“É positivo que os grandes supermercados e industrias entren na agricultura ecolóxica”

Entrevista a Stéphane Bellon, un dos referentes en Europa en agroecoloxía. Responsable do programa de Agricultura Ecolóxica do INRA de Francia, é tamén presidente da asociación “Agroecoloxía Europa”. Acaba de participar en Lugo no congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica.

“É positivo que os grandes supermercados e industrias entren na agricultura ecolóxica”

Stéphane Bellon participou en Lugo na conferencia da SEAE

Stéphane Bellon é un dos referentes en Europa en agricultura ecolóxica. Investigador do Institut National de Recherche Agronomique (INRA) francés desde o ano 1991 e desde o 1999 é responsable do programa de Agricultura Ecolóxica deste instituto de investigación pública. Experto en investigación en agroecoloxía e en agricultura ecolóxica, e en concreto nos procesos de conversión e de transición, así como en sistemas agrícolas complexos nos que se mestura fruticultura con horticultura. É tamén o presidente de “Agroecoloxía Europa”, asociación europea creada en xaneiro deste ano coa participación de 19 membros fundadores procedentes de 10 países.

A pasada semana Stéphane Bellon participou en Lugo no XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica/Agroecoloxía (Seae), celebrada baixo o lema «As leguminosas: clave na xestión dos agrosistemas e na alimentación ecolóxica».

Que é a agricultura ecolóxica e que é a agroecoloxía para ti?
Creo que a agricultura ecolóxica está ben definida a nivel internacional coas normativas da Unión Europea ou da Federación Internacional de Movementos de Agricultura Ecolóxica (IFOAM). Sería un modo de produción de alimentos que preserva o medioambiente e presta atención ao benestar animal….etc. O que máis define a produción ecolóxica é que non só é un produto cunha etiqueta senón tamén un proceso de produción. A agricultura ecolóxica para min serve ademais como campo de experimentación e innovación para os outros tipos de agricultura. E é un modelo vivo, que evoluciona día a día.

En canto á agroecoloxía, xurdiu nos anos 30, e tivo especial incidencia en países latinoamericanos como Brasil, Chile ou Colombia. Trátase de producir con bases ecolóxicas sen necesariamente estar o produto identificado como ecolóxico. É dicir, contribúe ao que se chama en Europa a ecoloxización da agricultura. A agroecoloxía fomenta interaccións entre os actores en ciencias, prácticas e movementos sociais, facilitando o intercambio de coñecemento e de experiencias. Tamén está un elemento de políticas públicas, especialmente en Francia.

A agronomía nas últimas décadas centrouse en exclusiva no agro como un espazo controlado e no que o único que importa é o que produce, pero sen prestar suficiente atención á conservación dos alimentos, ao seu valor nutricional ou ao transporte. Sen embargo, para min a agroecoloxía permite reconectar agricultura, alimentación e o medioambiente. É dicir, non concibe a agricultura como un proceso illado, senón integrado nun conxunto e prestando atención especial a cuestións como a fertilidade do chan, as interaccións das plantas cos microorganismos e cos insectos….etc.

“As producións en agricultura ecolóxica teñen menos oscilacións que en convencional”

Ademais, a agroecoloxía permite unha interrelación entre natureza, ciencia e sociedade. Neste sentido, a asociación Agroecoloxía Europa márcase como obxectivo mapear como é a agroecoloxía en cada rexión. Explorouse a relación entre a agricultura ecolóxica e a agroecoloxía, que son compañeiras de camiño, durante o XII congreso da Seae en Lugo.

Unha das críticas que se lle fai á agricultura ecolóxica é que os seus produtos non son accesibles para todos os consumidores e que, sobre todo, non garante producións regulares e en cantidade como para alimentar a unha poboación mundial en aumento e cunha superficie agrícola que diminúe. ¿Que respondería a estas críticas?
Sobre a variabilidade da produción entre ecolóxico e convencional teño dúbidas, porque está comprobado cientificamente que ten máis regularidade a produción da agricultura ecolóxica, polo menos a escala de fincas diversificadas. Do mesmo xeito, demostrouse que moitos sistemas agroecolóxicos son moi resistentes ao cambio climático e a outras incertezas.

En convencional non solucionamos o problema da variabilidade das colleitas: se se miran a evolución dos rendementos, por exemplo, nos cultivos de trigo nos últimos 50 anos pódese observar un incremento medio das colleitas, pero a variabilidade permanece. Por exemplo, nun ano coma este en Francia hai un 30% menos de rendemento en trigo, en agricultura convencional.

