Delagro e Ucanorte, de Portugal, satisfeitos da intercooperación iniciada no 2013

Un encontro de cooperativas da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal destaca as posibilidades de colaboración futura

Delagro e Ucanorte, de Portugal, satisfeitos da intercooperación iniciada no 2013

Javier Taboada, á dereita, e Carlos Osorio, ao seu lado, presidentes respectivamente de Delagro e Ucanorte.

O Encontro de Cooperativas da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, celebrado na Escola Superior de Ciencias Empresariais da localidade portuguesa de Valença, serviu para evidenciar as amplas posibilidades de cooperación económica e social futura entre os dous territorios.

No evento participou Delagro como caso de éxito de intercooperación con Ucanorte XXI – União Agrícola do Norte. Delagro integra cooperativas de Asturias, Cantabria e Galicia. Destaca a súa actividade como central de compras e nos últimos anos outro alicerce importante do seu traballo foi a posta en marcha dunha planta de fertilizantes nas Pontes.

Beneficios
O presidente de Delagro, Javier Taboada, e o director xeral da entidade lusa, Carlos Osório, amosaron a súa mutua satisfacción polo acordo acadado no 2013 entre ambas organizacións. Ese acordo permitiu que Delagro amplíe o seu mercado e posibilitoulle a Ucanorte acceder a mellores prezos de materias primas e poder introducir produtos novos, como algúns fertilizantes, de gran interese para o mercado portugués.

Segundo Osório a posibilidade de servirse das instalacións que Delagro posúe nas Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e a creación dunha marca propia de fertilizantes levou á entidade portuguesa a diminuír os custos por hectárea ata en 80 euros.

Tanto Taboada como Osório coincidiron á hora de explicar cal foi a clave sobre a que se asentou o éxito na operación nestes anos: a transparencia nos intercambios de información.

A experiencia, para o presidente de Delagro, enormemente positiva, tamén serviu para ser conscientes “de que en España hai menos proximidade co socio que en Portugal”, o que se convertiu nunha materia para traballar.

De cara ao futuro máis próximo, traballar nos servizos, asesoramento técnico e xurídico, así como a mellora da lexislación de compras son tarefas a acometer canto antes.

Xornada
A xornada, dividida en dúas partes, contou coa presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde, entre outras autoridades de ambos os países. O acto incluíu a firma dun protocolo de colaboración entre Galicia e Norte de Portugal, así como tres paneis sectoriais en torno ao emprendemento, a investigación e ensino e un terceiro, centrado nas cooperativas agrarias, onde, entre outros temas, Daniel Ferreiro, director xeral de Aira, expuxo as claves do proceso de fusión iniciado estes días por Aira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información