Dous enganches iguais en dous tractores idénticos, un pasa a ITV, outro non

Unións Agrarias advirte de casos anómalos no control dos enganches na inspección técnica dos tractores. Os afectados polo rexeitamento do seu dispositivo teñen que afrontar gastos superiores ós 1.200 euros e numerosos trámites

Dous enganches iguais en dous tractores idénticos, un pasa a ITV, outro non

Á esquerda, o enganche que non pasou a ITV. Á dereita, o mesmo enganche noutro tractor que si superou a ITV.

O endurecemento dos controis das ITV sobre os tractores está deixando nos últimos meses casos pouco comprensibles para os profesionais. Hai enganches de tractores non homologados que pasan a inspección e outros idénticos que son rexeitados. Unións Agrarias demanda un criterio único e advirte dos problemas que lle xera ós gandeiros a obriga de cambiar o enganche e de homologalo: máis de 1.200 euros de gasto e numerosos trámites.

A lexislación obriga en teoría a que tódolos tractores posteriores a 1994 conten cun enganche homologado, se ben é unha cuestión sobre a que as ITV agrícola non fixeran incidencia ata o de agora, pois eran conscientes de que se obrigaban a cumprir a lei ó pé da letra, pararían a todo o sector. O cambio de criterio das ITV, endurecendo agora os controis sobre os enganches, está a xerar problemas no agro, con casos que teñen difícil explicación.

Tractor que pasou a ITV co enganche.

Tractor que pasou a ITV co enganche.

Un dos casos detectados sucedeulle en persoa ó responsable de Unións Agrarias na comarca de Ordes, Anxo Dono, que se atopou recentemente con que o seu tractor John Deere, adquirido no ano 2004, suspendía a inspección polo enganche do tractor. A sorpresa foi que un veciño, cun enganche idéntico no mesmo modelo de tractor e cos mesmos cabalos que o seu si pasou a inspección.

“A única diferencia é que o outro tractor tiña un ano máis de antigüidade -conta Anxo Dono-. Cando consultei o caso, o que me dixeron é que o outro veículo era anterior ó ano 2004, que é o ano a partir do cal parece ser que estaban controlando a homologación dos enganches -cuestión que non figura en ningunha normativa-. Ou sexa, que podes ter un enganche medio colgando nun tractor de 20 ou 25 anos e non pasa nada. O normal é que sexan ou todos ou ningún”, critica.

Tractor do mesmo modelo que non pasou a ITV co mesmo enganche.

Tractor do mesmo modelo que non pasou a ITV co mesmo enganche.

Ningún dos dous enganches estaba homologado, a pesar de que ambos tractores saíran con el equipado do concesionario. “Cando falas co concesionario, dinche que daquela o enganche valía, pero agora estámonos comezando a atopar con rexeitamentos na ITV, como foi o meu caso e outros semellantes”, explica Anxo Dono.

A solución nun caso así pasa pola compra doutro enganche e por solicitarlle a súa homologación á casa fabricante do tractor, un proceso que en conxunto supera os 1.200 euros e que obriga a xestións co concesionario e coa casa fabricante do tractor. “Son moitas voltas e hai quen ademais se atopa con que o concesionario no que mercou o tractor xa pechou, co cal ten serias dificultades con tódolos trámites que hai que facer”, explica Anxo Dono.

Valoracións de Supervisión y Control
Consultada sobre o caso Supervisión y Control, a empresa concesionaria da ITV en Galicia, a súa portavoz, Carmen Fernández, limítase a explicar a situación xeral de inspección dos enganches de tractor en Galicia. Fernández sinala que é habitual a detección de incumprimentos na homologación de enganches, xa que en ocasións incorpóranse nos tractores “enganches artesanais ‘adaptados’ para a orografía galega que incumpren o requisito de homologación”.

“É preciso facer referencia á diversidade intrínseca do sector agrario, que se expresa na gran variedade de modelos e a súa antigüidade, que aplicado ademais ao enganche de remolque dificulta a inspección, debido a que se trata de elementos moi diferentes, principalmente en canto a capacidades de arrastre ou versatilidade (enganches fixos, oscilantes, barras de tiro, etc)”, expoñen desde Supervisión y Control.

“Estas características son de vital importancia para evitar os accidentes de tráfico onde se poidan ver implicados tractores e remolques, e en moitos casos ditas características descoñécense por non estar homologados ou, incluso estándoo, carecer da identificación que permita verificar a homologación (carencia de placa ou ilexibilidade da mesma polo uso do dispositivo acoplado)”, conclúe Carmen Fernández.

Que di a normativa?

Desde a Asociación Nacional de Maquinaria Agrícola (Ansemat) resumen as cuestións normativas a ter en conta cos enganches dos tractores:

– Os tractores deben equipar un enganche de remolque homologado. O enganche pode estar montado de orixe ou pode ser montado posteriormente a través dunha reforma, que debe legalizarse mediante anotación na tarxeta ITV.

– Cando o tractor vai pasar inspección nunha estación ITV, nesta comproban que o enganche estea anotado na tarxeta ITV e se está incluído na homologación de tipo do tractor.

– Se o enganche non aparece na homologación de tipo do tractor, na ITV solicítase un certificado pola reforma, que pode emitir o fabricante ou un servizo técnico de reformas.

– Se o enganche non aparece anotado na tarxeta ITV, na estación ITV solicítase un certificado de equipamento en orixe (que pode emitir o fabricante), ou un certificado pola reforma, que pode emitir o fabricante ou un servizo técnico de reformas.

Sobre a cuestión de enganches non anotados na tarxeta ITV, na Asociación Nacional de Maquinaria Agrícola (Ansemat) confirman a detección de problemas en Galicia. O responsable técnico de Ansemat, Emilio Allué, sinala que a única incidencia que se lles trasladou últimamente sobre enganches -“xeralmente en Galicia”- refírese a enganches que non aparecen anotados nas tarxetas ITV.

“Nas tarxetas ITV de tamaño cuartilla, anteriores ao ano 2010 e reguladas segundo o antigo Real Decreto 2140/1985, en ocasións non se reflectía o equipamento en orixe do enganche. Isto debíase a que o citado real decreto indicaba que había que reflectir o dispositivo de acoplamento na tarxeta ITV nun campo que non existía no formato de tarxeta do propio real decreto. É unha circunstancia que se pode resolver cun certificado de equipamento en orixe por parte do fabricante”, destaca Allué.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información