Ademais, o que se espera da agricultura non é só rendemento, porque do que nos alimentamos é de comida, non de rendemento. É dicir, temos que considerar que se espera da agricultura en todas as dimensións. Neste sentido, a agricultura ecolóxica si que é multifuncional: non soamente produce alimentos certificados para un mercado, senón que tamén contribúe ao benestar animal, á conservación do medioambiente, ao desenvolvemento rural…etc.

Hai tamén tensións entre cantidade e calidade, entre produción e medioambiente. Por exemplo, a lei de rendementos decrecentes establece claramente que o máximo de produción non coincide co óptimo económico, porque hai que gastar máis insumos. Pero se o referente é a calidade ou a sustentabilidade ambiental, a produción óptima pode ser outra. É dicir, se soamente consideramos a cantidade como único referente, estarémonos a equivocar.

 “É positivo que os grandes supermercados e industrias alimentarias entren na agricultura ecolóxica”

É certo que a agricultura ecolóxica non acada os máximos de produción pero logra un gran equilibrio entre alimentos producidos, calidade, rendibilidade e preservación do medioambiente.

O problema da fame no mundo non é un problema de cantidade de alimentos producidos, senón tamén de distribución e de pobreza. O sistema agroalimentario que se construíu en Occidente desde o final da Segunda Guerra Mundial foi eficiente para atender ao aumento da poboación, pero con moita dependencia dos agroquímicos e cunha alta fraxilidade.

¿A entrada da gran industria agroalimentaria na agricultura ecolóxica vai resultar positiva?
Nos anos 2000 grandes supermercados e grandes marcas, que concentran a industria alimentaria a nivel mundial, entraron no mercado da agricultura ecolóxica. O resultado foi que hai máis presenza dos produtos orgánicos nos supermercados e grandes superficies, e considero que iso pode ser positivo para que outros consumidores poidan acceder a estes produtos.

O feito de que empresas como Lactalis ou máis recentemente Danone entrasen no leite ecolóxico, pode ser positivo para gañar máis economía de escala ou de gama e mellor prezo para os consumidores, pero sempre que haxa un contrato xusto cos gandeiros. Tamén é importante destacar que hai importantes cooperativas que están moi activas para transformar o leite e carne ecolóxicas en produtos de valor engadido.

Como esta a reforma da lexislación europea que regula a agricultura ecolóxica?
A reforma da lexislación da produción ecolóxica en Europa está en marcha. É o resultado dunha avaliación da regulación anterior e dunha negociación tripartita. En 2015, e debido ás crises de prezos da carne e do leite, houbo moitas demandas de conversión a agricultura e gandería ecolóxicas. Agora mesmo estamos nun proceso de simplificación da lexislación europea e de adaptación para unha perspectiva de cambio de escala e de adaptación á dinámica do sector.

“O Orgánico 3.0 é unha proposta para sacar á agricultura ecolóxica do seu nicho”

É dicir, exponse o desafío de manter os valores da agricultura ecolóxica á vez que incrementamos a produción e a escala para que estes produtos cheguen a máis consumidores. Sen relaxar as regras, pero simplificando os trámites burocráticos.

Cales son as perspectivas da agricultura ecolóxica en Europa?
Hai un crecemento xeral en todos os países tanto en número de hectáreas como de produtores, pero o desafío é ver se a nivel social hai un reparto xusto e incide nunha mellor alimentación da poboación de cada país.

Pero o desenvolvemento da agricultura ecolóxica non se limita aos datos de crecemento. Aínda que a investigación ten un papel que desempeñar, sobre todo na innovación e resolución de problemas, a construción do futuro tamén se fai cos actores. Neste sentido, durante xornadas de formación con cooperativas agrícolas, puiden ver como os socios eran capaces de entrar en varios escenarios, analizando as consecuencias de cada escenario para a súa propia empresa e para a súa organización.

Hai tamén unha proposta de IFOAM para un “Orgánico 3.0”, para sacar o orgánico do seu nicho á corrente principal e situar os sistemas ecolóxicos como parte das múltiples solucións necesarias para resolver os enormes desafíos que enfronta o noso planeta e as nosas especies. Paréceme que a agroecoloxía é unha posibilidade real para pensar e acompañar estas perspectivas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información