Demandas dos enxeñeiros agrarios á Consellería de Medio Rural

Publicidade
Demandas dos enxeñeiros agrarios á Consellería de Medio Rural

Xornada de APENAGAL

A Asociación Profesional de Enxeñeiros Agrarios da Administración Autonómica de Galicia (APENAGAL), conta con mais dun cento de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Enxeñeiros Agrónomos asociados, que realizan a súa labor basicamente na Consellería de Medio Rural.

Dende esta asociación véñense de ter varias reunións con autoridades en materias vinculadas a diversos aspectos relacionadas co mundo rural, que van dende a formación agraria até temas relacionados coa xestión do persoal que prestamos os nosos servizos nesta consellaría.

Nestas xuntanzas expuxemos unha serie de inquedanzas que temos e que consideramos que son de vital importancia para o desenvolvemento do agro galego, sempre desde unha perspectiva de colaboración e apoio. O resultado das devanditas xuntanzas é o que nos produce unha elevado grao de preocupación, pois non observamos ningún tipo de avance nas materias que neste intre son transcendentais para a calidade do servizo que presta a Consellería do Medio Rural.

Por este motivo APENAGAL quere transmitir a súa opinión desde o respecto debido, pero tamén desde responsabilidade que ten a nosa profesión co rural, desde o punto de vista técnico, social e da experiencia de anos acumulados actuando no desenvolvemento do sector agrario galego; sen esquecer que todos como sociedade temos a obriga moral de tentar deixar un futuro mellor para as vindeiras xeracións, evitando que sufran o desdén dos que na actualidade temos a obriga de actuar para evitar o deterioro que se constata.

Con esta comunicación o que pretendemos é, ademais de dar a nosa humilde opinión, darlle visibilidade a un problema que parece non importar en certos eidos de decisión e co afán que entre todos poidamos reflexionar conxuntamente e procurar unhas directrices claras para un sector estratéxico para Galicia como é o agrario, tanto desde o punto de vista económico como demográfico.

Para poder facer unha labor correcta de promoción e desenvolvemento rural, o primeiro que se precisa son profesionais que poidan colaborar estreitamente coas persoas que teñen ese interese en emprender nun ámbito cada vez mais hostil, pero o que parece é que paralelamente ao despoboamento que sufre o rural tamén se despoboan os servizos que ofrece a administración agraria.

“O caso das oficinas agrarias comarcais de Lugo e Xinzo de Limia son a punta do iceberg do desmantelamento das oficinas agrarias da Xunta”

Por exemplo, non se entende que non se cubran prazas vacantes dotadas orzamentariamente existentes en servizos centrais, periféricos e sobre todo oficinas agrarias comarcais, para encher o baleiro de técnicos e de persoal administrativo, moitos deles con baixos niveis económicos e unha elevada responsabilidade na tramitación de expedientes e en actuacións administrativas sobre explotacións agrarias, pouco claras, pouco apoiadas, pouco valorizadas e pouco organizadas e que poden ter unhas repercusións moi importantes de cara á viabilidade desas explotacións.

O caso das oficinas agrarias comarcais de Lugo e Xinzo de Limia, que estes días saltaron aos medios de comunicación, son a punta do iceberg, pero quedan moitas mais por citar. O problema de persoal ao que nos enfrontamos é dobre, por un lado a falta de efectivos, especialmente técnicos agrarios, e por outro lado o pouco atractivas que son as prazas da Consellería do Medio Rural para o persoal administrativo que prefire ir cara outras consellerías que si conseguiron valorizar as súas prazas sendo mais atractivas, incluso na súa estrutura periférica.

A menos dun mes vista para aprobar unha Relación de Postos de Traballo da Consellería, todo parece indicar que non se van corrixir erros históricos que se veñen arrastrando de vello, nin outros novos vinculados á xubilación masiva de funcionarios de antigos servizos que se produciron nestes últimos anos, e que selaron o seu paso polo medio rural e aos que a sociedade lles outorga recoñecemento pero non así a administración. A vinculación orzamentaria co tema de extinción de lumes en exclusiva, sen implementar medidas públicas de desenvolvemento rural, cunha visión a longo prazo, social, altruísta e transparente, que no seu momento fixeron, na medida das súas posibilidades, as Axencias de Extensión Agraria, e que hoxe non teñen substitutos por ningún lugar, deberán dar que pensar aos responsables públicos.

“En pouco tempo a dixitalización documental vai impactar de cheo sobre as explotacións, afectando negativamente ás máis pequenas”

O primeiro paso para iniciar a reversión desta situación é a oferta de prazas libres para técnicos agrarios, pero esta capacidade de corrección vai brillar pola súa ausencia nesta lexislatura, pregoada como de recuperación do rural. En pouco tempo a dixitalización documental vai impactar de cheo sobre as explotacións, xa o fai agora sobre as persoas xurídicas, pero pouco a pouco as pequenas explotacións van sufrir as consecuencias.

Cremos que se necesita unha organización capaz de axudar a amortecer o impacto, namentres o relevo (en teoría máis formado) chega pouco a pouco á dirección das explotación. Se non somos capaces de conseguir isto o feito é que aceleraremos o peche de explotacións e o abandono do medio, ante as dificultades dos titulares de máis idade para as xestións administrativas básicas.

En resumo, vimos dunha organización dos anos 60-70 da cal se foron as persoas, pero quedaron as estruturas ( algo enferruxadas, iso si), unhas estruturas que temos que aproveitar para recuperar o dinamismo no rural, para formar aos nosos mozos gandeiros ou agricultores na busca da excelencia profesional, axudarlles e colaborar nas súas tomas de decisións poñendo sobre a mesa puntos de vista diferentes aos seus, favorecer a mobilidade de terras, a implantación de novos cultivos ou técnicas de produción, etc, etc. En definitiva, evitar que todo o conseguido a través do esforzo de toda a sociedade ao longo de moitos anos remate condenado á desaparición, ao abandono e a que o noso agro sexa un deserto demográfico.

“Precísase un Plan de Actuación Agrario Galego a longo prazo”

Hai retos novos coma novas pragas que castigan aos nosos cultivos, a hixiene produción primaria vexetal, condicionalidade, seguridade alimentaria, os rexistros básicos para poder realizar unha ordenación axeitada dos sectores, … pero sobre todo, necesítanse catalizadores públicos dentro dun Plan de Actuación Agrario a longo prazo, mais aló dos Programas de Desenvolvemento Rural actuais, que se ben son unha ferramenta importante desde o punto de vista do financiamento, non se poden considerar documentos que marquen liñas de traballo nin obxectivos a longo prazo.

Conclusións:

Necesítanse unhas directrices de actuación, con obxectivos concretos a longo prazo que sirva de marco das actuacións da Consellería do Medio Rural, coa finalidade de promover e reforzar o tecido rural e a partir da definición destas necesidades :

-A Consellería do Medio Rural debe estudar unha nova estrutura organizativa axeitada ás necesidades actuais do campo e á vez que cumpre os obxectivos de desenvolvemento rural que a faga atractiva ao persoal funcionario que desenvolve as súas tarefas nela.

-Unha oferta de emprego público que recupere as prazas perdidas nos últimos anos e que aporte estabilidade ao persoal que actualmente ten un vínculo temporal coa administración, que na actualidade se materializa en 100 prazas vacantes para técnicos agrarios e un número similar ocupados por funcionarios interinos, dun total de 400 efectivos a nivel da Comunidade Autóno9ma. .

-Que se reforcen os servizos públicos fronte á contratación de empresas externas, que garantan a independencia do servizos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información