Denuncian o elevado número de axudas agroambientais denegadas pola Consellería

Son máis de 2.200 as axudas denegadas este ano pola Xunta. Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias denuncian numerosos erros na tramitación por parte da Consellería e piden que se corrixan na fase de alegacións. A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes critica que as explotacións con pastos arbustivos ou baixo arborado son das máis prexudicadas.

Denuncian o elevado número de axudas agroambientais denegadas pola Consellería

Gandería en extensivo en Monte Cabalar (A Estrada)

A Consellería do Medio Rural acaba de denegar 2.244 solicitudes de axudas agroambientais e clima e agricultura ecolóxica, unha cantidade inusualmente alta, que afecta especialmente as explotacións gandeiras situadas en zonas de montaña e desfavorecidas. A resolución do Fondo Galego de Garantía Agraria foi publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado mércores.

Segundo o responsable de Gandería de Unións Agrarias, Javier Iglesias, “das aproximadamente 2.000 solicitudes de axudas que tramitamos aos gandeiros a través da nosa organización, unhas 900 foron denegadas”. Pola súa banda, Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, denuncia que “polo que coñecemos, en zonas de montaña a Consellería denegou ata o 30% das solicitudes, e par zonas desfavorecidas ata o 40%”.

Esta situación segundo a responsable do SLG “coloca a moitas explotacións gandeiras de zonas de montaña e de zonas desfavorecidas nunha situación moi complicada, xa que as axudas agroambientais da PAC chegan a representar ata o 40% dos ingresos dalgunhas explotacións”.

“O problema é que os gandeiros poden perder estas axudas para os próximos anos”

Neste sentido, Isabel Vilalba denunciou este venres en Lugo en rolda de prensa que “a maior parte destas denegacións débense a un mal funcionamento da Consellería na tramitación que, ademais, xera una gran indefensión xa que os afectados nin sequera recibiron unha resolución motivada por parte da Consellería”.

Entre estas deficiencias por parte da Consellería, a responsable do SLG cita o cambio de categoría nas parcelas no SIXPAC no medio do proceso de tramitación administrativa dos expedientes; non computar as parcelas con problemas de duplicidade, a pesar de que os propietarios certificasen a súa propiedade; ou o endurecemento das condicións do Coeficiente de Admisibilidade de Pastos (CAP), entre outras.

Pola súa banda, desde a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes denuncian que “os dous principais motivos de denegación das axudas están relacionados cos pastos arbustivos e baixo arborado”, en concreto de todos os de menos de 0,3 hectáreas de superficie. A redución da superficie admitida, tanto por este como polos motivos anteriores, levou a que boa parte das solicitudes fosen denegadas por exceso de carga gandeira.

“Estes pastos son parte da superficie forraxeira esencial nas explotacións gandeiras en extensivo e non ten sentido que se exclúan das axudas agroambientais, que se supón están encamiñadas a unha gandería máis sustentable en base a pastoreo”, argumentan desde a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

Con todo, para Isabel Vilalba “o máis grave é que se a Administración non emenda estes erros no proceso de alegacións, moitas explotacións non só perderán as axudas agroambientais deste ano, senón as futuras”, do todo o período da PAC 2015-2020.

Ovica: “A lexislación europea hai que adaptala á realidade galega, como se fixo coa dehesa andaluza”

Neste senso, Ovica (Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia) leva advertindo durante estos meses da necesidade de adecuar a normativa europea á realidade galega como pasou por exemplo coa dehesa andaluza, onde se recoñeceu a súa aptitude para o pastoreo en réxime extensivo co gando.

Por ese motivo, xa en Setembro se adheriron á campaña promovida pola Plataforma para o Pastoralismo e a Gandería Extensiva co envío dunha carta á Comisión Europea e un informe científico onde se pon de manifesto que existe unha serie de especies arbustivas e leñosas que son a base da dieta de algunhas especies como o cabrún e cabalar e que deste xeito quedan condenadas ao abandono.

Unións Agrarias confía en que moitas solicitudes denegadas se acaben aprobando de recurso

Ante esta situación, tanto o Sindicato Labrego Galego como Unións Agrarias teñen previsto reunirse proximamente con responsables da Consellería do Medio Rural.

Neste sentido, Javier Iglesias, de UUAA, afirma que “temos confianza en que nos recursos que presentamos a Administración corrixa moitos dos erros e boa parte das axudas denegadas acábense aprobando”.

Desta forma abre un período dun mes, que finaliza o próximo 11 de marzo, para a presentación de recursos ante o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). A partir dese momento a Consellería do Medio Rural ten un prazo de 3 meses para responder os recursos, “que estamos seguros de que vai ser menor e a Consellería vai axilizar e resolvelo antes”, asegura Javier Iglesias.

“Non tería que haber problema para recuperar estas solicitudes denegadas, máxime cando non hai problemas orzamentarios xa que estamos no inicio dun novo período da PAC”, conclúe.

Podes descargar aquí a carta e o informe científico enviado por OVICA á Comisión Europea. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información