña” para explicar a necesidade de que as cidades non deixen de lado ó rural.

O acceso á terra

Na procura da soberanía alimentaria, outro dos factores claves para Traviesas é o acceso á terra, “un debate tan rural como urbano”, puntualiza. Dispoñer da terra é, como no caso de Benín, a ferramenta para lograr poder de decisión nas políticas alimentarias. Neste senso, na cidade tamén están xurdindo iniciativas inspiradas no rural que procuran unha terra na que cultivar, son os chamados hortos urbanos.

“A fronteira entre o rural e o urbano en Galicia é difusa polo que é preciso explorala, expandila e tecer diálogos”

Tomando man da filosofía do experto en desenvolvemento rural, Jaime Izquierdo, Traviesas insiste na importancia de ruralizar o urbano e á par recuperar saberes, tanto polo que aportan á sociedade directamente como por ser parte da identidade das sociedades. “Hoxe en día toda a xuventude asturiana se manexa coas novas tecnoloxías, pero moi poucos saben xa como facer sidra, que pasará con Asturias se os novos xa non fan sidra?”, comenta.

Para Traviesas, as políticas de desenvolvemento rural estiveron baseadas en tentar trasladar o urbano ó rural e “estamos no momento de recuperar a conexión que sempre houbo entre a aldea e a cidade”, apunta como receita tamén para frear a sobrepoboación e o crecemento ilimitado, que “nos levará ó borde do colapso”, augura.

En definitiva, “a fronteira entre o rural e o urbano en Galicia é difusa, polo que é preciso explorala, expandila e tecer diálogos”, conclúe Traviesas.

Algúns dos participantes no recente Encontro Rural Imaxinado, en Vilar do Santos.

Algúns dos participantes no recente Encontro Rural Imaxinado, en Vilar do Santos.

Propostas que buscan combatir o abandono do rural

A idealización do rural pode ser unha lacra tan perigosa como o abandono, por iso, nas xornadas que a Rede de Agroecoloxía Revolta organizou recentemente en Vilar de Santos (Ourense), os participantes, arredor dunha trintena de persoas, quixeron deixar atrás tópicos e centrarse en valorar o rural como unha alternativa de presente e futuro. Botaron man de experiencias apegadas ó rural que están a funcionar pero tamén reflexionaron sobre algúns dos condicionantes que son decisivos, como a dependencia da cidade ou a despoboación.

Máis ca unha despensa

A primeira das mesas de debate estivo centrada en abordar o rural dende a perspectiva da agroalimentación. Así, Nelson Alonso e Eva González, veciños de Vilar de Santos, deron conta da súa proposta apegada ó rural: Carabuñas. Trátase dun proxecto arredor do sabugueiro, no que levan case oito anos traballando, centrado na produción de conservas a base dos froitos e flores deste arbusto. É unha iniciativa que inclúe tamén unha parte máis didáctica que se centra en afondar sobre o coñecemento do sabugueiro en Galicia, de xeito que non só se limita a unha explotación produtiva senón que tamén buscan aportar contido sobre a tradición desta especie na cultura galega.

Nelson e Eva non foron os únicos veciños de Vilar de Santos que aportaron a súa experiencia no rural, así Noemí Vázquez, explicou en que consiste a Arca da Noe, unha aposta pola agroalimentación pero que tamén está interesada en ser un xermolo de cultura no rural, cunha ampla programación como sala de concertos, organización de exposicións e actividades de formación.

O alcalde de Vilar de Santos, Xoán Jardón, reflexionou pola súa banda sobre os procesos de participación que se dan nas aldeas e que difiren dos presentados nas cidades, xa que están moito máis condicionados pola confianza. Para Jardón, a transparencia e a rendición de contas son a clave para que nas aldeas se produza unha participación efectiva.

Outro foco das xornadas estivo nos controis e normativas ás que se deben axustar na actualidade os produtos agrarios á hora da súa comercialización. O veterinario Luis Couto puxo de manifesto que estes controis procuran protexer a saúde pública sen que afecte ás producións, polo que a tensión por acadar ese control equilibrado é unha constante. Os controis por parte da administración autonómica están enfocados principalmente á comercialización que se realiza por locais que contan coa autorización do Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (Regasa), así como para aquelas que contan con Rexistro Sanitario ou para a venda por internet.

