Dos carros ós Barreiros, un percorrido pola historia do agro

O recentemente inaugurado Museo do campo e a mecanización, en Silleda, ofrece un repaso pola evolución agraria e gandeira de Galicia. Coñecemos máis sobre este proxecto da man do seu director

Dos carros ós Barreiros, un percorrido pola historia do agro

Manuel Iglesias, director do Museo do campo e a mecanización, con algúns dos tractores da sala Barreiros.

O Museo do campo e a mecanización vén de abrir recentemente as súas portas nun dos edificios do recinto feiral da Semana Verde, en Silleda (Pontevedra). En pouco máis de 4.000 metros cadrados, repartidos en 12 salas, ofrece ó visitante un percorrido pola evolución da agricultura e a gandería coa mirada posta en Galicia.

“Tentamos reflectir a transformación do agro ó longo das distintas épocas para que o visitante comprenda que o campo non é estático, día a día evoluciona. Pódese ver como se foron dando importantes avances en períodos curtos así como pequenas evolucións en grandes espazos de tempo”, concreta Manuel Iglesias, director do museo e un dos seus impulsores.

“Tentamos reflectir a transformación do agro para que o visitante comprenda que o campo non é estático, día a día evoluciona”, Manuel Iglesias, director do museo

O visitante realiza un percorrido dende a prehistoria ata a mecanización do agro con pezas presentes no campo aínda a finais do século pasado. Reproducións e pezas orixinais amosan a evolución da agricultura deténdose en sectores claves para Galicia como o lácteo ou a viticultura, así como con salas específicas para a maquinaria agrícola, os carros ou os tractores Barreiros.

“Contamos tanto con pezas orixinais, chegadas dende distintos puntos de toda Galicia, como con reproducións realizadas expresamente, baseadas na documentación que se ten das distintas épocas”, concreta Iglesias.

O agro en 12 espazos

Os primeiros homínidos son o punto de arranque deste repaso da relación do ser humano coa terra. As salas iniciais confórmanas reproducións de ferramentas rudimentarias empregadas para actividades como a caza durante a prehistoria.

Transformacións claves, como o manexo do lume, dan paso ás primeiras mostras de traballo da terra. Aparecen arados, empregados polos humanos e tamén tirados por tracción animal, así como ferramentas que incorporan o ferro para labrar a terra. Unha pequena mostra de moedas dá conta tamén do inicio e a evolución do comercio.

Sala-viticultura-Museo-Campo-Galego-Silleda-

A sala de viticultura conta con prensas, alambiques e mesmo un fuso dun antigo lagar.

Leite
O leite é un dos eixos con entidade propia dentro do museo, cunha sala onde comparten espazo apeiros empregados tanto para a comercialización en épocas pasadas, coas leiteiras; así como para a súa transformación en iogures, manteiga ou queixo.

O museo dispón de salas específicas sobre sectores claves en Galicia como o lácteo ou a viticultura

As muxideiras, símbolo do salto a unha produción máis intensiva no sector lácteo teñen tamén o seu espazo na sala. Precisamente, unha mostra que recompila distintos tipos dunha das pezas das muxidoiras, os pulsados, recorda esa evolución máis disimulada que sufre o campo no día a día.

Viticultura
A viticultura é outra das salas temáticas do museo que conta con pipos e prensas para elaboración do viño así como alambiques ou partes de antigos lagares. “A nosa intención é continuar incorporando pezas e que o museo siga medrando e evolucionando. Así é que estamos traballando xa na recuperación e restauración doutras pezas así como de representacións a escala dalgunhas das que temos no museo, como o lagar do que forma parte o fuso que temos na sala adicada ó viño, que por espazo era inviable expor aquí”, concreta Iglesias.

Sala-forraxes-e-cereais-Museo-Campo-Galego-en-Silleda-

Apeiros e maquinaria empregada no cultivo de cereais e forraxes.

Cereais
O cultivo de cereais e forraxes para o gando dá lugar á sala máis ampla do museo, na que se aprecia a evolución dos apeiros empregados para labores como a sementeira, a sega e a colleita do trigo, o centeo ou o millo. Dende angazos de madeira ou fouces ata segadoras tiradas por bestas comparten espazo con algúns dos primeiros modelos das populares segadoras Bertolini ou malladoras do gran, xa con motores.

