Demandan un maior apoio da Xunta para promover a coexistencia de lobo e gandería

A asociación ecoloxista Adega advirte de que as axudas á prevención de danos deberan ser unha prioridade. Calcula que cada ano se matan entre 200 e 300 lobos de xeito furtivo e considera inútiles as batidas ou esperas para reducir os ataques ó gando

Demandan un maior apoio da Xunta para promover a coexistencia de lobo e gandería

Malla electrificada de protección para o gando. / Arquivo.

A decisión da Consellería de Medio Ambiente de non convocar este ano as axudas para a prevención de danos por lobo suscita malestar non só entre os colectivos gandeiros, senón tamén entre as asociacións ecoloxistas. Adega vén de elaborar un informe no que pon de manifesto “a desatención da Administración coas ganderías que sofren ataques do lobo, o que xera unha frustración e desánimo que, case sempre, acaba cebándose no lobo”.

Desde a asociación ecoloxista Adega calculan que cada ano morren en Galicia entre 200 e 300 lobos de xeito furtivo. O colectivo considera que a autorización de batidas ou esperas legais contra o lobo, coma se demanda desde as organizacións agrarias, carece de utilidade para evitar danos e incide na necesidade de maiores apoios para as ganderías en medidas de prevención e compensación de danos.

Axudas por danos e para prevención
“Estamos ante unha situación caótica na atención que a Xunta lle presta a este asunto. No 2017, o custo dos danos provocados polo lobo rondou os 500.000 euros, pero a Xunta só destinou a metade para cubrir ditos danos e incluso, a pesar de que están aumentar os rexistros de danos, reduciu as axudas en 100.000 euros. Tampouco se convocaron este ano axudas para fomentar medidas de manexo preventivo, cando debera ser a acción fundamental para abordar o problema”, sinala Adega.

O colectivo, de tódolos xeitos, precisa que a poboación de lobo non está a aumentar en Galicia, senón que “está estancada”, e considera que o aumento de ataques contabilizados sobre o gando débese a que os afectados reclaman máis que hai uns anos.

A organización ecoloxista, por último, reivindica a importancia do lobo no medio natural e pide un plan público de divulgación e sensibilización sobre a especie. Critica tamén as novas sobre o lobo publicadas nos medios de comunicación, ós que considera imprecisos, alarmistas, faltos de rigor e xeradores de maior tensión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información