O abandono e a volta

Un dos condicionantes que está a ser decisivo no devir do rural a día de hoxe é o abandono que están a sufrir boa parte das aldeas galegas. Esta xornada tamén afondou neste eido dende dúas perspectivas: por un lado analizando como está a ser o despoboamento, e por outra banda coñecendo experiencias de aqueles que decidiron regresar ó rural e asentarse nel.

Uns destes testemuños foron os de Frank Buschmann e María Bella, procedentes de Corcubión (A Coruña), onde chegaron hai tres anos. No seu caso, eles non regresaron á aldea, o seu foi unha escolla en base ó que lles aporta á súa produción vivir no rural e en contacto coa natureza. El é ebanista e esta relación co natural tenta transmitirlla ós seus deseños e pezas. Namentres, María aborda a produción cultural tamén condicionada por atoparse nun espazo rural.

Coa crise Cristina Collazo e Pilar Abades regresaron á aldea onde, pese ás dúbidas iniciais, lles xurdiron oportunidades laborais nas súas áreas

Quen si regresaron á aldea onde se criaran foron Cristina Collazo (actriz) e Pilar Abades (fotógrafa). A crise obrigounas a deixar atrás a cidade e regresar á aldea. Confesan que ambas tiñan dúbidas de como afrontar o futuro neste novo espazo, pero descubriron que o rural lles brindou oportunidades laborais, de feito, coñecéronse grazas a un proxecto profesional e dende aquelas colaboran decotío.

Araceli Macías púxolle voz ás últimas que van quedando nas aldeas e que dan boa conta do despoboamento. Macías centrouse no caso de dúas experiencias que coñeceu de primeira man, a da súa aldea de Valdín (A Veiga, Ourense) e a dunha comunidade en Nicaragua, que tivo a oportunidade de coñecer nunha estadía. O cruce destas experiencias permitiulle afondar sobre o rural e sobre as similitudes que gardan e problemáticas comúns de ambas comunidades polo feito de ser rurais.

No centro de Portugal dáse unha “desertización da poboación” rural cara ás cidades, pero aínda se mantén a relación coa aldea ó atender hortos

Ricardo de Campos e Ema Pires presentaron outro caso de abandono do rural, nesta ocasión centrado nunha aldea do interior de Portugal, onde se está a producir unha “desertización da poboación” que emigra a Lisboa e outras vilas portuguesas. Neste caso, os expertos concretaron que se está a producir unha agricultura sentimental, na que boa parte dos veciños que marcharon para a cidade aínda conservan unha horta que atenden, aínda que contan con sistemas de rego informatizados que lles permiten ausentarse máis. Pese a ese abandono da aldea, aínda se están a conservar incluso algunhas das prácticas máis tradicionais no ámbito máis cultural. Tamén xurdiu o debate sobre a utilización do monte veciñal por parte daqueles que xa non son veciños pero aínda conservan un vínculo coa aldea, como é o coidado dunha horta.

Fronte ó despoboamento, algunhas zonas rurais, debido á súa ubicación, están a experimentar un incremento da poboación, é o caso, por exemplo, de O Pino, onde a proximidade a Compostela e a súa situación en pleno Camiño de Santiago lle brindou unha oportunidade. Rocío Toxo encargouse de facer unha radiografía de como foi mudando o perfil dos habitantes desta zona e que permite tamén dar conta da idiosincrasia do rural.

A perda da biodiversidade autóctona e da tracción animal

O abandono do rural tamén se está constatando na perda da biodiversidade autóctona fronte a unha homoxeneización, como resaltou o profesor da Universidade de Vigo, Xavier Simón. Neste senso, os espazos máis activistas que están a recuperar tanto os saberes máis tradicionais como variedades do país son a clave a ter en conta para Simón, quen recordou o secado da Lagoa de Antela (A Limia, Ourense) como un deses feitos que mudou por completo o xeito de relacionarse co medio rural. O experto tamén destacou o papel da agroecoloxía ó recuperar unha relación máis directa co produto, ó reducir a mecanización.

Nesa mesma liña, Davide Outeiro, da Asociación Galega de Tracción Animal, incidiu en que hai moitos ámbitos en que o emprego de animais é aínda factible, á par de supoñer un método sostible. Outeiro insistiu en que esta opción debe estar sempre ligada a un axeitado benestar do animal, garantido pola normativa.

Así, a xornada permitiu facer unha análise do rural dende distintas perspectivas e ó mesmo tempo crear un espazo de coñecemento e debate no propio rural para continuar a xerar contido e, dun xeito activo, combater as problemáticas que acusa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información