Xunto cos apeiros, un forno, un muíño de auga ou unha mostra de pequenos hórreos das distintas zonas de Galicia complementan o repaso. “Estamos abertos a que estas pezas poidan formar parte tamén de mostras itinerantes que amosen como era o traballo no campo. Buscamos que o museo sexa dinámico e poida chegar ó maior número de persoas”, apuntan dende a dirección.

Diversidade de carros
Á marxe dos apeiros e maquinaria coa que traballar a terra, o museo reservou un espazo para ó carro. Unha mostra de 20 carros chegados dende distintas zonas de Galicia dan conta da diversidade de modelos e a riqueza patrimonial destas pezas. Así, contan con carros procedentes de Sarria, A Fonsagrada, O Courel, Boimorto, o Deza, Santiago, a montaña ourensá, o Ribeiro ou a zona do Baixo Miño e Salvaterra.

Sala-carros-Museo-Maquinaria-Campo-Galego-Silleda-

O museo conta cunha sala con 20 carros chegados dende toda Galicia.

Nesta sala inclúense diferentes modelos construídos só a base de madeira ou combinando esta con ferro, modelos adaptados á distinta orografía ou ós fins para os que se empregaban así como carros tirados por vacas, bois, cabalos ou burros. “Temos carros robustos que se empregaban para o transporte de pedra ou materiais pesados, así como outros máis lixeiros, pensados para as zonas de montaña ou do Ribeiro, ou carros empregados para o transporte de mercadorías”, explica Iglesias. Porén, aínda están a traballar na catalogación destes carros co gaio de ofrecer a maior cantidade de información posible sobre cada un dos modelos, posto que a excepción dun dos carros, que é unha réplica, o resto foron todos utilizados no agro.

Contan con 16 tractores dos modelos fabricados pola firma Barreiros durante os 20 anos que se comercializaron

Un dos espazos singulares do museo é a sala Barreiros, que conta con 16 tractores dos modelos que a firma galega Barreiros comercializou durante 20 anos. Esta mostra, segundo apuntan dende a dirección, fai do museo o único cunha colección destas características en España.

Ademais, a totalidade destes tractores foron restaurados e atópanse en perfecto funcionamento. “Estes tractores veñen de estar rodando en distintas rutas clásicas e algúns deles mesmo participaron na homenaxe que se lle fixo a Barreiros este ano no circuíto do Jarama”, concreta o director do museo.

A colaboración directa coa familia do ourensán Eduardo Barreiros fixo que a súa filla Mari Luz participara na inauguración do museo o pasado 24 de outubro, precisamente o día no que se cumprían 100 anos do nacemento do fundador da firma.

Tractor-Barreiros-Museo-Campo-Galego-Silleda-

O museo ten 16 tractores Barreiros, que o converte no único de España cunha colección deste tipo.

“Quixemos facer un recoñecemento a un dos empresarios que contribuíu ó desenvolvemento do campo galego como foi Eduardo Barreiros e recoller parte do seu legado”, concreta Iglesias moi vinculado á recuperación de boa parte destes tractores. “Nos anos 60 era realmente moi dificultoso poder ter un tractor, e a aparición de Barreiros, primeiro con convenios coa alemán Hanomag e posteriormente con Chrysler, posibilitou ter tractores robustos e asumibles economicamente, que contribuíron á industrialización do campo galego”, detalla Iglesias.

O museo conta tamén con dúas salas pensadas para exposicións temporais de firmas que estean relacionadas co campo co obxectivo de dar tamén conta do presente do agro galego. Nestes intres dúas empresas da comarca do Deza, ocupan estes dous espazos: Nutrimentos Deza (Nudesa), especializada na elaboración de pensos para o gando así como na cría de vacún e porcino; e Embutidos Lalinense, centrada na elaboración de produtos cárnicos de porco.

Un traballo intenso en menos de 3 anos

A apertura do museo supuxo a culminación a 3 anos de traballo arredor deste proxecto que xurdira hai xa anos de man de parte dos hoxe patróns da Fundación do Campo Galego. Precisamente a Fundación foi clave para que o museo se materializase e é a ferramenta para seguir traballando na posta en valor do campo galego por medio de diferentes iniciativas de divulgación.

A Fundación integra a entidades como o Concello de Silleda, a Fundación Jorge Jove, Abanca ou a Asociación Galega de Amigos da Maquinaria Agrícola Clásica (Agamac), colectivo que integra a máis de 90 socios e onde comezou a xestarse a idea do museo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información