Deputación de Lugo e USC constrúen o primeiro centro de investigación láctea da provincia

Deputación de Lugo e USC constrúen o  primeiro centro de investigación láctea da provincia

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, visitando as obras da Granxa Experimental do Campus Terra

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, a Vicerreitora do Campus de Lugo, Monsterrat Valcárcel, e o Deputado de Medio Rural, Lino Rodríguez Ónega, supervisaron este luns o avance das obras do primeiro centro de investigación láctea da provincia, que Deputación e USC constrúen con 2 millóns de euros. Desta cantidade, o organismo provincial achega 1,3 millón e a Universidade 750.000 euros.

O obxectivo deste novo centro é contribuír á mellora deste sector mediante a aplicación dos proxectos que investigadores e estudantes do Campus de Lugo (Veterinaria, Enxeñería Agroalimentaria, Máster de Produción de Leite…) desenvolvan nestas instalacións. COPCISA S.A é a empresa construtora que está a executar as obras despois de gañar o concurso público da Deputación de Lugo.

Campos Conde destacou que “este centro enmárcase dentro da nosa aposta por unha Deputación rural e coas persoas, pois en Lugo contamos cunhas 3.600 explotacións lácteas. O sector do leite representa o 18% do emprego na nosa provincia e Lugo lidera a produción leiteira en Galicia e en España con máis de 1,2 millóns de toneladas ao ano. Polo tanto, o sector lácteo é unha prioridade para o desenvolvemento social e económico da nosa provincia”.

O polo do sector lácteo de Castro de Rei: Granxa Gayoso Castro, Centro de Recría e Granxa Experimental do Campus Terra

No Campus de Lugo o 25% dos seus grupos de investigación están relacionados coa produción láctea. Investigadores ou estudantes de Veterinaria, Enxeñería Agroalimentaria ou do Máster de Leite, entre outras titulacións, poderán desenvolver nestas instalacións os seus proxectos, que unha vez constatado o seu éxito se aplicarán a pé de campo, é dicir, nas propias explotacións lácteas da provincia que así o desexen.

A Granxa Experimental de Vacún de Leite do Campus Terra ubícase dentro da parcela de 130 hectáreas de terreos da Deputación de Lugo en Castro de Rei, onde se ubican tamén as instalacións públicas da Granxa Gayoso Castro da Deputación e do Centro de Recría.

Neste sentido, o presidente da Deputación de Lugo salientou que “construímos e puxemos en marcha o centro de recría de gando vacún de leite máis grande de Galicia, onde cada semana están a entrar máis e máis becerras de explotacións lucenses”. “Hoxe temos unhas 600 de máis de 50 explotacións da provincia, tendo unha capacidade total para case 3.000 e prioridade de acceso a profesionais lucenses, pois son unhas instalacións feitas para eles”, concluíu Darío Campos Conde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información