A Deputación de Lugo pon en marcha o Plan de roza da rede viaria provincial máis extensa de España

A Deputación de Lugo pon en marcha o Plan de roza da rede viaria provincial máis extensa de España

Roza nunha estrada provincial do concello de Xove

O Vicepresidente da Deputación de Lugo e Deputado de Vías e Obras, Argelio Fernández Queipo, informou este martes do comezo do traballos de acondicionamento da rede viaria provincial coa posta en marcha, hoxe mesmo, dos primeiros traballos do Plan de roza e desbroce de malezas que leva a cabo este verán a Deputación e para os que xa está aprobado un investimento que supera os 700.000 euros en 52 Concellos da provincia.

Segundo anunciou Fernández Queipo, os traballos comezaron este mesmo luns e prolongaranse nas vindeiras semanas ata ter acondicionada a totalidade da extensa rede viaria dependente da Deputación que atravesa toda a provincia. “Coa execución destes traballos, adxudicados a autónomos e pequenas empresas, case todas da provincia de Lugo, cumprimos co obxectivo de poñer a punto para o verán as nosas estradas, que forman a rede provincial máis extensa de España, con 4.300 quilómetros”, destacou o Deputado. Tamén fixo fincapé na importancia do Plan de roza e desbroce de malezas, ao que o Goberno provincial reserva un cuantioso investimento “que é moi necesario porque grazas a esta actuación melloramos a seguridade dos condutores que circulan polas nosas estradas, ao facilitar a visibilidade na rede viaria e reducir o risco de avance das lapas no caso de producirse un incendio forestal, ao tempo que xeramos traballo do que se benefician moitos autónomos e pequenos empresarios da provincia”.

700.000 euros para rozar unha rede viaria de 4.300 quilómetros

Os traballos de roza comezaron xa na comarca da Mariña. Este luns comezaron os labores de limpeza de malezas nas estradas de 5 Concellos, Burela, Cervo, O Valadouro, Foz, Alfoz. En total, nesta primeira xornada fixéronse labores de roza en 187,5 km. Hoxe comezan os traballos noutros 4 municipios, O Vicedo, Viveiro, Xove e Ourol. Nas dúas xornadas limparanse en total 238 quilómetros de estradas.

O Goberno da Deputación xa adxudicou, cun investimento total de 705.611 euros os labores de roza na rede viaria provincial ao seu paso por 52 Concellos: Burela, Cervo, Foz, O Valadouro, Alfoz, Muras, Xermade, Vilalba, Castro de Rei, Pol, Meira, Friol, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, Palas de Rei, Páramo, Paradela, Sarria, O Incio, Triacastela, Samos, Taboada, O Saviñao, Chantada, Carballedo, Pantón, Sober, A Pontenova, Riotorto, A Pastoriza, Cospeito, Rábade, Outeiro de Rei, Guitiriz, Begonte, Castroverde, O Corgo, Negueira de Muñiz, Navia de Suarna, Becerreá, As Nogais, Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, Quiroga, Ribas do Sil, Bóveda, Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Lugo e Guntín.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información