Demanda de batidas inmediatas contra o xabarín en Santiago

Unións Agrarias, xunto con gandeiros de dúas parroquias compostelás afectadas polo xabarín, manteñen unha reunión con Medio Ambiente para pedir solucións ós continuos danos

Demanda de batidas inmediatas contra o xabarín en Santiago

Danos do xabarín. / Arquivo.

O responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, trasladoulle hoxe á xefa territorial da Coruña da Consellería do Medio Ambiente, Cristina Carrión, a situación de danos polo xabarín que están vivindo os produtores das parroquias compostelás de Santa Cristina e San Xoan de Fecha.

No encontro, no que tamén participaron 4 dos produtores mais afectados polas desfeitas das mandas de xabaríns, quedou de manifesto por parte da Xunta que nas circunstancias previstas de existencia de afectacións nas colleitas, poderase cazar tamén en épocas de veda e mesmo en superficies afectadas polo lume forestal, segundo indica Unións Agrarias.

A Consellería comprometeuse a trasladarlle esta información ós Tecores da zona para que actúen. En caso de que os Tecores correspondentes carezan de socios dispostos ás batidas, Medio Ambiente comprometeuse a buscar colaboración de cazadores doutros Tecores.

Desde Unións Agrarias vanse elaborar informes de situación sobre a incidencia dos porcos bravos nos cultivos para activar as citadas batidas con carácter inmediato.

Gaiolas para a captura de xabaríns
Outro asunto abordado na reunión foi a disposición de Medio Ambiente a cederlle gaiolas ós gandeiros para a captura de xabaríns. Medio Ambiente aclarou días atrás que esta cesión será excepcional, só para zonas nas que non estea autorizada a caza. Con ese obxectivo, a Xunta xa adquiriu 20 gaiolas e xa iniciou a cesión das primeiras.

Medio Ambiente aclarou que as gaiolas para capturas de xabarín autorizaranse só en casos excepcionais

Por parte de Unións Agrarias manifestouse unha total oposición a este sistema polos perigos que leva consigo. “Só poden ser efectivas manexadas por profesionais e en ningún caso deben ser utilizadas en parcelas agrarias baixo responsabilidade dos agricultores. O recente incidente en Ponteareas, onde unha familia do rural estivo a piques de perder a vida nun ataque dun xabarín, é unha seria advertencia que non se pode ignorar”, valora a organización agraria.

“Chegaría cunha posible captura accidental dunha cría de xabarín dentro da trampa, cunha femia nai que quedase fóra, para converter a este animal nun gravísimo risco para calquera persoa que se achegase a inspeccionar o dispositivo, e mesmo para calquera transeúnte que de xeito casual se puidera achegar a estas trampas nun radio duns 50 metros”, advirte Jacobo Feijoo.

Unións Agrarias considera que o sistema de gaiolas é unha vía posta en marcha pola Xunta para “desentenderse” da xestión dos problemas provocados pola fauna salvaxe, “traspasándolle toda a responsabilidade ós afectados”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información