A Deputación ofrece solo para implantar en Lugo industrias agroalimentarias

A Deputación ofrece solo para implantar en Lugo industrias agroalimentarias

Darío Campos, á dereita, presidente da Deputación de Lugo

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes, cos votos a favor de PsdeG-PSOE e BNG e o voto en contra do PP, unha moción pola que se insta á Xunta de Galicia a desenvolver conxuntamente, entre ambas as dúas institucións, un Plan de Industrialización na provincia de Lugo, enfocado á implantación de factorías transformadoras sobre o sector primario, especialmente as de segundo nivel. O Goberno Provincial comprométese a aportar a superficie industrial dispoñible nos polígonos que construíu nos Concellos lugueses con custos vantaxosos.

A provincia de Lugo, lidera no Estado tanto a produción láctea como a da madeira. Pola contra, a Comunidade galega está nos postos máis baixos no conxunto de España en canto á industria transformadora, provocando a perda de numerosos beneficios.

En concreto, a provincia luguesa xera 1 millón de toneladas de leite, que representan máis do 43% da produción total de Galicia, facendo que a Comunidade galega sexa a principal produtora láctea de España. Pola contra, Galicia sitúase no posto número 7 de industrias lácteas, por detrás de comunidade como País Vasco, que só produce o 2,5% do leite de España.

No sector forestal, o número de cortas anual de madeira na provincia luguesa oscila entre o millón e 3 millóns de metros cúbicos, facendo que en Galicia se concentre o 55% das cortas de madeira en España. Pola contra, as comunidades que lideran as empresas transformadoras de madeira son Cataluña (17,34%), Andalucía (14,38%), Valencia (13,57%) e Madrid (9,58%).

195.000 metros cadrados

Ante este desequilibrio que supón a perda de beneficios para Galicia en xeral e para Lugo en particular, o Goberno da Deputación ofrece á Xunta de Galicia 195.000 metros cadrados de solo industrial para a implantación de industriais transformadoras do sector primario, especialmente de segundo nivel.

A distribución deste espazo libre nos polígonos da Deputación é a seguinte: no concello de Ourol, 14.869 metro cadrados; Paradela, 22.821 metros cadrados; Baleira, 700 metros cadrados; Friol, 34.708 metros cadrados; Begonte, 7.000 metros cadrados; Castroverde, 61.371 metros cadrados; e Chantada, 55.348 metros cadrados.

Neste sentido, o texto da moción aprobada é o seguinte:

-“-A Deputación de Lugo insta á Xunta de Galicia a desenvolver conxuntamente entre as dúas administracións un Plan de Industrialización da provincia de Lugo enfocado á implantación de industrias transformadoras do Sector Primario, especialmente as de segundo nivel.

– A Deputación de Lugo comprométese a aportar a superficie industrial dispoñible nos diferentes polígonos desenvolvidos a través da entidade dependente SUPLUSA cos custes que no desenvolvemento do plan se consideren máis vantaxosos para a consecución dos obxectivos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información