A derogación do ‘imposto ó sol’ esperta o interese do agro polas enerxías renovables

Ganderías de vacún, granxas intensivas e regantes, posibles beneficiarios do cambio normativo, que posibilita instalacións de autoconsumo de ata 100 kilowatios

A derogación do ‘imposto ó sol’ esperta o interese do agro polas enerxías renovables

Nave gandeira con placas fotovoltaicas.

A resolución do Consello de Ministros que deroga o chamado imposto ó sol quítalle as cancelas ás pequenas instalacións de enerxías renovables para autoconsumo. A medida previsiblemente favorecerá nos próximos anos a extensión das enerxías renovables no agro, principalmente das placas fotovoltaicas para producir electricidade, tanto en ganderías de vacún como en granxas intensivas e comunidades de regantes. O sector xa está a percibir o interese das explotacións pola posta en marcha de instalacións.

A normativa que estivo vixente os últimos anos impuña o pago dunha taxa a todas aquelas instalacións de autoconsumo que estivesen conectadas á rede eléctrica, de xeito que só podían evitar a penalización aqueles produtores que fosen autosuficientes e que non tivesen necesidades de enerxía externa.

“Desde que se derogou o ‘imposto ó sol’ hai unha semana, xa percibimos un maior interese pola montaxe de instalacións” (Laura Aldariz, Tecgal)

“En realidade, o chamado ‘imposto ó sol’ nunca se lle chegou a cobrar ás instalacións de autoconsumo, pero existía o medo a que en calquera momento se lles reclamase o seu pago, o que desanimaba á xente a acometer proxectos” -explica Laura Aldariz, de Tecgal, unha firma de Lugo especializada en proxectos de enerxías renovables para autoconsumo.- “Desde que se derogou o imposto o sol, hai unha semana, xa percibimos un maior interese por afrontar a posta en marcha de instalacións”, conta.

A eliminación do chamado ‘imposto ó sol’ semella ademais non ter volta atrás, o que xenera seguridade xurídica para o agro e para posibles inversores. “Existe xa unha directiva europea en trámite que obrigaría a derogar o imposto ó sol, polo que o Goberno adiántase a esa normativa e cancela unhas trabas que eran absurdas”, valora o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, quen nos últimos anos estivo coordinando o proxecto Resfarm, co que se buscou fomentar o uso de enerxías renovables no agro.

As ganderías poderán venderlle a enerxía sobrante á rede

Coa desaparición do imposto ó sol, a enerxía fotovoltaica convértese nunha alternativa atractiva tanto para explotacións lácteas coma para ganderías intensivas avícolas ou de porcino. “Poderían montarse instalacións para autoconsumo de ata 100 kilowatios, o que supón uns 600 metros cadrados de paneis” -calcula Jacobo Feijoo-. “A cuestión que queda agora pendente de concretar é o chamado balance neto, é dicir, como esas instalacións comercializarán na rede a enerxía sobrante que non se consuma na propia explotación”, sinalan desde Unións Agrarias.

A venda da enerxía sobrante á rede facilitará a reducción do prazo de amortización das instalacións. “En explotacións lácteas, por exemplo, o principal consumo de enerxía prodúcese de xeito puntual, durante os muxidos, co cal ata agora, o resto do día as instalacións fotovoltaicas estaban boa parte do tempo sen funcionar, xa que non podían venderlle a enerxía á rede” -explica Laura Aldariz, de Tecgal.- “Lográbase un maior uso en explotacións cun consumo continuo, por exemplo nas que teñen robot de muxido, pero non nas outras. Agora cambia a situación, xa que as ganderías poderán venderlle a enerxía sobrante á rede. Só queda por determinar como se lles compensará, se en kilowatios de enerxía externa, da rede, ou economicamente”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información