A Deputación de Lugo presenta os seus orzamentos 2019 con especial atención ao sector agrogandeiro

A Deputación de Lugo presenta os seus orzamentos 2019 con especial atención ao sector agrogandeiro

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, acompañado polo vicepresidente, Argelio Fernández Queipo, e pola deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, presentou este martes a súa proposta de Orzamento da Deputación para 2019

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, presentou este martes a súa proposta de Orzamento da Deputación para 2019, que levará ao Pleno de novembro para a súa aprobación inicial. O orzamento ascende a 88,4 millóns con investimentos nos 67 Concellos e para os 330.000 lucenses.

En canto ao sector primario, a proposta de orzamentos do goberno da Deputación de Lugo para o 2019 contempla un investimento de 730.00 euros destinados á construción da Granxa Experimental de Leite, que se está a realizar nas instalacións provinciais da Granxa Gayoso Castro para poñela a disposición do Campus de Lugo e desenvolver proxectos que redunden na mellora da competitividade das explotacións lácteas e na redución dos custos correntes destes profesionais.

O goberno que preside Darío Campos decidiu tamén incrementar ata os 371.000 euros a colaboración con ACRUGA co obxectivo de axudar os produtores de Raza Rubia Galega. O orzamento recolle un investimento superior aos 470.000 euros para actividades en impulso da agricultura e gandería, pois hai prevista colaboración con colectivos como ASOPORCEL ou OVICA, entre outros moitos.

Destínanse 730.00 euros destinados á construción da Granxa Experimental de Leite

Na presentación do seu proxecto de orzamentos destacou que “a Deputación de Lugo é a institución galega que máis investimentos reais fai na provincia en obra pública, emprego, servizos sociais, deportes, turismo ou cultura; un total de 221 millóns dende o 2016”.

“Temos convertido á Deputación no motor económico e social de Lugo. E sómolo porque a Xunta de Galicia, cun orzamento 100 veces superior ao da Deputación – máis de 9.000 millóns autonómicos fronte aos menos de 90 provinciais- practicamente non achega investimento algún á provincia”, engadiu.

Orzamento consolidado da Deputación para 2019: 88,4 millóns

O orzamento consolidado da Deputación de Lugo para o vindeiro ano é de 88,4 millóns de euros. Este inclúe o presuposto do Consorcio Provincial de Bombeiros con case 2,5 millóns que recollen, como en pasadas anualidades, a cantidade necesaria para a equiparación salarial destes profesionais cos do resto de Galicia. Tamén inclúe o presuposto de SUPLUSA, que é de 1,3 millóns para rematar coas encomendas de xestión vixentes ata maio de 2019. Finalmente, o propio orzamento da Deputación, onde xa figura a TIC, que deixou de ser un organismo dependente sen incrementar nin tipo de custo, é de 84,6 millóns de euros.

Plan Único, estradas, patrimonio público ou novas dotacións

-11 millóns son para obras en infraestruturas e dotacións públicas municipais dos 67 Concellos mediante o Plan Único. Os fondos para esta programación aumentarán ata un mínimo de 21 millóns a través da incorporación de remanentes –a previsión é que os remanentes ascendan a cantidades semellantes ao ano pasado-. Na memoria do orzamento, o Presidente xa se compromete a achegar a lo menos o 70% dos remanentes ao plan.

-15 millóns para mellorar as estradas da rede viaria provincial con obras novas, conservación ou parque móbil. 1,5 millóns de euros son para o mantemento de sumidoiros, alumeados públicos, parques e xardíns de titularidade provincial. Case 600.000 euros son para o funcionamento do servizos de arquitectura.

-300.000 euros para rehabilitar o Mirador de Mondoñedo.
-300.000 euros para habilitar unha tirolina entre os Concellos de Monforte de Lemos e Castro Caldelas co obxectivo de contribuír ao fomento turístico da Ribeira Sacra.
-200.000 euros para recuperar a Casona do Incio.
-200.000 euros para a posta en marcha do pavillón e piscina de Monterroso.
-140.000 euros para a construción dun rocódromo na capital lucense e promocionar o deporte.

Posta en marcha e construción de centros de maiores

Son 6,3 millóns para a posta en marcha e construción de centros de maiores en Concellos da provincia. Desta cantidade, son 2 millóns os que se achegan para asumir os custos pola posta en marcha e financiamento das prazas a maiores da provincia, -para que todos poidan acceder ás mesmas con independencia da súa capacidade económica-, das residencias de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil. A previsión é abrir estas instalacións públicas progresivamente ao longo de 2019, unha vez listas as obras, obtidos os PIA e ter todos os documentos necesarios –regulamentos de acceso, ordenanzas fiscais…-.

No seu conxunto, ofrecerán 370 prazas con prioridade de acceso para os veciños do Concello onde se sitúa o centro, logo para os da bisbarra e finalmente para lucenses en xeral. Todos contarán con axudas económicas da Deputación no acceso ás prazas.

Os restantes 4,3 millóns de euros son as partidas necesarias para poder continuar cos proxectos de construción das residencias de Becerreá, Guitiriz, Portomarín, A Pobra do Brollón, Folgoso do Courel, A Pontenova e Pantón. Esta última é a única que recibe a primeira partida de 500.000 euros para redactar o proxecto e as obras. As restantes teñen partidas comprometidas de anualidades pasadas, que non son suficientes para rematar as obras.

10 millóns para emprego

Son 10 millóns de euros os que se incorporarán ao Orzamento de 2019 para emprego. Desta cantidade, figuran xa 2,5 millóns de euros. 3 millóns serán para a terceira edición do DepuEmprego, cantidade á que se chegará con remanentes ao abeiro do Plan Único. 1,7 millóns son para asumir os custos laborais de case 25 lucenses menores de 30 anos co plan de Primeira Oportunidade da Deputación; de entre 40 e 50 desempregados lucenses que se incorporarán ás plantillas de colectivos sociais co TecendoEmprego; así como para os primeiros Premios de Emprendemento que recibirán 5 novas empresas do rural lugués para a súa posta e marcha e, finalmente, para cursos de formación sobre nichos de emprego na provincia, como a gandeiría, aproveitamento forestal ou agricultura ecolóxica, entre outros; sectores que necesitan man de obra especializada e que non atopan na provincia de Lugo.

Actualmente, hai 150 lucenses que estaban no paro traballando en empresas e colectivos da provincia co Ben Empregado IV cuxos contratos seguirá asumindo a Deputación ata xuño, que é cando remata esta programación. Farao con máis de 200.000 euros, que tamén se incorporarán ao presuposto de 2019. Os Concellos da provincia teñen pendente de executar 2,6 millóns de euros da segunda edición do DepuEmprego para xerar novos postos de traballos nos municipios. Estes fondos tamén pasarán ao novo orzamento provincial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información